Skip to Content

Blogue de admin

Polo bo camiño!

Que ben o pasamos o xoves 23 de maio facendo un pequeno tramo do camiño de Santiago. Actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta e concretamente o "Vexo, vexo, Xacobeo!" Desfrutamos moitísimo da natureza, da compañía e sobre todo da música! A tartaruga Tina Calixtina foi a encargada de acompañarnos e ensinarnos unha morea de cousas sobre o Camiño de Santiago que pasa polo noso Concello e  sobre como ser un bo peregrino ou peregrina. Para isto traballáronse en clase divertidas propostas didácticas. Animádevos a facelo, é unha experiencia xenial! BO CAMIÑO!

O cole entre costuras

Sabedes que? Na biblio do cole dende hai uns meses temos unha máquina de coser! Ao principio os nenos e  nenas pareceunos moi estraño e preguntabamos a miúdo que porque estaba aquilo alí. E xa o entendemos! Os profes do cole estiveron aprendendo a empregala para agora ensinarnos a nos a usala!! Desta vez tocounos aos maiores, que con moito esforzo fomos cortando e cosendo un moedeiro. Daba un pouco de medo pero, foi moi divertido! E xa temos ganas se usala de novo noutro novo proxecto de costura que temos en mente...pronto volo ensinaremos!

Menú xuño 2024

Tecla a tecla, nota a nota.

Que alucine! Grazas a un dos novos kits que recibimos de POLOS CREATIVOS para traballar o día das Letras Galegas, esta semana estivemos coñecendo e experimentando coa placa base TECLA TECLA. E como nos gustou! A actividade orixinal consistía en crear un violín en homenaxe a Luisa Villalta, conectalo á placa base e ao ordenador, e tocar con el. Como era algo difícil de cortar para nos, as mestras encargáronse de crealo e logo nos puidemos usalo. Pero gustounos tanto que decidimos facer algún instrumento máis seguir experimentando! Desta vez, si que nos tocou a nós ser artesáns musicais e creamos un xilófono e un piano. Ademais, aprendemos de paso moitas cousas sobre as características e capacidades dos diferentes materiais que podemos usar, sobre todo no ámbito da condutividade. Sabedes que o noso corpo tamén conduce a electricidade? Nos estamos encantados, e estamos desexando seguir aprendendo a programar a placa con Scratch para facer as nosas propias cousas. Parece algo complicado pero ... seguro que podemos! Isto so acaba de comezar!

Pitas pitas

Coñecedes a Rob Ives? É un mestre e deseñador británico, que tras moitos anos de docencia comezou a escribir libros amosando a súa verdadeira paixón: deseñar creacións móbiles feitas en papel e cartón. Nas súas propostas combina os seus deseños orixinais coas máquinas simples e mecanismos.

Un dos kits de POLOS CREATIVOS que recibimos contiña ideas para imitar estas manualidades, e non quixemos perder a oportunidade de probar a facer algunha delas. Desta vez tocoulles aos alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria, que con moito esforzo cortaron as pezas en cartolina, coa axuda do profesorado montaron a engrenaxe, e logo entre todos pegamos as pezas no seu sitio para conseguir que as pitas se moveran. Costoulles un pouquiño pero o resultado foi xenial! Aquí tedes unha mostra do resultado.

E ti de quen ves sendo?

Na aula de Proxecto Competencial, os alumnos e alumnas de 4º 5º e 6º de primaria estivemos empregando algúns dos KITS SINGULARES que nos enviaron de POLOS CREATIVOS. Un deles contiña actividades para traballar polo mes da nena e a muller na ciencia, e inda que se nos pasou a data porque estabamos a tope de traballo, non quixemos deixar de facelo. Así que pouco a pouco fomos traballando con este material. Para completalo e documentarnos correctamente sobre as mulleres científicas que iamos traballar, comezamos repartíndoas por parellas, que se debían encargar de buscar fotos e información de cada unha delas. Redactamos estes datos e imprimimos carteis cos nomes e coa súa historia, así como as fotos. Seguidamente, para afianzar os nosos coñecementos sobre elas e que os demais tamén as coñeceran, repartimos de forma aleatoria e mesturada cada detalle, foto e nome, e tivemos que ser investigadores para unir todo de novo. Unha vez rematado o noso mural con todas elas, puxémonos mans a obra e creamos algúns dos xogos que contiña este kit. Aquí tedes un pequeno resumo do noso traballo!

FONDO LIBROS E AXUDAS LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2024/2025

Achégase información relativa á ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes con sostidos públicos para o curso escolar 2024/2025 (código de procedemento ED330B).

PRAZO DE PRESENTACIÓN ATA O 21/06/2024 preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Toda a información no documento adxunto: Resumo fondo libros 24-25.

Para máis información:

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/43218

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240520/AnuncioG0761-080524-0003_gl.html

Letras Galegas 2024

Luisa Villalta foi unha muller moi polifacética e activa culturalmente ó longo da súa vida. Nacida na Coruña, violinista, poetisa e gran escritora, foi unha excepcional defensora da natureza, da muller e sobre todo da nosa lingua. Ben merecida honra para ela no día das Letras Galegas e para toda a súa obra así como para lembrar a importancia da nosa literatura. Para renderlle homenaxe fixemos un pequeno mural colaborativo no que todos e todas participamos e de paso aprendemos sobre ela, a súa cidade e biografía. Agora somos uns pequenos expertos biógrafos sobre Luisa Villalta, pero se vós tamén queredes saber máis sobre ela aquí vos van algúns datos de interese. Agardamos que vos guste.

Aniversario Noa

E neste curso damos por rematadas as onomásticas.
Hoxe tócalle a Noa, que xa deu catro voltiñas ao Sol. Naceu en maio como as flores, e hoxe é a flor máis bonitiña do xardín que rodeada e agarimada polo seus compañeiros e compañeiras soprou as velas do pastel! Parabéns Noa!

XVI Xornadas de Clubs de Lectura

Este martes acudimos a Santiago as xornadas anuais ás que todos os centros participantes no programa de Clubs de Lectura asistimos cada ano. Durante este día compartimos experiencias dentro desta actividade que cada centro prepara con mimo para os seus alumnos/as. Descubrimos novas ferramentas para achegar a lectura ao alumnado con necesidades educativas especiais, como a Lectura Fácil. Escoitamos testemuñas de autores que grazas ás súas experiencias na infancia coa lectura e os libros chegaron a converterse eles mesmos en escritores. Compartimos ideas e actividades que poden servirnos para seguir fomentando a lectura nos nosos alumnos, e formas de que esta lectura vaia máis aló de entender palabras senón de traballar conceptos fora do académico e abrirlles novos horizontes.

Distribuir contido


by Dr. Radut