Skip to Content

Benvida

Benvidos/as á Web do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira!

Sitio web do CENTRO EDUCATIVO.

 

Letras Galegas 2024

Luisa Villalta foi unha muller moi polifacética e activa culturalmente ó longo da súa vida. Nacida na Coruña, violinista, poetisa e gran escritora, foi unha excepcional defensora da natureza, da muller e sobre todo da nosa lingua. Ben merecida honra para ela no día das Letras Galegas e para toda a súa obra así como para lembrar a importancia da nosa literatura. Para renderlle homenaxe fixemos un pequeno mural colaborativo no que todos e todas participamos e de paso aprendemos sobre ela, a súa cidade e biografía. Agora somos uns pequenos expertos biógrafos sobre Luisa Villalta, pero se vós tamén queredes saber máis sobre ela aquí vos van algúns datos de interese. Agardamos que vos guste.

XVI Xornadas de Clubs de Lectura

Este martes acudimos a Santiago as xornadas anuais ás que todos os centros participantes no programa de Clubs de Lectura asistimos cada ano. Durante este día compartimos experiencias dentro desta actividade que cada centro prepara con mimo para os seus alumnos/as. Descubrimos novas ferramentas para achegar a lectura ao alumnado con necesidades educativas especiais, como a Lectura Fácil. Escoitamos testemuñas de autores que grazas ás súas experiencias na infancia coa lectura e os libros chegaron a converterse eles mesmos en escritores. Compartimos ideas e actividades que poden servirnos para seguir fomentando a lectura nos nosos alumnos, e formas de que esta lectura vaia máis aló de entender palabras senón de traballar conceptos fora do académico e abrirlles novos horizontes.

Veredicto do Concurso de Fotografía Medioambiental

E xa temos gañadores/as do concurso de Fotografía Medioambiental! Non nos cansamos de ver día a día canto talento hai entre o noso alumnado e as súas familias pois fixeron un traballo espectacular! Os votos das familias foron moi pero que moi repartidos. Podedes ver no documento adxunto quen foron os afortunados/as e ver un vídeo dos magníficos traballos presentados. Parabéns aos gañadores/as!!! Recibiredes proximamente o voso agasallo e tamén o resto de participantes. E lembrade...

"Os gañadores non sempre ganan, e os perdedores non necesariamente deben perder" Martin Landau

Nota: As fotos 2 e 22 están repetidas pero isto non afectou nas votacións.

Capítulo 2: E fixemos guacamole!

Como xa somos uns profesionais da cociña, continuamos cos máis maiores facendo a nosa deliciosa receita das Vendas de guacamole. A verdade é que o resultado foi excepcional pois estaba... delicioso! Que aproveite!

Coidamos a boca!

O alumnado de Educación Primaria participou hoxe dunha charla enmarcada no Programa de Saúde Bucodental “Mira que BOCA”. Cristina hixienista da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras foi quen nos explicou as funcións dos dentes e a boca, as enfermidades máis frecuentes e a importancia de ter hábitos de vida axeitados, especialmente no relativo á saúde bucodental, como son o cepillado correcto e manter unha alimentación axeitada. Grazas Cristina!

Recuperando voces perdidas II

Con motivo da Semana do Libro o noso alumnado recitou poemas de Rosalía de Castro, Anisia Miranda, Gloria Fuertes, Álvaro Cunqueiro, etc. aquí vos deixamos unha fermosa escolma.


II Congreso Nacional de Escola Rural

O pasado venres 3 de maio asistimos ao II Congreso Nacional de Escola Rural en Ribadavia. Tal e coma destacou o conselleiro de Educación, a escola rural, é un modelo educativo de vangarda que é exemplo de cohesión social e capaz de xerar igualdade de oportunidades.
Convencidos que a escola do rural é vida para as aldeas e para os concellos coma o noso onde innovamos e nos implicamos persoal e emocionalmente participamos desta formación co obxectivo de seguir aprendendo para seguir mellorando día a día o noso centro.
Na formación participamos de conferencias, exposicións e difusión de boas prácticas que resultaron de gran interese.

Xogamos e construímos

Os nosos nenos e nenas de Educación Infantil estiveron a experimentar e a poñer en practica as  súas dotes construtivas e iniciarse no mundo MAKER. Pasaron un rato moi agradable na nosa biblio pondo a voar a súa imaxinación. Porque para ser maker non fai falta gran cousa, só moita imaxinación e creatividade!

Xogando e aprendendo

Dentro da liña “Bibliotecarios” do noso PFPP para o curso 23-24 seguimos traballando sobre o concepto integrador da Biblioteca Escolar. A biblioteca é unha ferramenta indispensable para desenvolver no noso alumnado capacidades como pensar, crear, imaxinar e moitas outras. E, a gamificación como estratexia é unha ferramenta moi motivadora. 

Tendo iso presente estamos convencidos que xogar é unha das formas preferidas do noso cerebro para aprender. E na biblioteca non nos iamos quedar atrás con este tema. Os nosos profes crearon este recuncho na biblioteca, ben provisto con xogos de mesa e de enxeño para desfrutar mentres facemos uso deste espazo. Estamos encantados co resultado!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut