Skip to Content

Familias

GRAZAS

 

Prezadas familias:

Este curso 2019/2020 chegou ao seu fin dunha maneira diferente e atípica. Ninguén de nós podería imaxinar que iamos rematar así.

Queremos despedirnos, tanto o Equipo directivo como todo o profesorado do centro, agradecéndolles a axuda que nos prestaron nas súas casas cos traballos que lles enviamos ao alumnado durante todo o estado de alarma. Sen a súa colaboración o traballo telemático co noso alumnado non sería posible.

Moitas grazas pola súa disposición durante todo este período de tempo. Agardamos que a situación mellore canto antes para poder ir volvendo á normalidade.

Reciban un afectuoso saúdo de todo o equipo docente do colexio.

 

ENTREGA E RECOLLIDA DO MATERIAL ESCOLAR DO ALUMNADO

 

Prezadas familias:

Na situación actual e a só 15 días de que remate o curso escolar (19 de xuño) organízase a entrega e recollida do material escolar do alumnado nas seguintes quendas e horarios:

 

  • Venres 19 de xuño de 2020.

 - As familias de 1º e 2º de primaria recollen o material escolar en

horario de 11:00 a 13:00.

 

  • Luns 22 de xuño de 2020.

 - As familias de 3º de primaria entregan os libros do Fondo Libros en

horario de 10:00 a 13:00 e, levan o material escolar do alumnado.

 

- As familias de 4º de infantil (3 anos) recollen o material escolar dos

nenos e nenas en horario de 10:00 a 13:00.

 

  • Martes 23 de xuño de 2020.

 - As familias de 4º de primaria entregan os libros do Fondo Libros en

horario de 10:00 a 13:00 e, levan o material escolar do alumnado.

 

- As familias de 5º de infantil (4 anos) recollen o material escolar dos

nenos e nenas en horario de 10:00 a 13:00.

 

  • Xoves 25 de xuño de 2020.

 - As familias de 5º e 6º de primaria entregan os libros do Fondo Libros

en horario de 10:00 a 13:00 e, levan o material escolar do alumnado.

 

- As familias de 6º de infantil (5 anos) recollen o material escolar dos

nenos e nenas en horario de 10:00 a 13:00.

 

  • Luns 29 de xuño de 2020.

 As familias de 6º de primaria recollerán o historial académico dos seus

fillos e fillas en horario de 10:00 a 13:00. Unha fotocopia compulsada de

dito historial (folla portada e folla última na que conste a data da

Promoción a Secundaria) deberá presentarse no IES, entre o 1 e o 10 de

xullo, para formalizar a matrícula de 1º de ESO.

 

 

Respecto aos boletíns de notas podedes consultalos, a partires do día 19 de xuño, a través da aplicación abalarMóbil, tal e como se fixo na segunda avaliación. En papel entregaranse dentro da bolsa do material de cada discente.

 

Respecto aos libros a devolver á biblioteca do centro, os días que vides ao centro a recoller e entregar o material escolar, podedes depositalos nunha caixa que se habilitará para tal fin na entrada ao centro.

 

Aquelas familias que teñen patíns no centro tamén os levarán aproveitando o día que teñan que vir ao centro.

 

As familias con irmáns en distintos niveis educativos non teñen porque vir en días diferentes. O primeiro día que veñan, levarán o dos demais irmáns.

 

 

IMPORTANTE

 

Ter paciencia, respectar a distancia de seguridade (2 metros) e as normas protocolarias sanitarias establecidas (desinfección, uso de mascarilla...).

 

Todo o proceso realizase na entrada do edificio principal. Ao chegar temos que timbrar e esperar, en caso de que haxa unha persoa dentro, a poder entrar. Se fará de un en un. Antes de entrar o seguinte temos que esperar a que o persoal de limpeza realice o seu cometido de desinfección da zona.

Un cordial saúdo.

 

María Jesús Pérez

Directora do CEIP de Roxos

 

FESTIVO LOCAL E DÍA NON LECTIVO ELEXIDO POLO CENTRO

Segundo o calendario escolar o xoves 21 de maio é Festivo Local e o venres 22 de maio día non lectivo elixido polo centro. Durante eses días o profesorado do CEIP de Roxos non proporá novas actividades escolares.

Ánimo Roxos!

Despois de levar dous mese sin poder vernos, esperamos o mellor para a nosa comunidade educativa. Transmitindo moitas forzas, ánimo e ledicia cun pequeno video

 

VACACIÓNS DE SEMANA SANTA

Segundo o calendario escolar as vacacións de Semana Santa abranguen dende o 6 ao 13 de abril, ambos incluídos. Durante eses días o profesorado do CEIP de Roxos non proporá novas actividades escolares.

O 14 de abril renovaremos a proposta escolar traballando como ata o momento, salvo novas instrucións da Consellería.

A partir de hoxe, os boletíns da 2ª avaliación chegarán ás familias a través da aplicación abalarMóbil. Picando aquí podedes consultar a información que foi colgada fai uns días na páxina web.

Quedamos á vosa disposición e aproveitamos para enviarvos unha agarimosa aperta.

 

INFORMACIÓN E PETICIÓN ÁS FAMILIAS

Prezadas familias:

O profesorado do CEIP de Roxos, desexa que todos e todas esteades ben.

Esta situación non resulta sinxela para ninguén, pero é necesario seguir as recomendacións do Ministerio de Sanidade, coidándonos e coidando aos demais e isto facémolo quedándonos na casa.

Dende Inspección pídesenos á dirección do centro, para enviar a Xefatura Territorial, un informe global notificando os casos do alumnado e profesorado do centro sen acceso a Internet para poder buscar opcións de cara á terceira avaliación.

Por tal motivo prégasevos comuniquedes, como moi tarde o venres 3 de abril, aos respectivos titores e titoras dos vosos fillos e fillas mediante os enderezos electrónicos facilitados na web do centro ou, no caso de non ter acceso ao e-mail, ao propio centro no teléfono 881.867.434 en horario de 10:00 a 13:00 se algún de vós os atopades nesta situación.

Agradécesevos a vosa colaboración para que nos axudedes a transmitir este chamamento ás familias coas que esteades en contacto e saibades que non dispoñen de Internet na casa.

Queremos aproveitar esta comunicación para mandar unha mensaxe de tranquilidade e calma. As mestras e mestres do colexio deseñamos actividades para que os vosos fillos e fillas as vaian facendo na casa. Sabemos que non é unha tarefa sinxela, que moitas familias non tedes impresoras, nin ordenadores, ou temos que compartilos na casa, que as tablets non funcionan todo o ben que quixeramos... pero ante todo TRANQUILIDADE:

  1. As actividades que propoñemos a través da páxina web do colexio non é necesario imprimilas, podédelas facer nas libretas ou en folios, aproveitando os recursos que tedes nas vosas casas.
  2. Non é necesario que se copien os enunciados das actividades.
  3. Se alguén non é capaz de resolver as actividades, ou ten problemas coa páxina web, podedes enviar un correo a calquera das direccións de correo electrónico que o profesorado facilitouvos a través da web do centro e estaremos encantados de axudarvos.
  4. As actividades están clasificadas por materias. NON É PRECISO FACELAS TODAS. Cada un de vós pode ir facendo pouco a pouco o que máis lle guste, seguindo o voso ritmo, sen apuros e sen presións. NON HAI PRÉSA.
  5. Se alguén está nunha situación que lle impida realizar estas tarefas, non pasa nada, este non ten que ser un motivo de preocupación. NON SON AVALIABLES, é dicir, non imos poñer notas.

Non quero despedirme sen salientar que neste momento temos todas e todos unha prioridade, que é coidarnos e coidar aos demais da mellor maneira que poidamos; estamos a vivir unha situación excepcional que require da nosa creatividade e imaxinación para resolver os pequenos obstáculos do día a día.

Seguiredes atopando na dirección unha canle aberta de comunicación a través do correo institucional (ceip.roxos@edu.xunta.gal) onde trasladar calquera dúbida ou inquietude.

Un cordial saúdo

María Jesús Pérez

Directora do CEIP de Roxos

"APRENDEMOS EN CASA"

Prezadas familias:

Por se é do voso interese deixámosvos na seguinte ligazón (pinchar aquí) o horario da programación educativa que ofrecen o Ministerio de Educación e RTVE "Aprendemos en casa" dirixido aos escolares de entre 6 e 16 anos.

LERMIÑO TRÁEVOS CURTAMETRAXES E CONTOS

No blog da biblioteca Lermiño cada día irá publicando curtametraxes e contos para que poidades ver e ler en familia.

 Non deixedes de visitalo!   

 

MEDIDAS ADOPTADAS CON RELACIÓN AO COVID-19

Poden coñecer as medidas concretas, que foron publicadas na páxina da Consellería, no seguinte enlace:

http://www.edu.xunta.gal/portal/medidas-coronavirus

 

A Xunta de Galicia suspende todo tipo de actividade lectiva regulada en todos os centros de ensino non universitario. Esta suspensión inclúe tamén os servizos educativos complementarios, nomeadamente, o comedor, transporte e servizo de madrugadores, con independencia de quen sexa o organizador dos devanditos servizos. Esta medida será efectiva durante os vindeiros 14 días naturais contados dende o día 16 de marzo de 2020. Preme no enlace de enriba para máis info.

 

Os titores e titoras irán colgando nesta web tarefas para que o alumnado poida traballar na casa. Consultade o menú da dereita Actividades COVID-19.

 

 

Ante calquera dúbida, as vías de comunicación co centro serán as seguintes:

  • Correo electrónico: ceip.roxos@edu.xunta.gal
  • Teléfono do centro 881.867.434 en horario de 10:00 a 13:00

 

PECHE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS (COVID-19)

COMUNICADO DO CONCELLO DE SANTIAGO DE PECHE DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
 
As instalacións deportivas municipais pechan ao público a partir de hoxe venres 13 de marzo por un periodo estimado de 15 días, como consecuencia das medidas preventivas adoptadas ante a emerxencia de saúde pública provocada polo COVID-19.
 
Desde o Concello de Santiago manterase o contacto coas autoridades sanitarias de Galicia para manter informados puntualmente aos clubs de calquera cambio que se produza no referente a esta decisión.
 
Para calquera aclaración poden contactar co Departamento de Deportes a través do correo electrónico deportes@santiagodecompostela.gal e telefonicamente, de 9 a 14 horas, no 981 528 730.

Distribuir contido


by Dr. Radut