Talleres e outras formacións

Taller de Hixiene Bucodental

Todo o alumnado de primaria recibiu unha charla moi interesante sobre hixiene bucodental da man da hixienista Cristina.
Falamos das partes da boca, do número de dentes que temos, dos alimentos que debemos reducir en consumo e do que non debemos comer por resultar prexudicial para os dentes. Logo fixemos un obradoiro de cepillado para aprender e corrixir certos hábitos que podemos ter á hora de lavarnos os dentes e todo o alumnado puido practicar o uso do cepillo e a seda dental.
Para rematar, Cristina falounos da gran cantidade de azucre que conteñen moitos alimentos que consumimos e do que non somos conscientes.

Xornadas de formación do Equipo contra o acoso escolar. Equipo ACAE

Hoxe, parte do equipo ACAE do noso centro, desprazouse ata a Cidade da Cultura para acudir á xornada de formación dos equipos contra o acoso escolar. 

Recibiron información sobre o acoso escolar na rede, o impacto do acoso escolar na saúde mental do alumnado, confidencialidade e protección de datos, escoita e apoio fronte ao acoso escolar e a abordaxe xurídica do acoso e ciberacoso escolar.

Seguimos formándonos para mellorar día a día!

Taller de escritura creativa

Este venres achegouse ata o cole Mariluz Pascual para facer co alumnado de 5º e 6º un taller de escritura creativa. Non só traballaron sobre o papel, tamén fixeron dinámicas de grupo, convertéronse en chefs... Para rematar elaborando un menú fantasmal! 

Dende o centro agradecemos enormemente a visita e desexamos que volva!

Charla de Ciberseguridade

No día de hoxe, o alumnado de 5° e 6° de primaria tivo unha charla sobre ciberseguridade da man de Roberto do Equipo Arroba da Garda Civil, encargado das investigacións en ciberdelitos.
Falou das páxinas máis visitadas en internet, das cales a maioría eran coñecidas polo alumnado como Google, YouTube, Facebook, Twitter, Instagram, Wikipedia, Amazon, entre outras.
Foi quen de demostrarnos como, a través do teléfono móbil, nos poden chegar a escoitar e a ver mediante a cámara. Estamos totalmente monitorizados e non somos conscientes diso.
Por ese motivo, é fundamental aprender a utilizar as redes para evitar que nos enganen, utilicen, extorsionen... Sentímonos confiados pero non sabemos quen está ao outro lado. Pero... que pode pasar cando confías en alguén e te equivocas? Podes namorarte e enviar unha foto ou un vídeo que, co tempo, poden utilizar para chantaxearte ou ameazarte.
Porque todo o que colgamos en internet, endexamais se borra de aí.
Como dixo Roberto "temos que aprender a vivir nun mundo que non esquece".
Esperamos que esta charla servira de reflexión para o noso alumnado e que aprendan a andar con moito coidado polas redes.

Formación en Patios Inclusivos

Recentemente todo o Claustro asistimos a unha formación en Patios Inclusivos dentro do Plan de Formación Permanente do Profesorado e seguindo a modalidade INCLÚE-T dos Contratos-Programa.

Consideramos de suma importancia traballar a inclusión para poder atender ás necesidades de todo o noso alumnado e, neste caso, centrámonos nos momentos de ocio e tempo libre. O xogo inclusivo é coeducativo, libre, mediado, accesible a todo o alumnado e respectuoso cos seus ritmos. 

Grazas a Yolanda puidemos aprender a maneira de reorganizar os nosos recreos, motivando ao alumnado con novos xogos nos que todos e todas poidan participar e desfrutar en igualdade de condicións.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra da xornada de formación na que nos volvemos sentir como auténticas nenas e nenos!

Taller de educación emocional e sexualidade

Este luns tivemos un taller de educación emocional e sexualidade da man de Laura de "Quérote+" ao que asistiron tanto familias coma profesorado para recibir información e formación sobre a importancia das emocións, da autoestima e o autoconcepto como parte fundamental do noso desenvolvemento así como achegarnos a como tratar a sexualidade de xeito natural na infancia e como responder ás preguntas que nos poidan formular as rapazas e rapaces con respecto a esta temática.

Taller de Educación Emocional e Sexualidade

Dende o Departamento de Orientación e a Dirección do centro estableceuse comunicación co CIM da Mancomunidade de Verín para desenvolver actividades relacionadas coa educación emocional e a sexualidade. Este taller ten como obxectivo dotar ás familias de coñecementos básicos e ferramentas que lles permitan falar sobre sexualidade e emocións, sendo capaces de resolver dúbidas e preocupacións das súas fillas e fillos. É un taller, non só para as familias do alumnado do centro, senón que está aberto ao público en xeral e terá lugar o vindeiro luns 11 de decembro de 16:00 a 17:30 horas. Agardámosvos!

Obradoiros CDR Portas Abertas

Onte tivemos dous obradoiros da man de Lucía do CDR Portas Abertas no que o alumnado reflexionou sobre a contorna na que vive para comprender a importancia da participación comunitaria. Ademais elaboraron bólas para decorar a árbore comunitaria que se vai montar no Nadal coa colaboración do resto da veciñanza de Vilardevós. Moitísimas grazas a Lucía pola actividade realizada!

Preme na imaxe para ver o vídeo.

Redes Sociais

Programas

 

Actividades biblioteca


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013