Festividades e conmemoracións

Día Internacional da Muller

Hoxe 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller cunha serie de actividades.

Primeiramente no cole, o alumnado coñeceu da man da nosa auxiliar de conversa Alex, a historia de Amelia Earheart, pioneira da aviación estadounidense, como un exemplo de superación e loita polos soños nun mundo no que unicamente eran recoñecidos os logros dos homes. 

Despois démoslle a volta ao conto, e nunca mellor dito, porque escoitaron da man da profe Yaiza o conto "A soldadiña de chumbo" a partir do cal elaboramos un fermoso mural co lema "Todo o mundo pode ser de chumbo" onde tiveron que coser botóns para as letras, pintar, cortar tea e facer boliñas de papel de aluminio. 

Por último fixeron unhas pulseiras co lema "Eres libre, así que vuela".

 

Tamén acudimos á Residencia dos maiores para asistir a un acto conxunto no que Eva, a nosa alcaldesa, leu un manifesto polos dereitos das mulleres e a igualdade. Para rematar deleitamos a todas e todos os presentes cun flashmob da canción "Ay mamá" no que bailamos todas as persoas participantes do cole, Concello, Mulleres Rurais e CDR Portas Abertas. 

Aquí vos deixamos o vídeo do noso baile!

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO - 23 DE FEBREIRO DE 2024

O 23 de febreiro todo o alumnado de primaria realizou diversas actividades relacionadas con Rosalía de Castro.

Premede na imaxe para ver o vídeo!Guay

Entroido 2024 "O Circo de Vilardevós"

Ao longo deste mes de febreiro, vivimos o Entroido a través de diferentes actividades. Puidemos seguir as Mandas da lura Toña no Xoves de Compadres vindo ao cole vestidos e vestidas de home con sombreiro, gravata ou bigote e logo durante os días 5, 6 e 7 de febreiro viñemos con algo na cabeza, zapatos diferentes e pixama, sen esquecernos de que era algo acumulativo. O xoves 8, como cancelaron o Desfile Infantil de Verín, baixamos ao pavillón para desfrutar dunha xornada de festa de disfraces amenizada pola banda de gaitas e a charanga Támega. Pasámolo xenial!!!

Este ano non foi posible desfilar en Verín a causa da chuvia pero... fixemos o noso propio desfile por Vilardevós e saímos para lucir os nosos disfraces e a nosa carpa do CIRCO DE VILARDEVÓS. 

Premede na imaxe para ver o vídeo do desfile.  

 

 

Desfile do Circo de Vilardevós 2024

Trala nova cancelación do Desfile Infantil en Verín por mor das condicións climatolóxicas adversas para o xoves 15, decidimos desfrutar do noso propio desfile por Vilardevós o venres 16 de febreiro a partir das 11:30 horas con saída dende o cole. Esperemos que a chuvia non nos impida lucir as nosas mellores galas e ensinar a todas as persoas que se acheguen a vernos todo o traballo e horas dedicadas nestas últimas semanas. Esperámosvos no Gran Desfile do Circo de Vilardevós!!!!!

 

Festival de Nadal 2023

Aquí vos deixamos o vídeo do Festival de Nadal deste curso para que o desfrutedes novamente. Bo Nadal, Felices Festas e Próspero Ano 2024!!!

Premede na imaxe para ver o vídeo.

Concurso de postais de Nadal

Noraboa a todo o alumnado polas postais de Nadal tan fermosas que elaboraron para o concurso deste ano e unha grandísima felicitación á gañadora do mesmo, Thalia de 4° de Educación Infantil, que recibiu un agasallo moi moi especial.
Pero ninguén marchou hoxe coas mans baleiras xa que fixemos un intercambio con todas as postais elaboradas, ademais de levar a postal gañadora como felicitación do cole para toda a comunidade educativa e con ela desexámosvos, dende aquí, unhas Felices Festas e un Próspero Ano 2024.

 

Día Internacional da Diversidade Funcional 2023-2024

Para celebrar o día da Diversidade Funcional, estivemos escoitando a historia de Bethany Hamilton, fixemos un mural e pintamos coa boca e cos pés.

Premede na imaxe para ver o vídeo!

25N - Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Hoxe 25 de novembro conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un día para unirnos e alzar a voz pola igualdade e a eliminación da violencia machista que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo.
Este ano quixemos achegar o noso gran de area cunha serie de actividades que culminaron coa elaboración, nunha parede do patio, dun mural co lema "QUE NON CORTEN AS NOSAS ÁS!" no que esas ás representan os soños e as metas que todas temos e co que reivindicamos o noso dereito a facer ese voo de xeito libre, consciente e voluntario, sen cadeas nin ataduras.

Preme na imaxe para ver o vídeo!

 

Magosto

Fantástico Magosto o vivido hoxe no cole de Vilardevós no que toda a comunidade educativa desfrutou de bolos preñados, doces variados, castañas asadas e xogos populares. Agradecemento especial ao noso cociñeiro Toño polos doces tan ricos que nos preparou!

Preme na imaxe para ver o vídeo.

 

Festa do Magosto

Este venres 10 de novembro celebraremos o Magosto no cole. Este ano fixemos unha invitación especial, xa que todas as familias que poidan e o desexen, desfrutarán connosco dunha xornada chea de xogos populares e castañas asadas. Pasarémolo xenial!

Redes Sociais

Programas

 

Actividades biblioteca


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013