Skip to Content

OBRADOIRO "O NOSO PAN DE CADA DÍA"

O día 4 de febreiro o alumnado de 1º de Educación Primaria e a súa titora visitaron a panadería Bahía de Foz.

Da man de Gonzalo, "O forneiro maior das Quimbambas", os alumnos observaron varios tipos de cereais (trigo, centeo e millo), aprenderon os nomes de distitnos pans (molete ou peza, chapata, barra, baguette, bolo,...), estudaron as partes dun gran de trigo, cantaron a ritmo de rap os catro ingredientes para facer pan (fariña, lévedo ou fermento, auga e sal), amasaron, fixeron churros e boliñas, moldearon "pulgas" e formaron as iniciais dos seus nomes. Viron tamén o funcionamento de varias máquinas e dos dous fornos: o forno tradicional de leña "Miña xoia" e o gran "Forno das nove bocas".

Despois descansamos un anaco e tomamos a parva que consistíu en napolitanas de chocolate e bolos de leite aos que nos invitou Pedro, "O pasteleiro real".

A continuación reanudouse a actividade e fixeron boliños preñados con chourizos e salchichas que máis tarde degustaron nas súas casas e, como recordo, recibiron uns diplomas pola súa participación neste obradoiro de elaboración de pan artesán galego.

Para todos foi unha xornada moi especial: unha experiencia motivadora, instructiva e moi amena.

Dende o CEIP de Foz número 1 queremos agradecer a colaboración e a xenerosidade dos reponsables da panadería Bahía por abrirnos as súas portas e así achegarnos ao marabilloso mundo dun alimento esencial na nosa dieta: o pan. Queremos tamén darlle as grazas a Quico - "O mestre panadeiro" - a Pedro, a Juan Couto - o Coordinador Pedagóxico -, a Ana, a Esther, a Tamara e, sobre todo, a Gonzalo polo seu bo facer, pola súa maestría e dedecación e pola ilusión e interés que tan ben sabe transmitir.

MOITAS GRAZAS!!!!

 



page | by Dr. Radut