Merendamos leitugas

O alumando de 4º EP realizou unha merenda saudable coas leitugas que plantaron na horta. Para facer unha merenda completa, realizaron a compra do resto de ingredientes que precisábamos no Bascapi e na Panadaría San Amaro. Fixeron encargo, entregaron os cartos, solicitaron factura, calcularon a volta...

Ademais achegaron produtos artesanos e das súas hortas para complementar os bocadillos vexetais, as ensaladas e tostas, como marmelada de amorodo, de framboesas, cebolas...

Non deixaron nin as migas!!!!

ORIENTACIÓN NO MONTE ALOIA

O alumnado de 4º e 5º de Infantil e 3º e 5º de Primaria viviron o pasado martes unha experiencia diferente. Desprazámonos ata o monte Aloia en Tui onde os monitores Dani e Laura tiñan preparada unha auténtica proba de orientación! Pouco a pouco aprendemos a orientarnos nun mapa para poder atopar as balizas que estaban agochadas polo monte. En cada baliza nos esperaba unha proba: atopar follas de árbores distintas, formar palabras co noso corpo, enigmas matemáticos, tangram... Como estabamos repartidos en equipos de todas as idades escollíamos quen podía facer mellor cada proba e os maiores encargáronse moi, moi ben dos máis pequeniños! Por cada proba superada conseguimos unha peza dun puzzle e resulta que ao final precisamos das pezas de todos os equipos para formar as frases agochadas e poder conseguir o premio! Foi unha experiencia moi bonita e moi divertida! Esperamos repetir!

 

Axudas Cruz Vermella

Informamos de que un ano máis, a Cruz Vermella ofrece apoio ás familias daqueles nenos e nenas que teñan dificultades para adquirir o material escolar ou inclusive os libros de texto, complementando a bolsa da Xunta de Galicia, solicitude imprescindible para optar a esta campaña.

As solicitudes serán recollidas na Asemblea da Cruz Vermella de Vigo do 19 ó 30 de xuño.

A documentación imprescindible a presentar para facer a solicitude é a seguinte:

o DNI/NIE/Pasaporte de todos os membros da unidade familiar.

o Volante de empadroamento conxunto/familiar

o Documentos dos menores:

     • Libro de familia

     • Partida de nacemento

o Contrato de aluguer da vivenda, recibo que xustifique pago ou declaración xurada do propietario.

o Copia da solicitude do fondo solidario de libros.

o Ingresos da unidade familiar:

     • Nómina.

     • Certificado de prestacións da Xunta.

     • Certificado positivo/ negativo de prestacións SEPE (INEM).

     • Certificado positivo/negativo de prestacións da seguridade social.

     • Extracto bancario dos movementos dos 3 últimos meses.

     • Vida laboral.

o Outras sentencias/informes.

Camiño de Santiago

O alumnado de 4º EP tivo a sorte de poder coñecer un pouco máis do Camiño de Santiago que lles pasa pola parroquia grazas aos mestres Luís e Javier e grazas ás familias que colaboraron enormemente na achega de información, traducións... Tamén queremos agradecer ao Colegio Hogar por participar na impresión das placas cos códigos QR que achegan moita información en varias linguas sobre os monumentos máis importantes de Matamá polos que pasa o camiño (Muíño da Regueira, Capela de San Amaro, Igrexa de San Pedro). As nosas investigacións foron traducidas a galego, portugués, alemán, italiano, inglés e francés. Agardamos que os peregrinos desta vez teñan a información suficiente sobre o lugar polo que están a pasar na parroquia de Matamá. 

Tamén queremos agradecer a Quini pola axuda na colocación das placas da Igrexa e da capela e a Marcos e Ventura polas facilidades que nos puxeron para a colocación da placa no Muíño da Regueira e a morea de valiosa información sobre o mesmo.

Tamén ao Peregrino Abelino por amosarnos todas as cousas que entraña facer o Camiño, mochila, hospedaxe, rutas, amizades, xenerosidade...

Foi unha experiencia moi enriquecedora que queremos compartir con toda a comunidade educativa e parroquia de Matamá e animámosvos a que escaneedes os códigos QR e leades a información traballada.

 

Chamádeme Simbad e Lagoa das nenas mudas

Na derradeira reunión do Club de lectura, trasnos e trasniños compartiron sensacións con estas dúas marabillosas lecturas como son Chamádeme Simbad e A lagoa das nenas mudas. Dúas historias que moven sentimentos a tope!!! Que vos recomendamos ler sen lugar a dúbidas este verán.

GRAZAS ÁS FAMILIAS POR PARTICIPAR NAS MERENDAS E ANIMANDO AOS VOSOS FILLOS E FILLAS A COMPARTIR LECTURAS!!!!!

OBRADOIRO DE IOGA

O outro día os alumnos de terceiro de primaria tiveron a sorte de levar a cabo un obradoiro de Ioga. Espe, a mestra de Ioga, ensinounos o importante que é relaxarse, estirar o noso corpo, escoitar o noso corazón e respirar... Canto cambiaron as nosas emocións ao longo da sesión!! Moitas grazas!!

 

AXUDAS MUNICIPAIS: LIBROS, MATERIAL ESCOLAR E COMEDOR 2023-2024

 

BOCATA SOLIDARIO. COLABORACIÓN CON AMEDIS

O pasado venres 19 de maio tivo lugar o noso bocata solidario. Este ano a recadación foi para colaborar coa Asociación AMEDIS, que se encaraga de mellorar a aprendizaxe e a autonomía persoal e social das persoas con discapacidade intelectual ou outros trastornos do desenvolvemento. Foi un pracer contar con eles nun día tan especial. Agradecemos a colaboración de toda a comunidade escolar, sen todos vós isto non sería posible.

Total recadado: 1274 €

Gastos: 524 €

Doazón a AMEDIS 750 €

SEMANA CULTURAL

A semana do 15 ao 19 de maio foi un non parar de actividades xa que celebramos a nosa semana cultural.

Comezamos a semana conmemorando as nosas Letras Galegas e para iso contamos co mestre e escritor Anxo Rajó que viu falar do autor homenaxeado neste 17 de maio de 2023, Francisco Fernández del Riego. Que sorte temos de que Anxo saiba tantas cousas del e as aprendamos dun xeito máis entretido e lúdico.

O martes pasámolo en grande coa celebración da primeira edición do "Temos talento". Concurso de talentos organizado polo alumnado de sexto que tivo un gran éxito! Cantos talentos tiñamos no cole agochados!!!

Continuamos o xoves cunha magnífica obra de teatro representada polos alumnos e alumnas de 5º de primaria. Pedazo de actores e actrices que temos no cole! Ademais ese mesmo día contamos coa presenza da Banda de Música de Matamá que nos ensinou os seus instrumentos e deleitounos cunhas cantas pezas. Por se fora pouco déronnos unha sorpresa xa que entre os nenos e nenas do noso cole tamén contamos con grandes músicos!!

O venres visitáronnos os nosos amigos do club de montaña Peña Trevinca cunha chea de aparellos ás costas e un montón de anécdotas que nos deixaron coas ganas de ir á montaña!

Para rematar a semana non podía faltar a visita dos nosos amigos da Asociación AMEDIS. Toda a comunidade educativa tivemos a sorte de ver e escoitar como levan a cabo un magnífico traballo. Por suposto queríamos contar con eles neste día no que tamén celebramos o noso bocadillo solidario para recadar fondos para esta Asociación. Queremos agradecer a colaboración de todos xa que a xornada foi todo un éxito e sen todos e cada un de vós non sería posible.

Todo isto o podedes ver nos seguintes vídeos, non volos perdades!!!

 

 

 

CAMPAÑA DE RECICLAXE

Os nenos e nenas de terceiro estaban preocupados polo coidado do noso barrio, por iso despois de deseñar uns carteis moi chulos para a nosa campaña de reciclaxe decidiron poñerse as luvas e colaborar na limpeza da contorna. Con isto esperan concienciar á xente que non coida Matamá.

MATAMÁ LIMPA, MATAMÁ VIVA!

 

Distribuir contido