PLENO DO CONSELLO DE PARTICIPACIÓN INFANTIL DO CONCELLO DE NARÓN.23-3-2021

A actividade enmárcase nos Consellos de Participación Infantil, un proxecto que se retomou hai uns meses dende o equipo de Educación Viaria de Narón tras suspendelo durante o curso 2019-2020 debido á situación sanitaria derivada da pandemia pola Covid-19.

Implicáronse na actividade dende as aulas uns 160 rapaces e rapazas que hoxe estiveron representados por 15 escolares na sesión plenaria. Tralas reunións mantidas durante este mes por videoconferencia entre concelleiros da corporación local e alumnado dos centros participantes, hoxe celebrouse o pleno no que os menores puideron coñecer a viabilidade das propostas plantexadas a edís da corporación local.

Nesta iniciativa participaron alumnas e alumnos de quinto e sexto curso de Primaria e de primeiro de Secundaria –segundo o caso- dos colexios da Solaina, A Gándara, Ponte de Xuvia, Ayala, O Feal, Piñeiros e Jorge Juan. Os edís de Seguridade Cidadá, Román Romero; Servizos, Ibán Santalla; Obras, Pablo Mauriz, e Sanidade e Medio Ambiente, Santiago Galego, foron os encargados de informar sobre a viabilidade de cada un dos proxectos presentados.

A proposta plantexada polos escolares da Solaina foi  a restauración da pasarela peonil da vía do tren no barrio, presentada co seu proxecto e acompañado das maquetas correspondentes.  O alumnado foi presentando unha a unha as propostas e os edís encargáronse de analizar con eles a viabilidade das mesmas, na maioría dos casos con opción a materializarse segundo lles avanzaron.