Final do curso

Ola chic@s!

Como quen non quere a cousa chegamos ao último día deste estraño curso...

Lembrades o 12 de marzo? Estabamos nunha charla despois do patio, o 13 tiñamos exame de matemáticas. Ou non? Ao rematar a charla conteivos que se suspendían as clases, pero seguramente só uns días. Iso era o que pensabamos, aínda non sabiamos o que se nos viña enriba.

Comezou unha temporada de illamento, de incertidume, de preocupación, incluso de medo. E nesa temporada vós e as vosas familias fóstedes capaces de sacar adiante o traballo que se vos ía enviando. Todos nos tivemos que adaptar ás circunstancias, facernos expertos en teletraballo e teleformación, comunicarnos como podiamos, facernos chegar as cousas da mellor maneira posible mentres cada un/ha de nós viviamos as nosas circunstancias particulares.

FIXÉSTEDELO DE 10!

Agora mesmo todo isto é o noso presente, pero un día será o voso pasado. Non esquezades o que fixéstedes, non esquezades que fóstedes capaces de adaptarvos ás circunstancias e sacar adiante o voso último curso na escola, antes de marchar para o instituto. 

Unha vez escoitei esta frase, non lembro onde: "Non podes escapar do vento. Afrontas a situación, orientas as túas velas e segues adiante".

Na vosa vida moitas veces ides atopar situacións onde o vento non é favorable. Lembrade que neste curso tampouco o foi pero chegástedes a porto.

Se vos parece mañá as 12 nos vemos no Jitsi para despedirnos véndonos as caras. Mesmo lugar e mesmo contrasinal.

Por se alguén non pode conectarse, moita sorte na vosa nova etapa. 

Un abrazo e grazas ás familias pola vosa colaboración e dedicación.