Innovatech FP

Información xeral

O programa InnovaTech FP ten como obxectivo principal impulsar a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial, fomentando a creación de empresas de base tecnolóxica entre o alumnado de Formación Profesional.

Para logralo, o alumnado de Formación Profesional enfrontarase á resolución de 10 retos tecnolóxicos expostos por empresas, cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural.

O alumnado participante afrontará os retos propostos traballando en equipos multidisciplinares e que conten cunha distribución equitativa de xénero entre os seus membros. Deste xeito preténdese integrar perfís profesionais complementarios, á vez que se se promove a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Poderá participar o alumnado de Formación Profesional e persoas egresadas nos últimos dous anos, de todos os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que durante o curso 2023/24 impartan ensinanzas de Formación Profesional e participen no Programa de aulas de emprendemento na Formación Profesional.

Xornada de lanzamento de retos

A xornada de lanzamento dos retos do Programa InnovaTech FP terá lugar o vindeiro 1 de decembro no CIFP Universidade Laboral (Culleredo), en horario de 10:00 a 13:30 horas.

Presentación de solucións

Na seguinte ligazón poderanse rexistrar as solucións propostas aos 10 retos do programa InnovaTech FP 2023/2024.

O prazo para presentación de solucións estará aberto ata o día 31 de xaneiro, incluido.

Soporte técnico e financeiro

Para o desenvolvemento das súas propostas, os equipos participantes contarán con formación especializada e co apoio técnico do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros (CGIFP).

Na páxina web do CGIFP detallarase o alcance da súa colaboración.

Retos propostos

As fosas sépticas desempeñan un papel crucial nas zonas rurais, onde a miúdo non se dispón de sistemas de rede de sumidoiros centralizados. Estas infraestruturas permiten o tratamento adecuado de augas residuais domésticas, contribuíndo a previr a contaminación do chan e a auga subterránea, así como a preservar a saúde pública. Estas fosas obstrúense debido a residuos que quedan atrapados nas reixas de desbaste, que teñen un espazo de luz de paso entre 2 e 3 cm.

O desafío consiste en desenvolver un sistema automático de limpeza para estas reixas que sexa autosuficiente, xa que a maioría destas fosas non dispoñen de alimentación eléctrica, e que requira dun mantemento mínimo, garantindo así a eficiencia e durabilidade do sistema de depuración.

A eficiencia loxística no sector de recambios de automoción é esencial para asegurar a dispoñibilidade rápida de pezas, reducir custos, minimizar o tempo de inactividade de vehículos e optimizar a xestión de inventarios nunha industria altamente competitiva.

O reto consiste en desenvolver robots que se encarguen do reparto de recambios do almacén a cada estación de traballo. Os beneficios son múltiples: diminución dos desprazamentos dos traballadores ao almacén, permitindo que invistan o seu tempo en tarefas de maior valor engadido, optimización de custos e mellora na calidade do servizo loxístico, e asegurar que os recambios se asignen correctamente no primeiro intento.

Estes robots deben ser adaptables ao tamaño variado dos recambios (multiformato), capaces de manobrar en diferentes localizacións (multiposto) e ser versátiles para atopar roteiros evitando obstáculos constantemente cambiantes no taller (multi-itinerario). A solución busca combinar eficiencia, eficacia e adaptabilidade na contorna dinámica dun taller de automoción.

A captación e recollida de datos dos visitantes que participan en eventos deportivos supón un desafío que afronta o ámbito do turismo deportivo. Existe unha necesidade crítica de comprender mellor o perfil e as preferencias destes turistas para mellorar a súa experiencia e fomentar o seu retorno.

O obxectivo é crear un sistema sinxelo e eficiente que facilite a obtención de información relevante sobre os turistas deportivos, mellore a súa experiencia durante a súa estancia en eventos deportivos e aumente o seu interese en regresar a Galicia. Isto lograrase mediante o desenvolvemento dunha ferramenta tecnolóxica que ofreza asistencia personalizada, promova e incentive a interacción cos servizos e atractivos do evento e proporcione un canal de comunicación directa entre os organizadores e os visitantes.

Buscamos que esta solución dixital non só sirva como guía e soporte durante o evento senón que tamén funcione como un medio para manter unha relación duradeira co turista, incentivando a súa lealdade e promovendo a oferta deportiva galega.

A xestión eficiente da masa forestal desempeña un papel esencial na prevención de incendios, mellora a sustentabilidade ambiental e permite un aproveitamento óptimo da madeira, promovendo un equilibrio entre a conservación e a utilización sostible dos recursos forestais.

Este reto consiste en deseñar un dispositivo para a súa instalación en zonas forestais, coa capacidade de transmitir datos en tempo real sobre humidade ambiental, temperatura e velocidade do vento, factores esenciais para avaliar o risco de incendio na zona. Ademais, este sistema debe ofrecer a funcionalidade de monitorizar e rexistrar o crecemento dun ou varias árbores próximas. É esencial que este dispositivo teña un custo reducido, permitindo a implementación de múltiples unidades nunha área determinada, co obxectivo de fortalecer a xestión forestal e a prevención de incendios de maneira efectiva.

O desafío é desenvolver un método ou instrumento capaz de medir de forma rápida a porcentaxe de graxas (especialmente oleínas) presentes nas pastas resultantes dun proceso de refinado de aceite.

O principal propósito deste instrumento é optimizar o proceso de refinado, permitindo unha maior precisión na separación de compoñentes útiles. Ademais, proporcionará información valiosa para a revalorización e aproveitamento dos subprodutos derivados do proceso.

Este reto consiste en deseñar solucións innovadoras que transformen os envases de plástico reciclado e reciclable, empregados polas empresas de produtos cosméticos para salóns de peiteado e centros educativos, en produtos de consumo duradeiro para estes mesmos espazos.

A pesar de que estes envases son reciclables, a súa reciclaxe non sempre se realiza adecuadamente con este reto búscase proporcionarlles un segundo uso, evitando que sexan dun só uso. Espérase que os produtos resultantes sexan funcionais e que respondan as necesidades reais de salóns de peiteado e centros de Formación Profesional. O obxectivo é promover a sustentabilidade, reducindo o impacto ambiental e ao mesmo tempo xerando valor engadido no sector.

Para este reto é esencial a colaboración interdisciplinar: estudantes de ciclos de salón de peiteado poden achegar a súa visión práctica, mentres que aqueles de química, fabricación industrial, comunicación e márketing poden contribuír con técnicas, deseño e estratexias de divulgación.

O reto consiste no deseño, confección e reconstrución dunha colección cápsula reciclada a partir de tecidos en desuso co obxectivo de darlles unha segunda vida aos restos téxtiles doutras tempadas (tecidos de camisería, tecidos de circular, tecidos técnicos, etc.).

A presentación desta colección faríase mediante unha App que empregue Realidade Aumentada. Esta presentación deberá poder incluír información detallada das pezas (a orixe, composición e historia de cada peza).

O obxectivo é poñer en valor o proceso de produción e que o cliente coñeza de primeira man de onde vén o produto, que materiais se utilizaron para a súa fabricación, durabilidade da mesma, coidados e mantemento etc.

O reto consiste en deseñar un sistema avanzado de análise de datos que transcenda as capacidades dun CRM tradicional que, mediante a aplicación de aprendizaxe automática, identifique patróns de compra e tendencias estéticas relevantes, integrando fontes diversas de datos, como redes sociais, para obter unha visión ampla do comportamento do cliente.

O sistema deberá implementar ferramentas de deseño asistido por intelixencia artificial, integrando datos externos relacionados con tendencias industriais e eventos socioculturais, para aliñar de maneira óptima as coleccións de deseño coas preferencias cambiantes do mercado.

Adicionalmente, incorporaranse algoritmos de optimización para a adecuada distribución de produtos en puntos de venda, considerando a demanda histórica e variables estacionais. Deberá integrar un mecanismo de feedback continuo por parte dos clientes.

Tanto nos centros para persoas maiores como nos domicilios nos que se coida a persoas maiores existe unha preocupación constante polas caídas e as deambulacións ou localizacións errantes. Esta preocupación encádrase ademais nun contexto de redución das contencións nas persoas maiores para preservar o seu benestar. No mercado hai solucións tecnolóxicas pero, ás veces son complexas e, noutras, teñen un excesivo control sobre a persoa, limitando o seu dereito a decidir en cada momento.

O reto consiste en deseñar e desenvolver solucións tecnolóxicas para prestar apoio ao coidado das persoas maiores en casos de caídas ou deambulacións que sexan, minimamente invasivas, adaptables ás necesidades de cada persoa e nas que a última esta poida ter un papel activo. Para iso, considérase necesario que xunto á visión tecnolóxica as propostas se realicen desde a perspectiva social e sanitaria.

Os consumos non facturados que xorden na distribución de enerxía eléctrica, ademais dos posibles riscos para as persoas, supoñen un importante problema económico e medioambiental.

O reto consiste na creación de novas ferramentas que posibiliten a detección de perdas de enerxía eléctrica co propósito de garantir que toda a enerxía consumida sexa adecuadamente facturada, contribuíndo así á diminución das perdas non técnicas. A información proporcionada polos contadores intelixentes, instalados en practicamente o 100 % dos puntos de subministración, posibilita o desenvolvemento de ferramentas de Big Data para estimar que puntos son propensos a sufrir perdas.

Vídeos

Etiquetas: