Pais/Nais
Á memoria de Juan Carlos Ares Rodríguez
Profesor de Física e Química
Rdo. dos teus compañeiros e alumnos do IES Rosais 2 (Vigo)
Querido compañeiro e amigo:
Deixas en nós un profundísimo recordo pola túa bondade, pola túa alegría, pola túa amable convivencia. Máis alá das túas ensinanzas deixas no alumnado unha aprendizaxe de vida. E nos teus compañeiros unha lembranza de afecto e, para sempre, de saudade.
A dirección do centro facilita para aquelas persoas que o desexen o seguinte correo onde poder enviar as súas condolencias: ies.rosais.2@edu.xunta.gal
Obituario
Doutorado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela, formou parte do equipo de investigación en edafoloxía creada polo catedrático Francisco Guitián Ojea.
Foi profesor de ensino secundario, funcionario de carreira desde o 1996 en distintos institutos da provincia de Pontevedra.
No IES Val de Tea (1999-2008) formou parte do equipo directivo, primeiro como xefe de estudos e despois como director. Foi un dos profesores pioneiros na implantación do XADE, á man, polas tardes, nesas colaboracións silenciosas, discretas, non recoñecidas, que facilitaron a introdución da dixitalización na educación en Galicia.
Ese mesmo labor era o que estaba a desenvolver, á beira das súas clases, desde 2013 no IES Rosais 2 de Vigo.
Foise con el un profesor excepcional, paciente co seu alumnado e con alma de ensinante, un querido compañeiro, apreciado por todos pola súa discreta dilixencia e a súa atención infinita. Un amigo inesquecible. O recordo da súa bondade, da súa alegría, da súa amable convivencia, perdurará para sempre.
Comunidade Educativa IES Rosais 2.
Ligazóns de prensa: La Voz de Galicia e Faro de Vigo.
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+