Pais/Nais
O seminario de tecnoloxía organizo a charla "Navega con rumbo" para os alumnos de TIC de 1º de Bacharelato o luns 19 de maio.
O enxeñeiro informático Iván Luis Vázquez foi quen impartiu a charla.
Captando a atención do alumnado dende un inicio, falou da importancia de coñecer as vantaxes e os perigos que implica facer un uso incorrecto da Internet.
Fixo fincapé en que coñecer e previr son fundamentos clave para navegar seguro por Internet e ao utilizar calquera medio actual de comunicación, como pode ser WhatsApp.
Tratou temas como: os spam, os hoax ou contos, o phishing, o ciberbulling, o grooming, as redes de intercambio-P2P, dun xeito claro, indicando os pasos que se deben seguir no caso de que se fose vítima dalgún deles.
Finalizou a charla con recomendacións para non ter ningún problema á hora de utilizar Internet: uso de contrasinal axeitado, coidar a privacidade, ser respectuoso cos demais, utilizar antivirus, entre outras.
Quedamos con esta frase:
"Non fagas en Internet o que non farías na vida real".
O xoves, 15 de maio, o alumnado de 2º curso da ESO tivemos o privilexio de disfrutar da presenza de Ledicia Costas, a autora de O corazón de Xúpiter, esa novela que nos engaiolou a todos e, sobre todo, a todas dende o primeiro momento.
Que non podiamos parar de ler pola intriga de descubrir quen era Xúpiter e como acabaría aquela relación cibernética coa protagonista.
Que algúns lemos dunha tirada na tarde do domingo anterior ao exame.
Que outros lemos dúas veces de tanto que nos gustou.
Que varios recomendamos a familiares e amigos para facelos partícipes das nosas emocións.
Que nos indignou cando descubrimos o tráxico final, que non estabamos dispostos a aceptar por nada do mundo, por consideralo inxusto e cruel.
Que nos revolveu as entrañas facéndonos sentir todo tipo de emocións, dende u odio ao amor, pasando polo medo; dende a rabia e a impotencia á compaixón e á comprensión.
Pero, sobre todo, que nos permitiu identificarnos, vernos a nós mesmos/as cara a cara coa realidade da vida, mesmo nos seus aspectos máis duros, nos seus momentos máis intensos:
O amor, o desamor, a primeira relación, o acoso escolar, a amizade, as relacións con persoas doutro sexo, a droga, a familia, a morte, a morte na flor da vida…. Todo un cóctel, no que non falta ningún ingrediente da adolescencia do noso tempo, perfectamente remexido e contado de xeito áxil e natural, para facernos pensar, discutir, reflexionar … para facernos sentir o pulso vital.
En definitiva, para axudarnos a medrar.
Moitas grazas Ledicia!!!
O luns, 12 de maio, acudiu ao noso Instituto Manuel Núñéz Singala, escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago. Núñez Singala dirixiu unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato, a instancias do Departamento de Lingua e Literatura Galega. A charla xirou arredor de “Conceptos básicos de Sociolingüística”, un tema que en anteriores ocasións se dirixira aos cursos de 2º de Bacharelato. Esta temática é moi importante no curso de 2º, e deste xeito faise unha preparación para que o alumnado se vaia familiarizando coa área da Sociolingüística, que tanto peso terá na preparación para as probas de acceso á Universidade. Núñez Singala fixo un percorrido polos conceptos fundamentais sociolingüísticas, intentando que o alumnado fose quen de profundizar e reflexionar acerca dos prexuízos lingüísticos e co que estes provocan. O autor da obra Comedia Bífida, ben coñecida no nivel de 2º de Bacharelato, fixo dos conceptos unha charla amena, comprensible e moi entretida.
O gravado sobre linóleo é unha das actividades con máis aceptación dende hai varios anos pois se converte en algo novo onde os alumnos poden expresar a súa creatividade. Nesta actividade valórase a composición, a expresividade da cor, o dominio da liña e a destreza no manexo dos elementos propios da técnica.
Jose Ángel Padín, alumno de 4º ESO demostrou dende principio de curso unha habilidade especial para o gravado non só na rápida resolución senón tamén, e máis importante, na súa creatividade á hora de afrontar calquera tema. A principios do mes de maio facilitáronselle os medios para expoñer uns vinte gravados de forma individual.
Nestas dúas exposicións os prezos dos gravados están á venda polo módico prezo de dous euros.
O día 7 de maio o alumnado de 1º E.S.O. participou nunha actividade extraescolar organizada polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía. Os alumnos/as estiveron acompañados polas profesoras Mª Victoria Cobas , Mª Teresa Freijido, Vanesa Rodríguez e Olga Mijón, a saída tivo como obxectivo ampliar coñecementos de forma creativa e práctica, visitando o Aquamuseum do Rio Miño en Vila Nova de Cerveira e a Catedral de Santa María en Tui.
No Aquamuseum do Rio Minho o alumnado profundizou no estudo do ecosistema fluvial, na primeira parte da visita observaron diversos acuarios que recrean a fauna piscícola, autóctona e introducida (lamprea, troita, troita arco iris, black bass, espinosillo, gambusia, robaliza, …) característica de cada etapa do curso do río e finalizando na zona do esteiro; ademáis recibiron información sobre os artes de pesca tradicionais que se empregaban na zona, e na visita tamén puideron disfrutar da presencia dunha parella de lontras que están acollidas no Centro.
A segunda parte da visita consistíu no estudo do ciclo reprodutivo dos anfibios, o alumnado tivo a oportunidade de observar varias especies de anuros e urodelos, algunha delas pouco frecuente como o limpafontes palmado; ademáis de limpafontes común, limpafontes verde, sapos e rás.
En Tui visitamos a Catedral de Santa María, obra iniciada no século XII, en pleno estilo románico e posteriormente continuada aplicando o estilo gótico como queda constatado na fachada principal. O templo alberga un importante museo catedralicio, un claustro considerado unha soberbia obra do gótico e desde os xardíns subindo a torre de Soutomayor, contemplaron unha espectacular vista do río Miño.
O día 29 de abril, os alumnos de 1º ESO acompañados polas profesoras Mª Teresa Freijido, Beatriz Vázquez e Victoria Cobas fixeron unha visita didáctica á Fundación Barrié, para asistir ao espectáculo didáctico de Ciencia "Rayos e centellas", sobre a historia da electricidade e os seus principios físicos.
O día 10 de abril, o alumnado de 1º e 2º Bacharelato, acompañados polo Director D.Luis López Grillé, fixeron unha visita á Escola Naval de Marín.
Os alumnos recibiron, ao chegaren á Escola, unha breve presentación sobre as formas de ingresar na Escola, e as posibilidades da carreira. Foi realmente interesante, pois segundo lles explicaron, na Escola Naval Militar impártese a formación dos futuros componentes da Escala de Oficiais da Armada.
Pero, ademais, como Centro Universitario da Defensa, está adscrita á Universidade de Vigo e, polo tanto, imparte tamén a formación necesaria para que os futuros oficiais do Corpo Xeral e Infantería de Mariña obteñan o Título de Grao de Enxeñaría Industrial, rama de Mecánica, adaptado ao novo plan universitario Bolonia. É dicir, ofrece a posibilidade de cursar simultaneamente as carreiras de Oficial da Armada e Enxeñeiro.
Posteriormente, repartidos en grupos que foron guiados por gardamariñas, realizaron a visita aos puntos de interés da ENM: simulador de navegación, planetario, e pañol histórico.
Os nosos alumnos de 3º ESO, Nicolá Le Creurer e Sabela Corral, participaron representando un ano máis ao noso Centro, na 8ª edición do Concurso de Deletreo, "Spelling Bee", organizado en Vigo, o venres 14 de marzo, por Schoolhouse. A pesar da inmensa dificultade das palabras que lles tocaron, ambos os dous superaron a primeira rolda e Nicolá Le Creurer conseguiu o segundo posto entre todos os centros públicos e privados de Vigo. Congratulations!
O día 10 de marzo de 2014, o alumnado de 2º ESO asistimos a unha interesante e didáctica charla-coloquio co autor de Un bosque cheo de faias, Francisco Castro. Para algúns de nós, Francisco é moito máis ca un escritor: é un veciño, o pai do noso amigo, o pai dun exalumno do centro, xa un asiduo do noso IES e, ante todo, un amigo entrañable sempre disposto a botarnos unha man coa súa morna pedagoxía, especialmente cando se trata de animación á lectura. Lectura, a súa, sempre comprometida, con afán de facernos cidadáns críticos, responsables, sensibles… En definitiva, facernos máis humanos e mellores persoas.
En Un bosque cheo de faias, o compromiso é coa sensibilización dos adolescentes ante o racismo, a discriminación por calquera razón, ou mellor dito, sen razón; os neonazis, que actúan desta volta nun espazo literario doadamente recoñecido por nós, supostamente a nosa cidade.
Pasamos unha tarde de luns amena e diferente. Un grupo de alumnos e alumnas sorprendeunos a todos e, especialmente ao autor, cunha pequena representación teatral adaptando anacos dalgunhas das súas obras xa coñecidas por nós. Así, polo escenario desfilaron personaxes como Paulo, o neno protagonista da novela Chamádeme Simbad, que non entende o que lle está a pasar ao seu avó enfermo de alzhéimer; o avó demenciado, que se fai pasar polo capitán dos Sete Mares e só confía no seu neto, para el Simbad; Nelson, o adolescente negro agredido polos neonazis; os amigos de Nelson e tamén o seu agresor, Caride, entre outros.
A presentación do autor correu a cargo do golfiño protagonista da súa novela, O ceoo dos afogados.
Unha vez máis, Francisco engaiolounos coa súa conversa salpicada de humor, amena e lúdica; ao tempo que reflexiva e profunda.
Grazas, Francisco.
O alumnado de 3º ESO, 4º ESO B e 4º ESO C gozaron dunha conferencia en inglés na que aprenderon moitas cousas sobre o estado de California, a cargo do relator Kevin Birmingham. A conferencia tivo lugar o venres, 7 de marzo, no Salón de Actos do noso Centro por xentileza de Global Project.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 38
- 39
- 40
- 41
- 42
- 43
- 44
- 45
- 46
- seguinte ›
- última »
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+