blogue deflf

Actualización normativa sobre o uso de teléfonos móbiles e novo protocolo de actuación contra o acoso e o ciberacoso

Nas primeiras semanas de xaneiro do 2024 a Consellaría de Educación actualizou a normativa sobre o uso de teléfonos móbiles nos centros educativos e o protocolo educativo para a prevención, a detección e o tratamento do acoso e do ciberacoso escolar. Así mesmo, publicouse a orde que regula a avaliación de diagnóstico en 2º ESO.

PUBLICACIÓN REGULACIÓN DO USO DOS MÓBILES | CEIP de Galán

O primeiro dos documentos recomenda a prohibición do uso de teléfonos móbiles por parte do alumnado durante toda a xornada escolar. Enténdese por xornada escolar os períodos lectivos (as clases) e os períodos non lectivos, é dicir, as entradas e saídas, o tempo de recreo, de comedor escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares. En suma, para o noso centro esta actualización normativa supón escasa novidade, posto que o artigo 127 das Normas de Organización e Funcionamento do centro xa determinaba que "durante a xornada escolar, o alumnado deberá manter inactivos e debidamente gardados os teléfonos móbiles e calquera outro dispositivo en toda o recinto e dependencias do centro".

O segundo dos documentos supón a modificación do protocolo de actuación contra o acoso e o ciberacoso vixente desde o ano 2018. Entre outras novidades, recolle a creación nos centros educativos dun equipo ACAE, é dicir, de actuación contra o acoso escolar.

Ese equipo estará composto por un mínimo de tres profesoras/es do centro: a persoa que ostente a Xefatura do Departamento de Orientación, o/a Coordinador/a de Bienestar e outro/a profesor/a a designar pola Dirección do centro para o estudo de cada caso concreto de presunto acoso. Será o equipo ACAE, en coordinación coa Dirección do centro, quen decida se existen suficientes indicios de acoso como para abrir un protocolo.

Así mesmo, determínase a creación dun "Punto Laranxa" onde calquera membro da comunidade educativa poderá sinalar presuntos casos de acoso. Os Puntos Laranxa deberán ser tanto físicos como virtuais.

En canto ás avaliacións de diagnóstico, a LOMLOE estabelece que se realizarán en 4º de Primaria e 2º da ESO. Participará nelas todo o alumnado do nivel. A proba, que carece de efectos académicos e só ten valor informativo, non ten aínda unha data fixada. 

No desenvolvemento da proba “os centros educativos contarán co apoio dunha plataforma informática”. Unha vez corrixida, os centros recibirán un informe, que deberá ser valorado pola CCP. Esa valoración trasladarase “aos diferentes órganos de coordinación didáctica do centro e ao Consello Escolar do centro, coa finalidade de que se leve a cabo a súa análise e se propoñan medidas de mellora”.

Nos anexos están dispoñibles os catro documentos citados (artigo 127 das NOF, orde sobre o uso de teléfonos móbiles, protocolo de actuación contra o acoso e orde que regula as avaliacións de diagnóstico).

Continúa a exposición de carteis publicitarios

Ao longo das dúas últimas semanas de clase, o alumnado de Valores Éticos de 1º e 2º da ESO foi completando a exposición de carteis publicitarios. Velaquí vos deixamos tres collages con algúns dos mellores carteis:

Manipulación a través da publicidade

En 3º da ESO traballouse preferentemente sobre as técnicas publicitarias e o impacto que estas teñen nos consumidores.

 

Como se pode ver neste exemplo a cargo de Artai Massó e Carlos Sánchez, pedíase ao alumnado que, na súa contorna próxima, identificase situacións de publicidade abusiva ou enganosa. Neste tipo de estratexias publicitarias, trátase de xogar co prezo ou a dispoñibilidade dun produto para estimular os impulsos de compra dos consumidores. Quen non picou algunha vez?

Historia da publicidade

En 4º da ESO o alumnado o traballo do alumnado orientouse sobre todo á evolución dos carteis publicitarios, en especial no eido da industria, o ocio e a poítico, que o alumnado plasmou en forma de presentacións. Como exemplos, traemos aquí dúas presentacións: por un lado a de Alba Lolo e Lucía Castro e por outro a de Martín Pérez. 

Na primeira delas pode observarse a evolución do cartelismo desde finais do século XIX até os nosos días: de carteis moi abigarrados pasamos a deseños moito máis simples, que procuran un forte impacto visual coa máxima economía de medios. Na segunda trabállanse algúns cartelistas famosos de finais do XIX, como Toulouse Lautrec, a outros máis recentes, como Fons Hickmann. Trátase case sempre de exemplos vinculados ao cine, onde o cartelismo segue a ter na actualidade unha forte presenza.

 Con esta temática buscábase a continuidade entre a materia de Valores Éticos e a de Xeografía e Historia. Esta última en 4º da ESO corresponde por completo á arte e historia da Idade Contemporánea. A propaganda, como forma de difusión de novos hábitos culturais e de consumo, ten un papel moi relevante na vida contemporánea. 

 

Exposición de carteis publicitarios

Xustos de tempo estamos a ultimar a exposición de carteis publicitarios realizados polo alumnado de Valores Éticos. Poderase ver no espazo expositivo (as redes) da primeira planta do centro até finais de xuño.

Con Carlos Fernández, profesor do departamento de Lingua Castelá, o alumnado de 2º da ESO está elaborando carteis publicitarios sobre as normas de convivencia do centro. Había que escoller unha norma e publicitala cun eslogan e un deseño chamativos. Os famosos partes –os apercibimentos escritos– son o terror do noso alumnado!

Con Cruz Faci, de Xeografía e Historia, o alumnado de 4º da ESO tiña maior liberdade. O alumnado podía publicitar calquera cuestión relacionada cos Dereitos Humanos ou un produto inventado. De momento temos unha campaña sobre os dereitos da comunidade LGTBI, unha empresa de gofres, o Pocket Phone e as deportivas Point, que destacan pola súa comodidade. Tal vez no futuro sexan os produtos estrela da túa tenda!

Linguaxe publicitaria

Da man do profesor Carlos Fernández, o alumnado de Valores Éticos de 1º e 2º da ESO estivo traballando sobre os tipos e destinatarios da publicidade, así como sobre a linguaxe que a publicidade emprega para crear necesidades de consumo e convecernos da bondade dos produtos cos que traballa.A parte máis curiosa do traballo foi aquela en que o alumnado analizou publicidade histórica, como o anuncio das bonecas de Famosa ou dos bolígrafos Bic. Ambos son un bo exemplo de como a música dun anuncio pode axudar a completar un anuncio. Que non coñece aquilo de “Las muñecas de famosa / se dirijen al portal” ou esoutro de “Bic naranja, escribe fino”.

Publicidade sexista, racista ou violenta - 2º ESO B

Ao cargo do profesor Félix Longueira Fafián, o alumnado de Valores Éticos de 2º ESO B recompilou por grupos anuncios publicitarios con contidos sexistas, racistas ou violentos contra as persoas e animais. Como podedes supoñer, non foi difícil atopar anuncios nestas coordenadas. 

Un dos grupos analizou a publicidade de automóbiles, case sempre dirixida a varóns de clase media e alta. Outro dos grupos analizou a publicidade de cosméticos, que neste caso diríxise case sempre cara mulleres. Ademais de ideais de beleza, en ambos campos da publicidade, transmítense ideas asociadas á masculinidade (liderado, status social, agresividade) e a feminidade (delicadeza, brandura, preocupación obsesiva pola imaxe corporal).

Houbo tamén traballos sobre os anuncios de apostas deportivas e xogos en liña ou sobre os youtubers. Mais sen dúbida a marca que máis xogo deu foi a de desodorantes Axe, pola hipersexualización constante dos seus anuncios e o rol pasivo que neles xoga a muller. Velaí deixamos, como mostra, a presentación que elaboraron Alba e Aitana. 

 

Obradoiro: Programa Cores, 23 de marzo de 2017

O 23 de marzo estiveron connosco Ana, Héctor e María, técnicos de consumo da Escola Galega de Consumo. Impartiron ao alumnado de Valores Éticos do centro o Obradoiro do Programa Cores. Foron preto de 200 rapazas e rapaces os que asistiron ás oito sesións do obradoiro ao longo da mañá!

No obradoiro falouse de consumo responsábel e publicidade. Analizáronse as estratexias que a publicidade utiliza para crear necesidades de consumo, a relación entre xénero e publicidade ou casos de publicidade enganosa.

Foi un obradoiro moi participativo, no que o alumnado tivo a oportunidade de despregar os seus coñecementos sobre publicidade que foron adquirindo na materia de Valores Éticos.

Distribuir contido