Punto Laranxa contra o acoso escolar

VIAXE A HAMBURGO

Hai unhas semanas un grupo de alumnado de 1.° Bacharelato visitou Hamburgo. Unha desas alumnas, Laura Custodio, envíanos esta carta para contarnos a experiencia.
⬇️
A semana do 21 ao 28 de abril un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato viaxamos acompañados pola profesora de alemán, Luisa, a Hamburgo. O mes anterior recibíramos a visita dos estudantes alemáns, así que a emoción por vernos de novo era o sentimento predominante. Ao chegar vimos aos nosos compañeiros de Hamburgo esperándonos no aeroporto, vestidos coas camisetas de Zalaeta que lles regalaramos. Os saúdos e as apertas non tardaron en chegar. Ao día seguinte reunímonos todos no “Gymnasium Meiendorf”, o instituto, para despois ir coñecer o centro da cidade. Durante a fin de semana as actividades foron preparadas polos alumnos alemáns. O sábado demos un agradable paseo en canoa e fomos a un parque de atraccións, coñecido como ‘’ Dom’’. O domingo decidímonos por unha actividade máis relaxada e pasamos a tarde todos xuntos xogando baloncesto. Durante o resto da semana visitamos unha cidade próxima chamada Lübeck e seguimos aprendendo sobre a historia de Hamburgo, vendo os seus sitios máis emblemáticos. No “Speicherstadtmuseum” tivemos a sorte de contar cunha profesora española como guía. O último día da nosa viaxe estabamos xa esgotados, pero aínda queriamos quedarnos un tempo máis xunto aos compañeiros alemáns. Cando nos vimos obrigados a despedirnos, no aeroporto, as bágoas non tardaron en aparecer. Realmente fixeramos grandes amigos durante este intercambio e sentímonos moi tristes ao ter que dicirlles adeus, ata quen sabe cando. Finalmente separámonos con promesas de volver a vernos pronto e dispuxémonos a coller o avión que nos levaría de volta a casa.

Últimos Artigos

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer