23 de abril: Día do Libro

 

23 de abril: Día do Libro

Para celebrar o Día do Libro, desde a Biblioteca e o Club de Lectura, coa colaboración de Avelaíñas Teatro e a Vicedirección de Actividades Extraescolares:

Exposición de ‘libros de todo tipo’ no corredor da biblioteca.

Exposición e venda de libros na entrada do Instituto, a cargo da libraría Alberte Quiñoi.

- Proxección dunha Galería de Lectores e Libros na Biblioteca.

Lectura gravada en vídeo de O Principiño (70 anos), por parte do alumnado que se presente voluntario e que recibirá como agasallo un vale de 1€ para consumir na cafetaría.

Komandos poéticos dos Retelladores/as do Galiñeiro percorrerán as aulas do Centro, agasallando ao alumnado coa lectura de poemas.

- Actividade de animación á lectura na Biblioteca, desenvolvida por Avelaíñas teatro, no que participarán por quendas os distintos grupos.

Actuación-obradoiro de rap, de Didaco. Ás 15 horas, no salón de actos, para o alumnado do Club de Lectura, de Avelaíñas teatro e invitados.

cartel23abril

A xira do grupo de teatro do Losada: Avelaíñas teatro

Este sábado comezou en Palas a intensa xira do noso grupo de teatro. Aquí tedes todas as datas, aínda que non esteades cerca, e un evento ao paga moito a pena.DSC_00413

SÁBADO, 13 DE ABRIL: Na V Mostra de Teatro Escolar que se celebra en abril e maio na Casa de Cultura de Palas de Rei. Haberá un roteiro teatral polo interior e polos arredores do Castelo de Pambre.

MARTES, 23 DE ABRIL: Nas bibliotecas do I.E.S. Antón Losada Diéguez e do I.E.S. Manuel García Barros da Estrada. Animación á lectura.

MÉRCORES, 24 DE ABRIL: Visita á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, Museo da palabra e Museo do mar.

SÁBADO, 27 DE ABRIL: Na I Mostra de Teatro que organiza o I.E.S. Antón Losada Diéguez, no Teatro Principal da Estrada. Haberá un roteiro teatral na aldea de Ouzande.

MARTES, 7 DE MAIO: No Festival de Teatro Agrelo Hermo de Muros, ás 12:00 horas para público escolar.

SÁBADO, 11 DE MAIO: Na VI Mostra de Teatro Escolar de Touro. Haberá un roteiro teatral no Pazo de Andeade. 

15, 16, 17, 18 E 19 DE MAIO: En Chaves, Idanha A Nova, Idanha A Velha, Monsanto e Penha García (Portugal); no Teatro Romano de Mérida... Estas actuacións irán enmarcadas nunha viaxe con marcado carácter didáctico por cidades como Cáceres, Mérida, Madrid…

SÁBADO, 1 DE XUÑO: Na VI Mostra de Teatro escolar de Laxe, TEATRAPA. Haberá un roteiro teatral no núcleo urbano e na praia de Laxe.

No Festival de final de curso do I.E.S. Antón Losada Diéguez da Estrada en xuño.

Os de 1º de Bach na neve

Os de 1º de Bach na neve (marzo 2013) on PhotoPeach

O noso grupo de teatro actúa no Principal de Ourense

O xoves, 21 de marzo, a Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez, “Avelaíñas Teatro” da Estrada, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e Aula de Teatro do CPI de Touro presentarán no Teatro Principal de Ourense a obra FERVENZA ONÍRICA. A entrada custará 2 euros e o diñeiro recadado irá destinado integramente á ONG Meniños, de apoio á infancia. Para asistir como público á función das 12:30 é conveniente reservar entradas:

CARTEL FERVENZA ONIRICA

TELÉFONO: 655345123.

CORREO ELECTRÓNICO: habitaciononirica@yahoo.es

Haberá outra función ás 20:30 para público xeral.

Fervenza onírica é un espectáculo de creación colectiva que reflicte desde unha perspectiva cómica diversos temas de actualidade:

- Reivindicación dos dereitos da clase traballadora.

- Efectos da economía defendida polas grandes multinacionais.

- Defensa das culturas minorizdas e obrigas morais dos individuos coas culturas nas que habitan.

- Deshumanización do mal denominado “primeiro mundo”.

Fervenza onírica acciona a panca da metaficción e trasládase a un heteroxéneo universo literario que bebe da obra de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Joaquim Murale, Castelao, Núñez Singala, Rosalía de Castro, Albert Camus, Osvaldo Dragún, etc.

Trátase dun divertido xogo onde a imaxinación xoga un papel chave, un alegato emotivo das inquedanzas do mundo adolescente que reterá a ollada curiosa  durante o espectáculo e unha reivindicación do teatro como luz, movemento, son, música, ritmo, emoción, poesía…

DÍA DA MULLER

A Biblioteca do IES Antón Losada e o Club de Lectura Retelladores do Galiñeiro  conmemoran o Día da Muller con diversas exposicións situadas nos corredores e espazos comúns do Centro:MULLERES PRENSA

Poemas de mulleres. Poemas escritos por mulleres, dos que se ‘anuncian’ os seleccionados polo alumnado do Club de Lectura.

- As mulleres son noticia. Selección e exposición de noticias sobre as mulleres, da prensa diaria que se recibe na biblioteca. O alumnado das distintas titorías analizará distintos aspectos da situación actual da muller en Galicia e no resto do mundo: violencia, educación, economía, medios de comunicación... e, tamén, as consecuencias da crise na situación das mulleres.

- Por e sobre mulleres. Libros, cómics e películas feitos por mulleres, ou que tratan delas.

- ‘As mulleres tamén emigran’, da Fundación 10 de Marzo. Formada por 18 paneis nos que se fai un percorrido cronolóxico polas migracións femininas en Galicia ao longo do s. XX: América, Europa e Inmigración. As mulleres, esquecidas pola Historia oficial, son aquí as protagonistas dos movementos migratorios, do pasado e do presente, que compre que o alumnado coñeza (mediante un cuestionario) para afastarse dos prexuízos racistas e sexistas.

Preme aquí para ver fotos das exposicións

Charla de Chema Caballero

 

O Departamento de CC SS, en colaboración con Vicedirección, organiza este martes, 26 de febreiro, ás 16,30, unha charla de Chema Caballero no IES Antón Losada Diéguez co título ‘Conflitos en África: os menores soldado’. Destinada ao alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato, e ESO Adultos.

Chema Caballero, ex misioneiro Javeriano, naceu en 1961 en Castuera (Badajoz). Licenciado en Dereito e en Estudos Eclesiásticos, e Master en Ciencias Sociais. Ordenouse sacerdote en 1995, deixando o sacerdocio no 2011.

Chegou a Serra Leoa no 1992, onde foi perito en menores soldado, asumindo no 1999 a dirección do programa de rehabilitación de menores soldados dos Misioneiros Javerianos, abrindo o centro de St. Michael preto da capital, Freetown, pechado no 2002.

No 2003 comezou o proxecto ‘Educación como motor do desenvolvemento’ na selva de Tonko Limba, a zona máis pobre do país.

Xunto a súa familia fundou no ano 2005 a ONG DYES (Desarrollo y Educación Solidaria), creada para concienciar á sociedade española sobre os problemas de África e impulsar proxectos de desenvolvemento en todo o continente africano, desde a construción dunha ponte ou unha escola, ata o fomento do fútbol para favorecer a integración dos amputados.

Desde o 2010 está en España adicándose a traballos de sensibilización social, colaborando con ONGs, impartindo clases e publicando artigos na prensa e blogs sobre África, desenvolvemento e cooperación.

Entre as súas numerosas publicacións podemos destacar: Salvar a los niños soldado, xunto ao fotógrafo Gervasio Sánchez; o conto Suluku, la historia de un niño soldado en Sierra Leona (2009); Los hombres leopardo se están extinguiendo (2011)…

A súa labor fíxoo merecedor de numerosos premios como a Medalla de Extremadura no ano 2005; o Premio Internacional Brunet no 2006; X Premio a la solidaridad 2009 ou Premio Joaquín Ruíz Giménez ‘Los niños primeiro’ de Unicef no 2010.

Máis información:

http://blogs.elpais.com/africa-no-es-un-pais/2012/04/un-continente-infeliz.html

http://www.jotdown.es/2013/01/chema-caballero-no-interesa-que-africa-cambie-interesa-que-la-podamos-seguir-manejando/

http://www.ongdyes.es/es/noticias/718-aquel-no-era-yo

http://elentrevistado.wordpress.com/2012/02/26/chema-caballero-fundador-de-la-ong-dyes-y-testimonio-de-los-conflictos-belicos-en-sierra-leona/ 

http://www.ongdyes.es/index.php

http://www.fespinal.com/espinal/realitat/pap/pap159.htm 

http://www.rtve.es/noticias/20090623/portada-sierra-leona-marcados-por-guerra/290594.shtml

http://www.youtube.com/watch?v=0NOcbdy4yuE

https://ssl.gstatic.com/ui/v1/icons/mail/ellipsis.png); height: 8px; opacity: 0.3; width: 20px; background-position: initial initial; background-repeat: no-repeat no-repeat;" src="https://mail.google.com/mail/u/0/images/cleardot.gif" alt="">

Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema

 

Xosé Mª Lema, durante tantos anos profesor do IES Antón Losada, vén de publicar a súa primeira novela, Costa do Solpor, na editorial Xerais. A monumental obra foi finalista do PremioXG001995012 Xerais 2011. O autor, catedrático de Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte, ten unha longa e fecunda bagaxe de publicacións de temática diversa: histórica, etnográfica, lexicográfica, artística… sendo o seu traballo recoñecido con premios como o Reimóndez Portela 2010.

Costa do Solpor é unha novela de aventuras de mar e terra, con escenas de amor e terror, nunha vila maldita da Costa da Morte, na Galicia do s. XVIII.

Aquí tedes a crítica da novela (que xa temos na Biblioteca, adicada polo autor) de Ramón Nicolás no suplemento ‘Culturas’ de La Voz de Galicia.

Aventura en estado puro (e algo máis)

Non podo obviar que non quedase un tanto sorprendido con esta densa novela por varias razóns, e unha delas ten que ver con quen a subscribe pois sabía do labor que viña exercendo desde hai anos o profesor Xosé María Lema, nomeadamente nos ámbitos da lexicografía, da historia da arte, da onomástica ou mesmo da etnografía, nos que salienta por dereito propio como un recoñecido especialista, mais ignoraba as súas habilidades como narrador, e como narrador de longo alento, tal e como testemuña este Costa do Solpor que, ademais, foi finalista do premio Xerais de novela na convocatoria do 2011 competindo, entre outros orixinais, con Os fillos do mar, de Pedro Feijoo ou con Extramunde, de Xavier Queipo, peza esta última que resultaría gañadora.

Con todo, que Xosé María Lema fose autor inédito nestas lides, cando menos publicamente, pouco relevante resultaría a non ser que a súa formación e dedicación explica, e de maneira moi convincente, o coidado minucioso depositado na ambientación e contextualización da novela que comeza a se distribuír estes días. Mais se todo fose perfección nesta dimensión –tamén palpable nunha escolla léxica vivísima- axiña esmorecería o seu interese se non se idea ao tempo un argumento con forza propia, se non se constrúen con convicción e singularidade uns personaxes e, por suposto, se non se concibe unha estrutura acaída para o efecto…, e todo isto o atesoura Costa do Solpor pois é quen de internar rápida e efectivamente a quen se achegue á súa lectura ao que particularmente vexo como un compendio do mellor das novelas clásicas de aventuras – penso sobre todo nos modelos da literatura inglesa e particularmente no proposto por Stevenson- ao que enga unha intelixente e rendible “galeguización” en canto espazos e personaxes, suturándoo cos motivos presentes na vida cotiá de mediados do século XVIII nos ámbitos costeiros e mariñeiros de noso.

No fondo da proposta salienta, ao meu ver, a recreación literaria dunha liña recorrente que enchoupa a totalidade do texto e que cifro na loita pola supervivencia nun tempo no que se recrea, con fidelidade, o mundo da pirataría,  pero non só. Para este obxectivo recórrese, inicialmente, ao recurso do manuscrito escrito en inglés que se integra na novela coma se fose unha tradución, xestándose así con naturalidade tanto a precisa sensación de distanciamento respecto do relatado como a necesaria procura de verosimilitude, algo que apoia a multitude de notas explicativas a rodapé.

Tarefa imposible é a de nin sequera sintetizar un argumento que, en esencia, se nuclea arredor da viaxe de retorno dunha goleta inglesa cargada cun tesouro e que recala nunha ría da chamada Costa do Solpor. Ese fío será o que permita que coñezamos personaxes de pegada indeleble como Squire Trelawney, o Tiopa, o Dr. Livesey ou outra voz narradora, representada en Jim Hawkins, responsables os últimos de que saibamos da existencia da Confraría da Man Morta, de René de Saint-Syr ou de Jim e Mariña, que contribuirán á resolución trepidante dun conflito que, na parte final, adopta ao meu ver certo sesgo de novela xuvenil que completa ou reorienta o espírito inicial da mesma.

Hai pasaxes salientables  nesta proposta,  cheas de plasticidade e de forza impresionante, como –escollo dúas- un relato posto en boca de John Silver ou a descrición de naufraxios, tempestades ou persecucións onde abrolla con transparencia o xenio creativo dun autor que, se non entendín mal,manifestou que probablemente non volvería transitar estes eidos da prosa. Fago votos para que reformule esta intención pois este Costa do Solpor atesoura méritos dabondo e constata a chegada dun narrador de gran forza.

IV ENCONTRO MUSICAL IES "MESTRE LANDÍN" E IES "ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ"

 

O venres, 1 de febreiro de 2013 celebraremos o IV Encontro musical co IES “Mestre Landín” de Marín. Este ano, ademais, participaremos no Festival que realiza o alumnado de 4º de ESO coa finalidade de recaudar fondos para a súa excursión.