Skip to Content

JOSITO NA MEMORIA DO LELIADOURA!

Na tarde de onte, familiares, profesorado e compañeiros e compañeiras (por videoconferencia), quixemos perpetuar na memoria do Leliadoura os valores que representou Josito, poñéndolle o seu nome a que foi a súa última aula antes de graduarse.

Todos e todas as que estivemos neste acto coñeciamos como e quen era Josito. Xa fose como amigo, xa fose como alumno ou xa fose como parte da nosa familia. Por iso non imos dicir nin engadir nada que non saibamos xa.

Cando entre os seus amigos e amigas e entre os seus profesores xurdiu a idea de poñer o nome de Josito a unha das aulas do centro, pensamos que esa era a mellor forma de que as xeracións que no futuro pasen polo Leliadoura poidan coñecelo e saber quen foi. Josito representou mellor que ninguén os valores do esforzo, da dedicación, do traballo, do estudo e do compañeirismo e educación que calquera centro de ensino, que calquera sociedade, teñen como referencia. Eses son os valores nos que aquí formamos aos xoves estudantes. Por iso entendemos que non había mellor maneira ca esta de deixar o nome de Josito como referencia para sempre no instituto. É o noso labor ensinarlle aos alumnos e alumnas, de agora e do futuro, a Josito como un exemplo de loita por conseguir o que un quere, como un exemplo de que con esforzo se pode chegar á meta proposta; pero sobre todo, como exemplo de que o importante é desfrutar da vida con aqueles que máis aprecias.

Escollemos a que foi a súa última aula antes de graduarse. A aula na que cursou 2º de bacharelato.

Sabemos que Josito estará sempre na memoria e nos corazóns de todos os que estamos aquí.

Desde agora estará na memoria do Leliadoura. Desde agora o corazón leliadouro sempre terá un anaco en cor verde.

Muito desejei amigo

Que vos tivesse comigo

Edoi Leliadoura

Sempre con nós Josito.

 

JOSITO NA MEMORIA DO LELIADOURA!


image | by Dr. Radut