Skip to Content

Visitamos a exposición "Galicia, un relato no mundo"

Alumnado e profesorado do IES Leliadoura achegámonos o pasado xoves día 27 de febreiro até a Cidade da Cultura para visitar a exposición Galicia, un relato no mundo, convidados/as polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira. Encantounos toda a exposición, pero quedamos fascinadas/os pola "Santa", una escultura en madeira policromada de Francisco Asorey que leva preto de 70 anos no Uruguai. Trátase dunha das pezas máis destacadas do traballo do escultor cambadés, e tamén dunha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos vixentes naquel tempo.

Galicia, un relato no mundo explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. Concibida como a primeira de tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, céntrase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo.

No marco da exposición chegan por vez primeira a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo. O público galego terá así a oportunidade única de contemplar nunha mesma mostra obras procedentes de institucións de referencia como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

Así, a mostra ofrece ao público galego a posibilidade de contemplar obras como a Biblia Kennicott –unha das biblias xudías máis valiosas, creada no s.XV na Coruña–; a Santa de Asorey –que o propio escultor cambadés cualificou como a obra da que estaba máis satisfeito– dous Códices Calixtinos: os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca –dous dos tres únicos calixtinos iluminados ademais do orixinal de Santiago que se conservan no mundo–.

Chegan por primeira vez a Galicia obras como o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario cuxo fillo Ith avistou Irlanda desde o faro de Brigantia, e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán–; o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa– ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que na época do Pórtico da Gloria (s.XII) representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.

+ Consulta información polo miúdo sobre as pezas destacadas premendo aquí

Comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño, Galicia, un relato no mundo examina o papel de diferentes culturas, pobos e grandes eventos históricos na conformación da historia e da identidade galega. Tamén as relacións e a profunda conexión da comunidade galega con outros países –sobre todo europeos e americanos– rompendo co mito de illamento e periferia e explorando o papel e o impacto de Galicia no mundo.

Cuestións como a innovación tecnolóxica, as tendencias culturais e artísticas, as transformacións políticas, a integración de pobos e culturas, a influencia de vías de comunicación históricas como a peregrinación a Santiago de Compostela, os grandes movementos migratorios da Europa do século XIX e XX e a internacionalización crecente da economía galega son tamén aspectos moi presentes no relato da exposición.

Visitamos a exposición "Galicia, un relato no mundo"


image | by Dr. Radut