Skip to Content

Visitamos 'A derradeira lección do mestre' de Castelao no Museo do Gaiás

Ribeira, 13 de febreiro de 2019. Convidad@s por Normalización Lingüistica do Concello de Ribeira, alumnado e profesorado de Xestión administrativa e Administración e finanzas, visitamos a obra  'A derradeira lección do mestre' de Castelao no Museo do Gaiás de Compostela.

Este obra de Castelao, pintada en 1945 en Bos Aires, baséase na estampa número 6 do libro 'Galicia Mártir', na que retrata a un mestre asasinado ante dous mozos conmocionados e segundo os expertos, o cadro fíxose como unha homenaxe ó seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936.

O álbum, "Galicia Mártir" composto por 10 estampas debuxadas a tinta chinesa e que relatan en dez imaxes cun breve título en galego manuscrito os horrores do golpe de estado e a brutal represión franquista en Galicia, foi pintado polo artista rianxeiro e publicado en Valencia no 1937. Está dedicado "Aos galegos que andan pol-o mundo" e así o explica o propio Castelao:

"Estas estampas, arrincadas da miña propria door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito"

O cadro, custodiado polo Centro Galicia de Bos Aires, nunca antes saíra da Arxentina. Agora, máis 70 anos despois da súa creación e máis de 80 da creación do álbum, tivemos ocasión de velo por primeira vez en Galicia na exposición Castelao Maxistral da Cidade da Cultura.

Máis información

Visitamos 'A derradeira lección do mestre' de Castelao no Museo do Gaiás


image | by Dr. Radut