Achegan significados de posesión ou pertenza referidas á persoa.

Formas:
Un posuidor: meu(s), miña(s); teu(s), túa(s); seu(s), súa(s)
Varios posuidores: noso(s),nosa(s); voso(s), vosa(s); seu(s), súa(s)

1. Túa(s) e súa(s) levan sempre til: a túa voz, esa voz é súa.

2. Cando precede a un substantivo esixe a presenza do artigo, pero

2.1. O uso é facultativo cos nomes de parentesco, sen diferencia no significado pola súa presenza ou ausencia: meu irmán / o meu irmán. A súa presenza aumenta conforme se distancia o parentesco, sobre todo se é descendente: (o) meu pai non está (adoita non levar artigo), pero os meus sobriños non están (é de uso normal, con artigo)

2.2. Cos vocativos e exclamativos non se utiliza artigo: ven acó, meu fillo!

3. As formas de meu, de teu, de seu, de noso, de voso, de seu usámolas con tres posibles significados:
- propiedade exclusiva: temos moto de noso;
- algo que forma parte da propia natureza: sempre foi enxeñoso de seu;
- algo que sucede por si mesmo: o cadro caeu de seu.

4. As formas cadanseu(s) e cadansúa(s) teñen valor distributivo (distribúen, equitativamente, igual número de obxectos entre varios posuidores):
teñen cadanseu teléfono,
comían cadansúa mazá,
comían cadansúas (varias cada un) mazás.
Non confundir con cadaquén, cada un.
Na nosa fala escoitamos as variantes *cadenseu e mesmo *quedenseu.

5. A forma feminina do posesivo precedida de preposición é equivalente a preposición mais de mais pronome persoal:
diante de ti vai o can: diante túa vai o can.

6. Outros usos especiais:
  • os meus, os teus… para referirse á familia: os meus foron ao balneario.
  • o meu, o teu, o seu para referirse a
- no que se está capacitado: o meu é a música, o teu o deporte;
- algo no que se ten interese especial: cada un anda ao seu;
- o punto óptimo: volver ao seu, non está no seu.
- o que nos correspondía: nós xa fixemos o noso;
- abondo: choveu o seu, bebiches o teu.
  • as miñas, as túas, as súas para referirse a
- cousas propias dunha persoa: xa anda facendo das súas.
- penalidades, traballos: xa pasei as miñas.
  • meu pode ter un valor de apelativo cariñoso para unha persoa de confianza: Ola, meu, imos dar unha volta?
Última modificación: Martes, 19 de Xullo de 2016, 15:17