O VERBO

Gramática
1. Fórmase sobre a base do infinitivo nominal, tanto nos verbos regulares coma nos irregulares: and-a-r, and-a-re-s, and-a-r, and-a-r-mos, and-a-r-des, and-a-re-n

2. Emprégase nos seguintes casos:

2.1. Cando leva suxeito distinto ao do verbo da oración dominante: entrou na casa sen o saberen os donos, ao chegaren as chuvias sacaban os paraugas.

2.2. Aínda tendo o mesmo suxeito que o da frase dominante, cando vai precedido de preposición, sobre todo se vai antes: para achegáreste a eles, toma precaucións; antes de marchardes, comede algo.
Cando vai posposto ao verbo da oración dominante, usarémolo fundamentalmente se hai certa distancia entre ambos: Seguide por ese estreito carreiro da beiramar ata verdes as illas.

3. Non o usaremos nunca:
  • nas perífrases: tedes que traballar,
  • cando a preposición é esixida polo verbo: non vos esquezades de cerrar ben a billa.
4. Úsase en frases completivas e circunstanciais do máis variado:
  • completivas (sen nexo): estardes atentos é fundamental, é preciso abrigármonos;
  • circunstanciais (sempre encabezado por unha preposición, nunca conxunción):
  • finais (con para): apurade un pouco máis o paso para chegardes a tempo;
  • causais (con por): por falarmos de máis, metémonos nun compromiso;
  • temporais (coa contracción ao): ao chegares, avísame;
  • condicionais (con de): de cociñares mellor, contrataríante;
  • concesivas e outros valores (con con): con choraren, non o van conseguir.