Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS 27 DE XANEIRO. DÍA INTERNACIONAL DA CONMEMORACIÓN DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

O campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau foi liberado polas tropas soviéticas precisamente  o 27 de xaneiro de 1945.
Entre 1933 e 1945, durante o réxime nazi en Alemania, o mundo atravesou un período de destrución e persecución sen precedentes. A culminación deste período foi a II Guerra Mundial que se desenvolveu entre 1939 e 1945 e que se transformou no maior conflito que a  humanidade xamais experimentara.
Non obstante, máis aló das atrocidades da guerra, o Holocausto levado a cabo polo goberno nazi converteuse nun dos xenocidios máis terribles da historia da Humanidade. Detencións  ilegais, deportacións, torturas, asasinatos en masa e outras moitas barbaridades  foron as  súas consecuencias.
As SS foron a principal organización responsable do asasinato xenocida e da limpeza étnica que se produciu  durante a duración do réxime de Adolf Hitler e da Segunda Guerra Mundial, período no que se calcula que morreron uns  6 millóns  de persoas de diversas minorías étnicas europeas, principalmente xudeus, pero onde tamén pereceron homosexuais, persoas LGTBI, xitanos, presos políticos, republicanos, disidentes, polacos, eslavos, discapacitados e persoas de color. De feito Auschwitz-Birkenau foi  o campo de prisioneiros, exterminio e traballo escravo máis grande da Alemania nazi onde foron liberados os 2.819 superviventes que alí se atopaban no momento da súa liberación. Miles de persoas no sobreviviron ás atrocidades cometidas neste campo de concentración e exterminio, o  máis salvaxe do nazismo.

 

É por esta razón que cada ano a UNESCO rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto e ratifica o seu compromiso de loitar contra o antisemitismo, o  racismo e toda outra forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos.
A educación pode desempeñar un papel clave na prevención do xenocidio, proporcionando un marco para abordar as situacións  de violencia no pasado, ao mesmo tempo que se promoven os coñecementos, as capacidades, os valores e as actitudes que fomentan a prevención da violencia con respecto a determinados grupos de persoas nas sociedades actuais.
O ensino sobre cuestións  relativas ao Holocausto e a prevención do xenocidio forman parte dos esforzos que leva a cabo a Organización para promover a Educación para a Cidadanía Mundial, que é unha de las prioridades da Axenda 2030 da Educación. Neste contexto, a UNESCO apoia aos interlocutores do sector educativo nos seus esforzos para axudar ao alumnado a adquirir unha mirada crítica, a converterse en cidadáns mundiais responsables e activos capaces de valorar a dignidade humana e o respecto por  todas as persoas, a rexeitar  o antisemitismo, o racismo e outras formas de prexuízo que poden levar á violencia e ao  xenocidio.

A campaña  “We remember”, “Lembramos”, é unha iniciativa mundial do Congreso Mundial Xudeu e  a UNESCO orientada a concienciar sobre a importancia que para o presente ten a cultura da memoria; desde o 2017 invitan a grupos de persoas do mundo enteiro a que participen na campaña e suban a Internet unha foto co  hashtag #WeRemember  co fin de expresar o seu compromiso coa memoria do Holocausto.
O xoves 27 de xaneiro, as doce do mediodía,  o IES As Telleiras quixo unirse a esta iniciativa e levar a cabo unha actividade de recordo e conmemoración de todas vítimas do xenocidio cun pequeno acto de acendido de sete candeas brancas no vestíbulo do edificio de Bacharelato con alumnado deste nivel para iluminar o recordo e manter viva a memoria,  unha para cada colectivo que foi vítima del nazismo;  a última candea foi prendida  en honra dos “Xustos entre as Nacións”, aquelas valentes persoas que puxeron en risco a súa vida para salvar aos xudeus e xudías perseguidos.


O acto acompañouse das palabras do profesor do Departamento de Xeografía e Historia do centro, don Javier González, que imparte a materia de Historia do Mundo Contemporáneo quen  fixo un magnífico discurso no que recordou os feitos acaecidos nesta época e que foi unha chamada de atención aos mozos e mozas para que non dean a esquecemento o pasado.
A continuación sete  alumnos e alumnas, representantes dos catro grupos de 1º Bacharelato, levaron a cabo o acendido das sete candeas, mentres se escoitaba a música do tema principal da película A lista de Schindler, de John Williams.
Damos as grazas ao noso orador pola súa xenerosa implicación e a todo o alumnado que participou na actividade pola súa colaboración.



page | by Dr. Radut