Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS NOVEMBRO 2021. XA CHEGOU O SAMAÍN!

Aproveitamos a chegada do mes de novembro para levar a cabo na nosa Bibliotelleiras unha exposición dos máis arrepiantes libros de medo que durante o ano  permanecen agochados nos andeis da nosa biblioteca cunha montaxe digna das películas,  chea de teas de araña, espectros, morcegos, caveiras, esqueletos... que desde a mesma porta da biblioteca daban a benvida de xeito terrorífico. O título no puido ser máis revelador: MESTRES E MESTRAS DO TERROR.

Dámoslles así a ocasión, cada ano, de saír como almas en pena estes días de outono  á procura de valentes lectores e lectoras que quedan abraiados coas súas historias de medo, se responden á invitación de abrir as súas páxinas coa promesa de que non se arrepentirán. 

Ao mesmo tempo cun concurso de cabazas entre o alumnado de 1º de ESO enchemos o vestíbulo do centro das máis orixinais e vistosas aportacións (ata un número de vinte e oito), que foron chegando á biblioteca durante estes días.
Entre tanta cantidade e tan boa calidade de traballos presentados, ao xurado, que estivo formado por alumnado, profesorado e persoal non docente, fíxoselle moi  difícil a elección das tres cabazas gañadoras.
Tras arduas deliberacións, os premios foron entregados aos gañadores e gañadoras da man da coordinadora de EDLG durante o segundo tempo de lecer.
Tivemos tamén a oportunidade, grazas á organización da Vicedirección, de levar a cabo un magosto nos exteriores do centro coa presenza dun castañeiro que nos fixo gozar das castañas quentiñas nos dous tempos de lecer; e todo foi amenizado por un grupo de dous gaiteiros e unha pandereteira, tres alumnos do centro que con pezas tradicionais lle puxeron unha magnífica banda sonora a este día.
Todos e todas os participantes no concurso así como  o alumnado de 2º de Bacharelato que axudou na organización dos eventos e os artistas musicais   foron agasallados cunha pequena invitación na cafetería do centro.

 

 

 



blog | by Dr. Radut