Skip to Content

blogue debiblioteca

Bibliotelleiras Maio 2024: Club de lectura Literatura Universal

O pasado martes 7 de maio, o alumnado e o profesor que forman o Club de lectura de Literatura Universal desfrutaron no instituto dunha comida en común e da película "Drácula", de Francis Ford Coppola. Co visionado e comentario desta adaptación cinematográfica da novela de Stoker, que leron durante os meses anteriores, poñen fin ás actividades do club de lectura por este curso.

Anteriormente, no mes de febreiro, desfrutaran xa do visionado en común doutro título do cine "vampírico", que é tamén un clásico do cine de terror para adolescentes: "Noite de medo".

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2024. I OLIMPÍADAS NACIONAIS ESCOLARES DE SEGURIDADE VIARIA.

Este ano, celebráronse en Narón as I Olimpíadas Nacionais Escolares de Seguridad Viaria. O pazo da Cultura acolleu o pasado 9 de maio este evento no que se deron cita escolares de diferentes puntos de España. Os colexios participantes foron CEIP Piñeiros de Narón, o CEDE San Cernin de Pamplona, CPR Ayala de Narón, CPB Tirso de Molina de Colmenar Viejo (Madrid) y CEP Lois Tobío de Viveiro, que resultou gañador do certame.

Como mestra de cerimonia estivo a nosa alumna Icía Izquierdo, que presentou a gala como unha verdadeira profesional, recibindo moitas loubanzas dos alí presentes polo seu traballo. Ela mesma foi a que presentou tamén a fase local das olimpíadas o pasado 21 de marzo.

Moitos medios de prensa nacional, autonómica e local fixéronse eco da noticia.

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2024. XXXIII CERTAME INTERCENTROS DO CONCELLO DE NARÓN

 O pasado día 15 de maio, e como parte da programación do Día das Letras Galegas, celebrouse no Pazo da Cultura de Narón a entrega de premios do XXXIII edición do Certame Intercentros do Concello de Narón; evento ao que asistiron a alcaldesa de Narón, Marian Ferreiro, diversas autoridades educativas e personal directivo, profesorado, ANPAS e alumnado dos centros de ensino participantes: os colexios Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón, CPI O Feal, e o IES As Telleiras.

Nese acto foron premiados varios traballos do alumnado do noso centro, entre os que se inclúe o contacontos adaptado da novela infantil "Moucho e Cuquiña", presentado polo alumnado do Clube de Lectura de "Robótica e Tecnoloxía".

 Outros dos premiados foron:

  • O alumnado da materia de Cultura Audiovisual de Bacharelato co vídeo "Rompendo tópicos"
  • As alumnas de 2º da ESO Duna Martínez (primeiro premio) e Aitana Dopico (accesit) na categoria de Narrativa na ESO.
  • Cecilia Aneiros premio e accesit en narrativa de Bacharelato.

Noraboa ao alumnado participante polo voso traballo e, especialmente, aos premiados e premiadas.

Podes consultar a noticia na prensa:

Destacamos a publicación do Facebook do concello de Narón onde podedes consultar as fotos do evento.

 

 

BIBLIOTELLEIRAS: DÍA DO LIBRO 2024

O día 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro, que conmemoramos con varios paneis explicativos expostos no0 vestíbulo do instituto, nos que se inclúen referencias a San Xurxo e os seus modelos clásicos. Deixámosvos aquí unha mostra deses paneis.

BIBLIOTELLEIRAS. FEBREIRO 2024. 23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 

O día 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía cunha exposición no vestíbulo do centro realizada polo noso alumnado. A exposición incluía textos de Rosalía, algúns dos cales foron recitados polo alumnado e mesmo unha liña temporal con datos da súa vida. Deixámosvos un fragmento dun deses textos...

"Nasín cando as prantas nasen,

no mes das froles nasín,

nunha alborada mainiña,

nunha alborada de abril.

Por eso me chaman Rosa,

mais a do triste sorrir,

con espiñas para todos,

sin ningunha para ti".

De: Cantares gallegos

BIBLIOTELLEIRAS. XANEIRO 2024. DÍA DA PAZ

O pasado día 30 de xaneiro, dentro das actividades da biblioteca, vicedirección e o Equipo de Dinamización Lingüística, para conmemorar o Día da Paz, o noso alumnado de 2º da ESO elaborou unhas pombas de papel coas que decoramos o taboleiro do vestíbulo e a entrada á nosa biblioteca. Estas pombas levaban incorporadas frases en contra da violencia e a favor da paz, con mensaxes optimistas e de esperanza elixidas polo propio alumnado.

Durante a Hora de Ler, en todas as aulas da ESO léronse en voz alta textos de diversos autores relacionados coa Paz.

Máis información na páxina principal do IES As Telleiras.

BIBLIOTELLEIRAS. DECEMBRO 2023. ACTIVIDADES DE NADAL

 

Como todos os anos, o noso concurso de postais de Nadal tivo unha alta participación por parte do alumnado de 1º da ESO. Nas imaxes podedes ver as postais gañadoras dos tres primeiros premios. A novidade deste curso é que todas as postais elaboradas polo alumnado enviáronse a unha residencia de maiores situada no Concello de Narón para felicitar estas festas aos residentes da mesma.

Queremos agradecer ao alumnado a ilusión posta nesta iniciativa solidaria, así como a colaboración do profesorado de 1º da ESO, a vicedirección do centro e o Equipo de Dinamización Lingüística que están sempre dispostos  a participar no desenvolvemento destas actividades.

 
 
 

Máis información na páxina principal do IES As Telleiras.

BIBLIOTELLEIRAS. OUTUBRO 2023. CONTACONTOS PARA NENOS DE INFANTIL E PRIMARIA “Moucho e Cuquiña”

 

O pasado 10 de novembro o noso alumnado do Clube de Lectura de 1º e 2º da ESO representou por segunda vez na Bibliotelleiras a adaptación do conto Moucho e Cuquiña, da escritora Paula Merlán e do ilustrador Antonio Seijas.

O noso centro educativo recibiu a visita de cerca dun centenar de escolares de 6º curso de educación Infantil e 1º e 2º de educación Primaria dos colexios Ayala, Ponte de Xuvia e Piñeiros, nunha xornada inolvidable para moitos deles.

Máis información no Facebook de Educación Vial do Concello de Narón

 

BIBLIOTELLEIRAS. OUTUBRO 2023. III SEMANA DA SEGURIDADE

Os que seguides o noso blogue sabedes da participación da Bibliotelleiras nas actividades relacionadas coa Educación Vial e a Seguridade, polo que, dentro das actividades propostas desde o equipo de Educación Vial do Concello de Narón, o noso alumnado de 1º e 2º ESO participou na III Semana da Seguridade, celebrada do 23 ao 27 de outubro de 2023.

O alumnado participou en obradoiros de autoprotección e comportamentos seguros, primeiros auxilios e nun partido de baloncesto en cadeira de rodas, no que puideron poñerse no lugar doutras persoas e experimentar o mesmo ca elas.

Nas hiperligazóns podes acceder á información aparecida na imaxe:

 

BIBLIOTELLEIRAS. CURSO 2023/2024

11 DE SETEMBRO, XORNADA DE BENVIDA Á BIBLIOTECA AO ALUMNADO DE 1º ESO E 1º BACHARELATO DE NOVA INCORPORACIÓN.

Para o alumnado de 1º ESO realizouse durante toda a mañá do luns 11 de setembro, data de inicio do curso, unha xornada de presentación e un percorrido polo centro (Dirección, Club de Ciencias, Zona de xogos...), con distintas actividades encamiñadas a dar a coñecer as instalacións e as distintas propostas que oferta o centro.
No marco desta xornada o alumnado de 1º ESO  levou  a cabo a tradicional actividade “Coñece a túa Biblio” e realizou unha visita guiada pola Biblioteca onde se lle mostraron as instalacións, se lle deron a coñecer as normas básicas de funcionamento,  se lle informou das propostas de actividades que se levan a cabo ao longo do curso e se lle animou a formar parte dos Clubs de lectura que temos en marcha.

Os horarios de visita foron os seguintes:

1º ESO A (12.30-12.50)

1º ESO B (11.20-11.40)

 1º ESO C (12.55- 13.20)

1º ESO D (11.45-12.10)

Ao mesmo tempo estivemos encantados de facilitarlles aos alumnos e alumnas calquera tipo de información que solicitaron, resolverlles  dúbidas e mesmo fixemos algunhas fotos que quedarán de recordo desta ocasión.
Organizados por clases e acompañados do seu profesorado, explicámoslles a profunda transformación que experimentou a biblioteca hai dous cursos con motivo das obras levadas a cabo pola Consellería de Educación; mostráronse moi curiosos ao saber que gran parte dos espazos que forman hoxe a nosa Bibliotelleiras foran en tempos cuartos e dependencias da “casa do conserxe”, zona que só foi utilizada a tal fin durante uns poucos meses cando o instituto acababa de ser inaugurado aló polo ano 1985.
Chamoulles tamén moito a atención a zona exterior da biblioteca, á que nós cariñosamente  chamamos a “zona chill out”, que esperamos que ao longo deste curso poida ser habilitada e co mobiliario axeitado para ser usada como un espazo de lectura informal, ao aire libre, e onde sexa posible levar a cabo ademais actividades diversas: reunións dos clubs de lectura, encontros con autores e autoras, presentación de libros...
Tamén esa mesma mañá do 11 de setembro o alumnado de 1º Bacharelato de nova incorporación tivo ocasión de percorrer o centro para familiarizarse coas instalacións e un dos puntos de interese foi a visita á biblioteca, onde se lles informou do uso dos espazos, das normas básicas de funcionamento e se lles respondeu ás dúbidas que foron xurdindo durante a visita.
Así mesmo, durante a mañá do 7  de setembro, o profesorado novo que se incorporou ao centro realizou unha visita á biblioteca acompañado dos membros do Equipo da Biblioteca para coñecer as instalacións, os fondos documentais e as posibilidades que a nosa Bibliotelleiras poida ofertar para o seu labor docente e tamén persoal.
Cómpre destacar que estas visitas resultaron moi interesantes para o alumnado que destacou a amplitude da biblioteca, a boa disposición, luminosidade e excelente ventilación de todos os espazos; así mesmo os máis pequenos quedaron sorprendidos pola grande cantidade de libros e o orde e clasificación dos mesmos.
Cremos que foi unha xornada moi agradable e para nós unha ocasión especial de recibir a todo o alumnado e profesorado que se incorporan este curso por primeira vez ao centro.
Só nos queda dar a benvida a todos os usuarios e usuarias da Bibliotelleiras e animalos a participar en todas actividades que se levarán a cabo ao longo do curso en cooperación coa Vicedirección e os distintos Departamentos que sempre se amosan dispostos a colaborar coa Bibliotelleiras.

Distribuir contido


by Dr. Radut