Skip to Content

XORNADAS DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA E PROFESIONAL DE FERROLTERRA

O Auditorio de Ferrol e o Conservatorio de Caranza albergaron hoxe as Xornadas de Orientación Académica e Profesional de Ferrolterra, onde distintos centros de FP, as Forzas Armadas e escolas privadas contan con stands para informar da súa oferta educativa. O noso alumnado de 4º ESO participou esta mañán, regresando ao centro con moitas ideas para o seu futuro profesional!

VISITAS Á DOMUS E AO AQUARIUM

No día de hoxe o alumnado de 1º ESO saíu de visita ao Aquarium de A Coruña e o de 3º ESO visitou a Domus da cidade herculina. Todos eles “fixeron” Ciencia da boa!!

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Todo o alumnado homenaxeou no día de hoxe á grande Rosalía de Castro, coa escritura de poesías e lectura das mesmas, creación dunha liña de tempo adicada á súa vida e mesmo murais sobre á súa obra, tal e como mostran as seguintes fotos.

CONVÓCANSE AS AXUDAS PARA ACTIVIDADES DE APRENDIZAXE DE LINGUAS NO ESTRANXEIRO

O día 12 de febreiro foi publicada a convocatoria AXUDASLE 2024  na que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas ao alumnado de bacharelato dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento ED504B).

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde o día 13 de febreiro ata o 12 de marzo (inclusive). 

Para ler a orde completa do 29 de xaneiro de 2024, facede clic aquí.

DÍA DA ENXEÑARÍA NA ESCOLA POLITÉCNICA DE ENXEÑARÍA DE FERROL

 
 
 

Hoxe o noso alumnado de Tecnoloxía e Enxeñaría de 2º BAC participou no Día da Enxeñaría organizado no Campus de Ferrol pola Escola Politécnica de Enxeñaría (EPEF).  Tivemos a oportunidade de coñecer os distintos laboratorios e os proxectos que se están a levar a cabo nas distintas modalidades de enxeñaría que se ofertan en Ferrol e participar nun escape room, no que un dos nosos equipos resultou ganador. Chamounos moito a atención o coche de Green Power que están a deseñar e montar un equipo interdisciplinar de alumnos, o túnel de vento, a canle de auga para probar prototipos de embarcacións e plataformas flotantes co xerador de ondas, o taller de mecánica onde probaron un simulador de conducción e o de automática onde nos explicaron con exemplos prácticos en que consistía a regulación automática. Todo foi moi motivador para o noso alumnado e estamos seguros de que a xornada resultou de moito proveito para todos eles. Moitas grazas aos organizadores!! O curso que vén repetiremos!!

 

XI OLIMPÍADA FILOSÓFICA

 
 

 

Alumnado de 4º ESO participou o pasado venres día 9 de febrero na XI Olimpíada Filosófica de Galicia que se celebrou en Santiago de Compostela. Outros aproveitaron a visita á cidade compostelá para coñecer a facultade de Historia, o mercado de abastos e o Museo do Pobo Galego. Por sorte, ningún saíu voando pero todos acabaron empapados!!

     

DIRECTO F11- DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

 
 

 

Co motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o MUNCYT en colaboración coa Universidade da Coruña, organizou distintas charlas impartidas de xeito presencial e telemático por mulleres enxeñeras que están a levar a cabo investigacións no apaixoante mundo da IA. Necesitamos referentes femininos nos distintos campos para inspirar e fomentar as vocacións científicas entre as máis xóvenes. O departamento de Tecnoloxía do noso centro participou co seu alumnado nestas charlas en tódalas súas materias, tanto de TIC, Tecnoloxía como Intelixencia Artificial. 

 

VISITA AO PAZO DA ÓPERA

 
 

Onte o alumnado de 3º ESO asistiu ao ensaio da Sinfonía en Re maior, Op.43 composta por Jean Sibelius e interpretada pola Orquestra Filarmónica de Galicia no Pazo da Ópera de Coruña. Foron unhas horas cheas de música e arte, e o alumnado retornou moi satisfeito coa experiencia. Tiñan previsto aproveitar o resto da mañán para visitar a Casa das Ciencias pero por mor da borrasca Karlota, o parque de Santa Margarita foi pechado. Outra vez será!!

XORNADA NON LECTIVA 9 DE FEBREIRO

 
 

Recordade que o vindeiro venres día 9 de febreiro é o día elexido polo Claustro como non lectivo, polo que non haberá clase. Retomaremos a actividade logo do entroido, o xoves día 15. Disfrutade moito deste merecido descanso!

Distribuir contido


by Dr. Radut