Skip to Content

blogue debiblioteca

BIBLIOTELLEIRAS. 29 DE MARZO 2022. VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL DE NARÓN.

A tarde do martes 29 de marzo, en horario de 16.20 a 18.00 horas, o alumnado de 2º ESO con materia de Investigación e tratamento da información, acompañado do seu profesorado, realizamos a tradicional visita á Biblioteca Municipal do Alto; alí fomos recibidos pola súa encargada, dona Ainhoa González, quen nos acompañou polas instalacións, nos explicou moitos datos de interese, nos permitiu coñecer zonas que non son, habitualmente, de acceso ao público en xeral (como o depósito de libros) e nos animou a todos e todas a facer uso dos recursos que ofrece a biblioteca a toda a comunidade do concello de Narón.
O alumnado tivo a ocasión de comprobar os coñecementos que foron adquirindo durante o curso sobre o funcionamento da CDU e de ver na práctica o funcionamento dun biblioteca  municipal dirixida a toda a veciñanza; o seu interese manifestouse na enorme cantidade de preguntas que fixeron durante todo o percorrido que fixo que o tempo voase literalmente.
Despois de ter interrompido esta actividade por mor da pandemia estes cursos pasados, foi motivo dunha enorme alegría poder volver a realizala; a encargada da biblioteca explicounos tamén os cambios e adaptacións que tiveron que facer tanto no funcionamento como no servizo de préstamo durante os períodos de peche que se viron obrigados a sufrir.
Para nós estar de novo alí supuxo, ademais dunha volta á normalidade, unha agradable ocasión de reencontrarnos co equipo da biblioteca que sempre nos ten recibido con moitísimo afecto e aproveitamos a ocasión para recordar como unha suxestión que fixera o último grupo de alumnado que realizou a visita  foi posta en marcha na  Axencia de Lectura de A Gándara.
Ao final do percorrido despedímonos do persoal da biblioteca agradecéndolle  o seu amable recibimento e co desexo de volver o próximo curso nunha nova visita.

 

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2022. LOS PELIGROS DE LA VÍA

O noso alumnado de 4º da ESO na materia de TIC levou a cabo este ano unha actividade relacionada coa Educación Vial con tan bos resultados que decidiron presentalo aos Premios Nacionales de Cortometrajes de Educación Vial organizados pola DGT e a Fundación RACE.

O resultado deste traballo é o vídeo titulado "Los peligros de la vía", que se atopa na seguinte ligazón. Se vos gusta podedes votar por el.

 

BIBLIOTELLEIRAS. MARZO 2022. PARTICIPACIÓN CIDADÁ.

O día 17 de marzo  os dous representantes dos grupos de 2º ESO A e B con materia de Oratoria  do IES As Telleiras, xunto con alumnado do CEIP Jorge Juan e IES Terra de Trasancos,  cambiaron as aulas polas bancadas da Sala de Plenos do Concello de Narón e transformáronse, por un día, en concelleiros e concelleiras nunha sesión presidida pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e na que tamén estiveron presentes a edil de Benestar Social, Catalina García, e o secretario xeral, Alfonso del Prado.
Os nosos estudantes, representados por Icía María Izquierdo e Hugo Rodríguez, participaran desde o mes de novembro e xaneiro en tres sesións baixo a coordinación de Martín Vázquez Añel, da Escola de Participación Cidadá; a finalidade desta actividade é promover a comunicación entre o concello e a mocidade, canalizando as súas iniciativas e as súas reivindicacións en áreas como o medioambiente, a seguridade viaria, o transporte e o tempo libre.
A sesión final desta actividade tivo lugar na mañá do día 17 de marzo, en horario de 9:00 a 11:00 horas, ocasión na que o noso alumnado participante puido poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso na materia de Oratoria expoñendo en público as iniciativas dirixidas a mellorar o seu concello que debateran na aula; os temas nos que se centraron foron dous: a mellora en seguridade viaria, particularmente nos pasos de peóns, e a reclamación dun espazo onde a mocidade se poida reunir no seu tempo de lecer.
Ao finalizar o acto, a alcaldesa agradeceu a súa participación, animándoos a trasladar ao concello aquelas iniciativas e propostas  que consideren de interese e a implicarse na vida municipal, e posou con todo o grupo para a foto de recordo.
O alumnado recibiu, como mostra de agradecemento do concello,  uns agasallos pola súa colaboración e dispoñibilidade; terminado o acto, foi entrevistado para coñecer a súa opinión sobre o desenvolvemento da actividade e posou no photocall.

Enlaces á noticia:

BIBLIOTELLEIRAS. 8 DE MARZO 2022, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Co gallo da Celebración Internacional do Día da Muller o 8 de marzo de 2022, a Bibliotelleiras levou a cabo na sala de lectura unha exposición de materiais bibliográficos procedentes dos nosos fondos baixo o título “Artellando feminismo”, unha mirada sobre a historia deste movemento, e sobre as variadas opinións en torno a un tema que resulta esencial para a convivencia. Trátase de achegar ao alumnado e a toda a comunidade escolar en xeral obras que nos axudan a seguir formándonos e van dirixidas por igual a mulleres e homes que queren vivir en igualdade e traballar por ela.
Durante a mañá do día 8, nos dous tempos de lecer, un grupo de alumnos e alumnas da ESO  botoulle moitas ganas e moito ánimo  e animouse a facer chapas con deseños que o Departamento de Plástica previamente ideara sobre a conmemoración desta data e tamén sobre un non rotundo á guerra e  coas cores de Ucraína; posteriormente estas chapas foron repartidas entre todo o alumnado, o profesorado e o persoal non docente con gran éxito de acollida e  participación.

 

Agradecemos tamén  o traballo de colaboración do coordinador do Club de Ciencia, Manuel Couceiro, quen se encargou de poñer en marcha e supervisar a montaxe e funcionamento  do aparello de facer chapas xa desde días antes para que todo resultase sen problemas.
Así mesmo taboleiro do vestíbulo vestiuse de cor morada para acoller unha proposta do ENL sobre “Grandes mulleres tan brillante como descoñecidas”.

BIBLIOTELLEIRAS. CELEBRANDO O ENTROIDO NO IES AS TELLEIRAS. FEBREIRO 2022

O  ENL, a Vicedirección e a Bibliotelleiras quixeron aproveitar o tempo do Entroido para mostrar a cara máis lúdica do noso centro expoñendo no vestíbulo os traballos que o alumnado levou a cabo para celebrar estes días de festa e diversión.
Un magnífico xogo de mesa co “entroido telleiras” como protagonista, rodeado de fermosas carautas de animais e personaxes, e a exposición do concurso de carteis realizados polo alumnado de 4º de ESO con materia de TIC , baixo a coordinación da profesora de Tecnoloxía, Eugenia Fernández, encheron de cores a entrada do instituto dando a benvida ao deus Momo.

O venres de Entroido os distintos grupos da ESO vestiron os seus disfraces, seguindo a proposta de “Tribus urbanas” que fixo Vicedirección, e animáronse a facer actuacións con música e coreografía no exterior do centro ante a atenta mirada do xurado que elixiu as dúas comparsas máis orixinais que recibiron como premio uns agasallos.
Desde a Biblioteca aproveitamos para facer unha interesante proposta lectora con suxestións de obras que animaban a coñecer máis a fondo as orixes desta tradición e novelas que teñen como escenario este tempo de máscaras, disfraces e celebración.

A páxina web do noso instituto quixo saudar a toda a comunidade educativa e desexarlle unhas felices vacacións de Entroido cunha imaxe dos carteis participantes entre os que se seleccionaron dous traballos premiados ex aequo; a Vicedirectora, Cristina González, fixo entrega dos agasallos ás alumnas gañadoras.

 

 

 

BIBLIOTELLEIRAS. FEBREIRO 2022. O IES AS TELLEIRAS NA PRENSA:

O IES AS TELLEIRAS, PIONEIRO NA IMPARTICIÓN NA MATERIA MOBILIDADE ESCOLAR SOSTIBLE E SEGURA, É UN REFERENTE PARA OS CENTROS DE PRIMARIA DO CONCELLO DE NARÓN QUE ESTE CURSO 2021-2022 CURSAN POR PRIMEIRA VEZ A MATERIA DE EDUCACIÓN VIAL.
Tres colexios de Narón, concello comprometido desde hai anos na promoción da educación vial e con amplo recoñecemento neste sentido tanto a nivel estatal como europeo, veñen de poñer en marcha este curso escolar a materia de Educación Viaria no nivel de 4º de Primaria; trátase dos CEIP Ponte de Xuvia, A Solaina e Piñeiros que, como experimento piloto, o Concello espera exportar en próximos cursos a outros centros.
A novidade desta materia nos centros de Primaria do concello non o é tanto na Secundaria, onde desde hai tres anos o IES As Telleiras leva impartindo a materia de Mobilidade escolar sostible e segura a todo o alumnado no nivel de 1º da ESO como materia de libre configuración, cun balance moi positivo xa que se trata dunha materia interdisciplinar que permite traballar todas as competencias con actividades moi diversas.
Este ano a profesora responsable da materia, Aurora Romar, conta con un Scape room diseñado polo patrimonio de Narón e que en próximas datas estará a disposición da cidadanía a través do blog da Bibliotelleiras, na páxina web do instituto; así mesmo o alumnado traballará sobre o Camiño Inglés e a análise da súa mobilidade.
Xa o curso pasado o alumnado de 1º da ESO do centro levou a cabo un proxecto ligado á celebración do 8 de marzo, Día internacional da Muller, establecendo unha interesante comparativa entre o desprazamento das súas avoas e a mobilidade que pensan que os mozos e as mozas terán no futuro.

BIBLIOTELLEIRAS. FEBREIRO 2022. DÍA DE ROSALÍA.

Desde este ano 2022 o Día de Rosalía pásase a celebrar o 23 de febreiro, logo de que produce a investigadora Sagrario Abelleira revélase nova documentación que acredita a súa data real de nacemento.
O IES As Telleiras quixo brindar, neste día, a súa propia homenaxe á nosa máis destacada escritora en lingua galega, Rosalía de Castro, celebrando no centro unha serie de actividades que, desde o ENL, a Vicedirección e Biblioteca, animaron a participar ao alumnado da ESO e coa colaboración dos departamentos didácticos.

  • Exposición na Bibliotelleiras de exemplares das obras da autora que forman parte dos nosos fondos bibliográficos, entre poemas e recordos.

 

  • Actividade de deseño e adorno de “Flores para Rosalía”, na que participaron os alumnos e alumnas de 1º e 2º ESO cos seus proxectos desde o mes de xaneiro, coas que formaron flores para integrar na exposición que tivo lugar no vestíbulo do centro con outros traballos realizados polo alumnado sobre a figura da poeta con traballos de poemas, debuxos, caligramas...

 

  • Actividade nos tempos de lecer deste día na Aula de Música con lectura de textos de Rosalía a cargo de Mª  de los Ángeles Sánchez, Hugo Piñeiro, Lola López, Uxía López e Nayara Velázquez, co acompañamento musical a cargo do profesor e xefe do departamento de Música, Manuel Sieiro, ao piano, e das alumnas Aldara Morado (pandeireta), Xión Fernández (violín), Paula Calderón e Victoria Escalona (piano).
  • Gravación dunha lectura dun poema de Rosalía, extraído do seu poemario Follas Novas nas voces de seis alumnos e alumnas de 1º Bacharelato de Grego e coa colaboración especial dunha alumna de 2º Bacharelato que deu vida á nosa autora.

BIBLIOTELLEIRAS. SCAPE ROOM. MOBILIDADE NARÓN

Para que o noso alumnado máis pequeno, da materia de Mobilidade Escolar Sostible e Segura, poida gozar do patrimonio cultural, artístico e natural do noso Concello e da nosa contorna, o alumnado de 2º de Bacharelato da materia de TIC deseñou uns traballos de Scape Room, que estamos seguros que lles van gustar. Estades todos invitados a compartilos!

El Tesoro de Artabria.

 

Nuestra ciudad, Narón.

Resuelve el homicidio.

Diario de un Percebeiro.

 

 

BIBLIOTELLEIRAS. FEBREIRO 2022. PROPOSTAS LECTORAS PARA TEMPO DE ENTROIDO.

Chegou febreiro, ese mes tolo do que o refrán popular di: “Febreiriño curto, cos teus días vinte oito, se tiveses outros catro, non quedaba can nin gato”.
Pero febreiro tráenos tamén as festas de Entroido cos seus disfraces, o seus cocidos e as súas lambonadas como as orellas, os freixóns, as filloas, as flores...
É este tempo de vacacións na escola, de días de lecer que animan á troula pero tamén a gozar do fogar e da familia, de tardes quentiñas na casa mentres zoa fóra o vento e o frío é aínda protagonista da meteoroloxía.
Así que, aproveitando a ocasión, a Bibliotelleiras quere facer  algunhas suxestións lectoras que, de seguro, serán do voso agrado.
Velaquí as nosas propostas.

 

  • LECTURAS PARA COÑECER MÁIS E MELLOR O NOSO ENTROIDO:
  • LIBROS QUE ACHEGAN ESTA TRADICIÓN AOS MÁIS PEQUEN@S DA CASA:
  • E TAMÉN A TRAVÉS DA MÚSICA:

  •  IDEAS PARA MOZ@S E NON TAN MOZ@S: O ENTROIDO COMO EXCUSA PERFECTA PARA LER ESTES DÍAS:

 

 

BIBLIOTELLEIRAS 27 DE XANEIRO. DÍA INTERNACIONAL DA CONMEMORACIÓN DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

O campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau foi liberado polas tropas soviéticas precisamente  o 27 de xaneiro de 1945.
Entre 1933 e 1945, durante o réxime nazi en Alemania, o mundo atravesou un período de destrución e persecución sen precedentes. A culminación deste período foi a II Guerra Mundial que se desenvolveu entre 1939 e 1945 e que se transformou no maior conflito que a  humanidade xamais experimentara.
Non obstante, máis aló das atrocidades da guerra, o Holocausto levado a cabo polo goberno nazi converteuse nun dos xenocidios máis terribles da historia da Humanidade. Detencións  ilegais, deportacións, torturas, asasinatos en masa e outras moitas barbaridades  foron as  súas consecuencias.
As SS foron a principal organización responsable do asasinato xenocida e da limpeza étnica que se produciu  durante a duración do réxime de Adolf Hitler e da Segunda Guerra Mundial, período no que se calcula que morreron uns  6 millóns  de persoas de diversas minorías étnicas europeas, principalmente xudeus, pero onde tamén pereceron homosexuais, persoas LGTBI, xitanos, presos políticos, republicanos, disidentes, polacos, eslavos, discapacitados e persoas de color. De feito Auschwitz-Birkenau foi  o campo de prisioneiros, exterminio e traballo escravo máis grande da Alemania nazi onde foron liberados os 2.819 superviventes que alí se atopaban no momento da súa liberación. Miles de persoas no sobreviviron ás atrocidades cometidas neste campo de concentración e exterminio, o  máis salvaxe do nazismo.

É por esta razón que cada ano a UNESCO rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto e ratifica o seu compromiso de loitar contra o antisemitismo, o  racismo e toda outra forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos.
A educación pode desempeñar un papel clave na prevención do xenocidio, proporcionando un marco para abordar as situacións  de violencia no pasado, ao mesmo tempo que se promoven os coñecementos, as capacidades, os valores e as actitudes que fomentan a prevención da violencia con respecto a determinados grupos de persoas nas sociedades actuais.
O ensino sobre cuestións  relativas ao Holocausto e a prevención do xenocidio forman parte dos esforzos que leva a cabo a Organización para promover a Educación para a Cidadanía Mundial, que é unha de las prioridades da Axenda 2030 da Educación. Neste contexto, a UNESCO apoia aos interlocutores do sector educativo nos seus esforzos para axudar ao alumnado a adquirir unha mirada crítica, a converterse en cidadáns mundiais responsables e activos capaces de valorar a dignidade humana e o respecto por  todas as persoas, a rexeitar  o antisemitismo, o racismo e outras formas de prexuízo que poden levar á violencia e ao  xenocidio.

A campaña  “We remember”, “Lembramos”, é unha iniciativa mundial do Congreso Mundial Xudeu e  a UNESCO orientada a concienciar sobre a importancia que para o presente ten a cultura da memoria; desde o 2017 invitan a grupos de persoas do mundo enteiro a que participen na campaña e suban a Internet unha foto co  hashtag #WeRemember  co fin de expresar o seu compromiso coa memoria do Holocausto.
O xoves 27 de xaneiro, as doce do mediodía,  o IES As Telleiras quixo unirse a esta iniciativa e levar a cabo unha actividade de recordo e conmemoración de todas vítimas do xenocidio cun pequeno acto de acendido de sete candeas brancas no vestíbulo do edificio de Bacharelato con alumnado deste nivel para iluminar o recordo e manter viva a memoria,  unha para cada colectivo que foi vítima del nazismo;  a última candea foi prendida  en honra dos “Xustos entre as Nacións”, aquelas valentes persoas que puxeron en risco a súa vida para salvar aos xudeus e xudías perseguidos.


O acto acompañouse das palabras do profesor do Departamento de Xeografía e Historia do centro, don Javier González, que imparte a materia de Historia do Mundo Contemporáneo quen  fixo un magnífico discurso no que recordou os feitos acaecidos nesta época e que foi unha chamada de atención aos mozos e mozas para que non dean a esquecemento o pasado.
A continuación sete  alumnos e alumnas, representantes dos catro grupos de 1º Bacharelato, levaron a cabo o acendido das sete candeas, mentres se escoitaba a música do tema principal da película A lista de Schindler, de John Williams.
Damos as grazas ao noso orador pola súa xenerosa implicación e a todo o alumnado que participou na actividade pola súa colaboración.

Distribuir contido


by Dr. Radut