Skip to Content

blogue debiblioteca

BIBLIOTELLEIRAS. NOVEMBRO 2023. CONTACONTOS PARA NENOS DE INFANTIL E PRIMARIA “Moucho e Cuquiña”

 

O pasado 10 de novembro o noso alumnado do Clube de Lectura de 1º e 2º da ESO representou por segunda vez na Bibliotelleiras a adaptación do conto Moucho e Cuquiña, da escritora Paula Merlán e do ilustrador Antonio Seijas.

O noso centro educativo recibiu a visita de cerca dun centenar de escolares de 6º curso de educación Infantil e 1º e 2º de educación Primaria dos colexios Ayala, Ponte de Xuvia e Piñeiros, nunha xornada inolvidable para moitos deles.

Máis información no Facebook de Educación Vial do Concello de Narón

 

BIBLIOTELLEIRAS. OUTUBRO 2023. III SEMANA DA SEGURIDADE

Os que seguides o noso blogue sabedes da participación da Bibliotelleiras nas actividades relacionadas coa Educación Vial e a Seguridade, polo que, dentro das actividades propostas desde o equipo de Educación Vial do Concello de Narón, o noso alumnado de 1º e 2º ESO participou na III Semana da Seguridade, celebrada do 23 ao 27 de outubro de 2023.

O alumnado participou en obradoiros de autoprotección e comportamentos seguros, primeiros auxilios e nun partido de baloncesto en cadeira de rodas, no que puideron poñerse no lugar doutras persoas e experimentar o mesmo ca elas.

Nas hiperligazóns podes acceder á información aparecida na imaxe:

 

BIBLIOTELLEIRAS. CURSO 2023/2024

11 DE SETEMBRO, XORNADA DE BENVIDA Á BIBLIOTECA AO ALUMNADO DE 1º ESO E 1º BACHARELATO DE NOVA INCORPORACIÓN.

Para o alumnado de 1º ESO realizouse durante toda a mañá do luns 11 de setembro, data de inicio do curso, unha xornada de presentación e un percorrido polo centro (Dirección, Club de Ciencias, Zona de xogos...), con distintas actividades encamiñadas a dar a coñecer as instalacións e as distintas propostas que oferta o centro.
No marco desta xornada o alumnado de 1º ESO  levou  a cabo a tradicional actividade “Coñece a túa Biblio” e realizou unha visita guiada pola Biblioteca onde se lle mostraron as instalacións, se lle deron a coñecer as normas básicas de funcionamento,  se lle informou das propostas de actividades que se levan a cabo ao longo do curso e se lle animou a formar parte dos Clubs de lectura que temos en marcha.

Os horarios de visita foron os seguintes:

1º ESO A (12.30-12.50)

1º ESO B (11.20-11.40)

 1º ESO C (12.55- 13.20)

1º ESO D (11.45-12.10)

Ao mesmo tempo estivemos encantados de facilitarlles aos alumnos e alumnas calquera tipo de información que solicitaron, resolverlles  dúbidas e mesmo fixemos algunhas fotos que quedarán de recordo desta ocasión.
Organizados por clases e acompañados do seu profesorado, explicámoslles a profunda transformación que experimentou a biblioteca hai dous cursos con motivo das obras levadas a cabo pola Consellería de Educación; mostráronse moi curiosos ao saber que gran parte dos espazos que forman hoxe a nosa Bibliotelleiras foran en tempos cuartos e dependencias da “casa do conserxe”, zona que só foi utilizada a tal fin durante uns poucos meses cando o instituto acababa de ser inaugurado aló polo ano 1985.
Chamoulles tamén moito a atención a zona exterior da biblioteca, á que nós cariñosamente  chamamos a “zona chill out”, que esperamos que ao longo deste curso poida ser habilitada e co mobiliario axeitado para ser usada como un espazo de lectura informal, ao aire libre, e onde sexa posible levar a cabo ademais actividades diversas: reunións dos clubs de lectura, encontros con autores e autoras, presentación de libros...
Tamén esa mesma mañá do 11 de setembro o alumnado de 1º Bacharelato de nova incorporación tivo ocasión de percorrer o centro para familiarizarse coas instalacións e un dos puntos de interese foi a visita á biblioteca, onde se lles informou do uso dos espazos, das normas básicas de funcionamento e se lles respondeu ás dúbidas que foron xurdindo durante a visita.
Así mesmo, durante a mañá do 7  de setembro, o profesorado novo que se incorporou ao centro realizou unha visita á biblioteca acompañado dos membros do Equipo da Biblioteca para coñecer as instalacións, os fondos documentais e as posibilidades que a nosa Bibliotelleiras poida ofertar para o seu labor docente e tamén persoal.
Cómpre destacar que estas visitas resultaron moi interesantes para o alumnado que destacou a amplitude da biblioteca, a boa disposición, luminosidade e excelente ventilación de todos os espazos; así mesmo os máis pequenos quedaron sorprendidos pola grande cantidade de libros e o orde e clasificación dos mesmos.
Cremos que foi unha xornada moi agradable e para nós unha ocasión especial de recibir a todo o alumnado e profesorado que se incorporan este curso por primeira vez ao centro.
Só nos queda dar a benvida a todos os usuarios e usuarias da Bibliotelleiras e animalos a participar en todas actividades que se levarán a cabo ao longo do curso en cooperación coa Vicedirección e os distintos Departamentos que sempre se amosan dispostos a colaborar coa Bibliotelleiras.

BIBLIOTELLEIRAS. XULLO-AGOSTO 2023. TEMPO DE VERÁN, TEMPO DE LECTURAS.

 RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA PASAR UNHAS VACACIÓNS AO SOL.

Chegou o verán, chegaron as vacacións e a Bibliotelleiras non quere deixar pasar a ocasión de animar á lectura nestes meses de lecer na praia, no campo, na casa, nas viaxes...

 

Ler no verán é unha forma de lecer que enche as nosas pilas, abre os nosos ollos e os nosos pulmóns de aire fresco, cárganos de enerxía; calquera lugar é bo para gozar da lectura xa sexa ao sol ou á sombra, na area ou na herba, nun sofá ou nunha toalla... O importante é refrescar as nosas neuronas co zume dun bo libro! 

Velaquí algunhas propostas para pasar o verán en boa compañía:

 

  • PARA OS PEQUES DA CASA:
  • LECTURAS PARA A MOCIDADE:

 

  • LECTURAS DE SUSPENSE E DE MISTERIO: GALICIA NOIR

 

 

ENCONTRO LITERARIO CON JUAN JOSÉ LADA VILARIÑO, BROCHE DE OURO DAS XUNTANZAS DOS CLUBS DE LECTURA DO IES AS TELLEIRAS

 

 A tarde do martes 20 de xuño os Clubs de Lectura da Bibliotelleiras tiveron de novo a oportunidade de compartir dúas horas de excelente conversa, anécdotas, risas e bombóns co noso “autor de cabeceira”, Juan José Lada Vilariño, autor da novela El oro de Himmler, a terceira entrega da triloxía que comezou con El tesoro de Artabria, continuou con Las minas de Santa Comba e remata con esta. Tamén desta vez, como xa pasara o curso pasado, as dúas horas de reunión pasaron voando.

Houbo tempo para falar con Juan José sobre os múltiples aspectos da novela, de formularlle as dúbidas que a lectura foi xerando ao longo do curso, de comentarlle as impresións que a historia foi deixando en nós, lectores e lectoras, e ata de preguntarlle se esta ía ser a derradeira entrega ou só a última.

Fíxonos saber que xa ten lista unha nova novela e que, cun xiro de guión, incluirá “sangue”, aspecto que, ávidos e ávidas de suspense e thiller, deixounos xa con ganas de comezar a devorala.

Queremos desde aquí agradecerlle de todo corazón a enorme amabilidade e cortesía coas que responde sempre ás nosas invitacións, os agasallos que sempre trae consigo e a magnífica oportunidade que nos ofrece ao poder contar “en persoa persoalmente”, como diría Catarella, o personaxe de Andrea Camilleri, para compartir con el a nosa experiencia lectora.

Non quixemos deixar pasar la ocasión de facerlle entrega da orixinalísima camiseta que a nosa Vicedirectora, dona Estefanía Mosquera, deseñou este curso e que é un orgullo para todos os e as “Telleiros e Telleiras” que foron e son parte da historia do noso centro.

Así mesmo reiterámoslle o ofrecemento que xa lle fixeramos desde a Bibliotelleiras, tanto a el como a todos e todas os integrantes do colectivo GAF, Grupo de Autores de Ferrolterra, na tertulia literaria que se levou a cabo na Biblioteca Universitaria Casa do Patín de Ferrol no mes de marzo pasado e durante a cal nos fixeron entrega de exemplares das súas obras. Podedes consultar a reseña da tertulia na seguinte ligazón.

A idea é poder levar a cabo, con motivo da celebración do 24 de outubro, “Día das Bibliotecas”, no Salón de actos do centro un encontro de presentación do colectivo para dar a coñecer o labor deste grupo de seis autores de diferentes concellos da zona decididos a sumar forzas para difundir así, de forma colectiva e con apoio mutuo, as súas respectivas obras literarias, ambientadas en localizacións de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

BIBLIOTELLEIRAS. XUÑO 2023. MOUCHO E CUQUIÑA: OS “TELLEATROS” DO CLUB DE LECTURA DO IES AS TELLEIRAS

Durante toda a mañá do día 1 de xuño os actores e actrices do grupo “Telleatros” do Club de lectura de 1º ESO, capitaneados pola súa dinamizadora e directora, dona Aurora Romar, no papel de Xoaniña, representaron na biblioteca do centro, convertida a tal efecto  en escenario, a adaptación a formato teatral do relato Moucho e Cuquiña, perante catro grupos de alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria de colexios de Narón.

O Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón propuxera no ano 2020 un conto para pasar aqueles días complicados de confinamento. Tratábase da publicación Moucho e Cuquiña, con textos de Paula Merlán e ilustracións de Antonio Seijas, unha edición que foi elaborada por encarga do concello de Narón, xa que a obra está ambientado neste municipio.

Podes consultar máis información sobre o conto no blogue de Paula Merlán ou na seguinte hiperligazón.

Do enorme éxito que tivo esta posta en escena no IES As Telleiras fíxose eco a prensa local:

Cómpre destacar o enorme labor que supuxo durante todo o terceiro trimestre deste curso 2022-2023 para os integrantes do grupo “Telleatros”, que semana tras semana, dedicando xenerosamente os seus tempos de lecer,  tanto no Obradoiro de Tecnoloxía como na propia biblioteca, levaron a cabo todo o traballo de realización dos decorados, probas de escenografía, luces e son, confección do vestiario, aprendizaxe e ensaio dos textos... 

E o máis importante foi a alegría, o tesón e a dedicación constante que puxeron para que todo saíse perfectamente no estreo da obra ante un centenar de pequenos  e pequenas espectadores que gozaron cunha  representación que fixo as delicias de todos e todas.

A Bibliotelleiras quere dar as grazas ao Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón pola súa extraordinaria colaboración na montaxe e posta en marcha desta actividade que, o curso próximo, quere facerse extensiva a outros centros de ensino de Narón.

Felicitamos a todo o elenco dos “Telleatros” polo compromiso e bo facer que demostraron sempre e que os fai merecedores do noso agradecemento.

 

BIBLIOTELLEIRAS. 25N: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional Contra a Violencia Machista. Este ano escollemos como motivo do cartaz para a reivindicación desta data o deseño elaborado por Noa Romero Calvo, alumna de 2º de BACH. 

Durante esta semana o IES as Telleiras realizou unha serie de accións encamiñadas a concienciar o alumnado sobre esta lacra. Ademais da representación da obra teatral Animais de compañía, no centro tiveron lugar outras actividades arredor desta conmemoración: 

Unha exposición bibliográfica na biblioteca:

Un mural reivindicativo e participativo elaborado polo alumnado de educación plástica e visual 

Un muro contra a violencia machista cedido polo Concello de Narón e acompañado dunha exposición de zapatos vermellos, símbolo da reinvidicación que fixo viral Gioconda Belli a través do seu libro No país das mulleres

Unha exposición de textos literarios por parte do Equipo de Dinamización da Lingua Galega

 E un taller de chapas con diversos motivos arredor do 25N: 

BIBLIOTELLEIRAS. 25 DE NOVEMBRO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Desde a Bibliotelleiras gustaríanos facervos partícipes das actividades que temos preparadas no centro para conmemorar o próximo 25 de novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Atréveste a participar?

BIBLIOTELLEIRAS. 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA ÁS MULLERES.

BEATRICE CENCI (1577-1599): BIOGRAFIA E HISTORIA DUNHA HEROÍNA MODERNA DO SÉCULO XVI.

Historia e proceso de Beatrice Cenci, heroína moderna coñecida tamén como "a virxe romana", famosa por ter sido executada como instigadora do homicidio doloso dun  pai violento.

    • A vida atormentada dunha muller vítima da violencia paterna.

Aristócrata dunha das familias máis antigas e ricas, Beatrice Cenci padeceu durante toda a súa breve vida os abusos e os actos violentos dun pai tiránico e inmoral. Para obter a liberdade do seu torturador fíxoo asasinar, pero tanto ela como os seus cómplices foron descubertos e axustizados publicamente, aínda que o pobo romano estivese claramente da súa parte.

Retrato de Beatrice Cenci, atribuído ao pintor Guido Reni e hoxe recoñecido como da súa principal axudante, Elisabetta Sirani; actualmente os restos de Elisabetta e o seu mestre repousan xuntos, na Basílica de Santo Domenico de Bolonia.

O substancioso patrimonio inicial  da familia pasou ao fillo varón, Francesco, que se revelou  xa desde mozo como unha persoa violenta e inmoral e que tivo que facerse cargo das débedas do pai por actividades ilícitas e multas para evitar a prisión; deste xeito o patrimonio dos Cenci foi minguando gradualmente.

Á morte da nai, Beatrice e a súa irmá maior Antonina foron enviadas como alumnas ao mosteiro da S. Croce di Montecitorio. A elección  do lugar é discutible, xa que son as únicas mozas nobres nun ambiente destinado  sobre todo a rapazas plebeas, pero en consonancia coas accións do pai  delas e que busca aforrar o máis posible no seu mantemento. As dúas irmás permanecen alí durante oito anos e quizais este foi é o único período feliz que lograron vivir, porque tiveron logo que volver á casa paterna. 

Ao seu regreso á casa, a situación familiar empeora: o carácter  tiránico e violento do pai levou aos tres fillos varóns maiores, Giacomo, Cristoforo e Paolo, a facerlle a guerra na casa: aos mozos néganselles os cartos para manterse e eles, fartos da situación, no 1594 demándano para obter a manutención e gañan o litixio.

Nese mesmo ano Francesco é acusado e procesado por unha, por aquel entón, gravísima acusación, a homosexualidade, aínda que logra obter unha pena leve, apenas tres meses de cárcere, pero debe pagar unha multa estratosférica para a época.

Os fillos solicitan a intervención do papa Clemente VIII para retirarlle ao pai a administración do patrimonio e así evitar a ruína de toda a familia.

O pontífice asígnalles as rendas das terras paternas e, a petición da filla Antonina, organiza o seu matrimonio cun nobre de Gubbio, obrigando ao  pai a pagarlle unha riquísima dote; este, que se ve empobrecido pola situación, reacciona con rabia e acusa aos tres fillos varóns de intento de parricidio e de acusalo falsamente de sodomía.

Francesco Cenci pasa de cabeza de familia a carcereiro: encerra a Beatrice, a filla que quedou solteira, xunto á segunda muller, Lucrezia Petroni, na fortaleza de Petrella Salto, para evitar un posible matrimonio e a conseguinte perda de diñeiro.

Palazzo Cenci no Barrio Xudeu (Roma)

Non contento con este arranxo, ao ano seguinte limita incluso aínda máis os seus movementos encerrándoas nun dos cuartos da fortaleza con ventás e portas  pechadas: pásanlles a comida a través dunha portela e o persoal do servizo transfórmase nun corpo de garda. As dúas mulleres obteñen a comprensión e a colaboración dos serventes, con quen Francesco é tamén cruel e así ocasionalmente escapan á vixilancia enviando cartas pedindo axuda aos parentes que teñen en  Roma.

Pero unha carta de Beatrice foi interceptada polo pai que volveu á fortaleza e deulle unha malleira con ferocidade.

Agora que o seu torturador vive con ela, Beatrice non ten escapatoria: o pai atorméntaa en cada oportunidade que pode, obrigándoa incluso a facer a limpeza persoalmente e converte a súa vida nun inferno. Beatrice decide que a única saída que lle queda é matar o seu pai.

Contacta con algúns bandidos locais para cometer o delito pero o acordo non se chega a realizar. É entón cando pide ao seu irmán Giacomo que consiga un veleno; este faise con el e entrégallo a un criado de confianza, Olimpio, que vén expresamente a Roma; pero o pai sospeita e toma o costume de facerlle probar previamente a comida e a bebida. Decide entón matalo mentres dorme simulando un accidente.

A noite do 9 setembro de 1598 Beatrice Cenci, malia as dúbidas da súa madrasta, fai asasinar o pai a golpes de martelo a mans de dous sicarios, Olimpio e un campesiño, Marzio, coñecido como o Catalán, que se ocupan tamén de tirara abaixo a balaustrada dun balcón para simular a morte accidental, non conseguindo romper o chan de madeira.

Emitiuse unha orde de detención par aos irmáns Cenci, a madrasta os dous sicarios e as súas mulleres.

    • Beatrice Cenci: o xuízo baixo tortura.

A causa foi confiada ao xuíz do tribunal vicario xudicial, Ulisse Moscato, que fai levar as dúas mulleres ao Castelo Sant'Angelo e obrígaas a asistir ás torturas de Catalano co fin de facelas confesar, pero elas negan sempre toda implicación nos feitos. Por seren os Cenci unha familia nobre, non poden ser sometidos a  tortura e a confesión dun plebeo non é suficiente para  a condena. 

“Ritratto di Beatrice Cenci in carcere” (Achille Leonardi – 1852)

O papa Clemente VII delibera o 5 agosto 1599 o acto necesario para levar a cabo os interrogatorios: o primeiro en ser torturado é Giacomo, que o 7 de agosto, sometido a un tipo de tortura medieval, mentres Bernardo consegue librarse por ser menor de idade.

Un tras outro todos os imputados sofren torturas e todos bótanlle a culpa a Beatrice. 

O avogado de Beatrice, Prospero Farinacci, chamou en defensa da rapaza a dúas criadas como testemuñas, hipotetizando un intento de violación do pai, pero Beatrice negouse a confirmar o feito e culpou de todo ao criado Olimpio que xa morrera; sometida tamén ela a tortura, confesou todo e así puxo fin ao proceso: todos os imputados foron condenados polo homicidio doloso de Francesco Cenci.

    • A condena de Beatrice Cenci, unha xustiza inxusta.

O escándalo provocado pola situación, agravado polos actos criminais do pai, tanto vítima como verdugo, obriga ao Papa a condenar á morte a todos os membros da familia. Aínda que a execución debería ser pública, convencen ao pontífice para propor unha pena máis leve e acepta que as dúas mulleres sexan decapitadas .

Placa no edificio della Corte Savella, na Rúa  Via di Monserrato á altura do número 42.

A confiscación do patrimonio familiar mostra que a decisión non é para nada neutral: a Cámara apostólica confisca todos os bens e as terras da familia Cenci, ademais de revocarlle o título nobiliario  e os bens  da familia son vendidos en poxa , incluso antes de que conclúa o proceso. A propiedade máis importante foi adquirida  por un sobriño do Papa por unha cifra baixísima xerando outro escándalo e o conseguinte descontento popular.

O desfile dos imputados pasou entre unha multitude amoreada a ambos os dous lados das rúas ata a chegada ao patíbulo. Giacomo foi o único en ser torturado con tenaces ardentes durante todo o paseo, mentres ao mozo Bernardo se lle deixou crer ata o fin que sería o derradeiro en ser axustizado. A aglomeración de xente foi tal que algunhas persoas morreron por diversas causas, unhas por insolación, outras esmagadas e incluso algunhas no río onde terminaron por afogar; ao final a multitude congregada asiste con dor á execución dunha moza nova, fermosa e rica pero condenada por unha lei inxusta por intentar cambiar o seu propio destino da única maneira que lle pareceu posible. 

Na actualidade Beatrice Cenci converteuse nunha icona feminista, pola coraxe e pola determinación que tivo para atopar unha vía de escape a unha situación desesperada, que efectivamente, desembocou nun delito sanguinario, aínda que ela foi a única en non volverse atrás malia o intento de cambiar de parecer a última hora e da cobardía dos seus parentes. 

Algúns aseguran que se camiñas pola ponte Sant’Angelo na noite do 11 de setembro é posible que te atopes coa pantasma dunha moza camiñando con delicada finura e coa súa cabeza entre as mans. 

Pois nesa ponte, construída en época romana polo Emperador Adriano, e no que se encontran as estatuas de San Pedro e San Paulo, é ademais o fogar do derradeiro treito da vida de Beatrice onde algúns afirman aínda hoxe vela camiñar. 

Castel Sant'Angelo e ponte (Roma)

 

BIBLIOTELLEIRAS. NOVEMBRO 2022. RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA TEMPOS DE SAMAÍN

 

 

 

Los secretos de los vampiros de Julie Légère y Elsa Whyte, Editorial Errata Naturae.

Dirixida especialmente ao público xuvenil, Los secretos de los vampiros, de Julie Légère y Elsa Whyte, ilustrado pola valenciana Laura Pérez, arranca na antigüidade, con Lamia, Sekhmet ou Lamashtu como protagonistas, e percorre a Idade Media (que papel crucial xogou a Inquisición para crear mitos), o Renacemento e sobre todo, o século XVII co esplendor dun vampirismo polifacético. Por aquí circulan vampiras e vampiros de todos os tempos e de todos os países, pero tamén en todos os formatos, con especial predilección polo literario e o cinematográfico.

   
 

Luces custodias, Editorial Toromítico.

Tamén para o público xuvenil (a partir de 13-14 anos),  Luces custodias é a primeira incursión do escritor malagueño na novela e a historia desenvólvese en dous planos, no dos humanos naturais e no do sobrenatural cheo de monstros, magos, ninfas, lobishome e outros personaxes sinistros. A protección de un sobre o outro corre a cargo das Luces Custodias, unhas personaxes con poderes e habilidades variadas que deberán facer fronte a algo descoñecido ata o momento. Pero un profesor novo de música, Miguel Nímel, que dá clases nun colexio de monxas, cambia as regras do xogo.

   
 

Cuatro cuentos de terror y un relato abominable, Editorial Toromítico.

Un libro arrepiante onde a protagonista Laura Newman queda atónica cando ten que admitir que o seu irmán fora atacado por un vampiro. E non unha, senón dúas veces. Por sorte nunha libraría atopou o necesario para facerlle fronte. Este é en esencia o argumento do último conto que comeza nun estudio de gravación de televisión onde los condutores e especialistas do programa non son o que parecen. Un libro cargado de acenos cinematográficos e  televisivos con moito  sangue e tripas.

   
 

Almuerzo en el café Gotham, de Stephen King, Nórdica Libros.

Cos debuxos  ao máis puro estilo de banda deseñada de Olivares, King relata a truculenta historia de Steve Davis, abandonado pola súa muller e polo tabaco, quen fixa unha cita co avogado da súa ex para tramitar o divorcio, sen pensar que un restaurante poderá converterse en La casa de los horrores de Tobe Hooper. Unha estupenda historia terrorífica para todos os públicos.

   
 

No es un lugar para monstruos, de Kory Merrit, Editorial Edebé (a partir de 10 anos).

A historia sitúase nun barrio residencial, Cowslip Grove, que non é tan tranquilo como parece. Os protagonistas Levi e Kat (non podían ser máis diferentes, ela unha “todo terremoto” e amante do paranormal e el máis mesurado e tranquilo) deben desentrañar unhas arrepiantes desaparicións.

 

 

 

 

 

La abracadabrante enciclopedia de brujas y brujos, de Bernard Villiot.

Coas divertidísimas ilustracións de Adilson Farias, da Editorial Anaya.
Esta historia arranca coa carta dunha princesa namorada dun sapo, á que o Sindicato de Archimaxia e  Bruxería lle facilita un catálogo para que decida en quen se converterá o seu amado ou amada.

 

   
 

Las brujas, de Cecile Roumeguière, que forma parte dunha colección La enciclopedia de seres mágicos que está elaborando a editorial Edelvives.

Trátase dun libro moi especial, en gran formato e tapa dura, que transita entre o imaxinario e o real para achegarnos ás bruxas de todos os tempos, lugares e tradicións do mundo: desde Lilith ás Bruxas de Salem, pasando por Xoana de Arco, Baba Iagà, Mamá Shiptom ou Ketherina Hetzeldorer. Un percorrido da man da pequena Lana para darnos a coñecer a mulleres sabias, moitas delas estigmatizadas,  e o seu papel na mitoloxía, os contos ou na historia. Unha fantástica lectura para estes tempo de Samaín.

   
 

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Castelao.

Neste relato curto o protagonista atopa as memorias dun esquelete que nos narran a súa vida de morto e as historias que lle acontecen aos seus compañeiros de  cemiterio. Castelao o prólogo diríxese ao lector e explica como é o enterrador o que lle facilita as “memorias”, escritas en pedazos de xornal e papel de fumar. O que o esquelete conta nesas memorias é o que observa a través do ollo de vidro que utilizaba en vida. Esta obra, a pesar de que é moi curta, deixa un final aberto que permitirá facer voar a túa imaxinación!

   
Distribuir contido


by Dr. Radut