Skip to Content

Domus e Aquarium Finisterrae.

 

O luns 22 de febreiro o alumnado de 3º ESO realizou unha saída á Coruña organizada polo departamento de Bioloxía para visitar a Domus e o Aquarium Finisterrae.

Pola mañá fomos á Casa dos Peixes. Instalada no paseo marítimo da cidade, adéntrase no máxico mundo das profundidades mariñas a través de grandes acuarios onde están presentes especies propias do litoral. Destaca a sala de observación Nautilus, onde hai case cinco millóns de litros de auga onde nadan os maiores peixes do Atlántiuco. Entre eles destaca un tiburón: Tiburón Toro macho de 2,5 metros de longo. Nas piscinas exteriores (conectadas co Océano Atlántico) hai unha colonia de 9 simpáticas focas que facían as nosas ledicias véndoas dar viravoltas unha e outra vez. E tamén vimos como as alimentaban.

     

Despois de comer visitamos a Domus, museo que ten como obxectivo espertar a curiosidade e provocar a reflexión sobre a especie humana, a través de módulos interactivos os alumnos e profesoras gozamos de experiencias como a de subir a pedalear nunha bicicleta e ver ao lado un esquelete facendo os mesmos movementos; lanzar un penalti e comprobar a velocidade á que se impulsou o balón; descubrir como reaccionan as nosas pupilas ante un estímulo luminoso; ver imaxes dun parto real; ver dúas nenas siamesas nacidas a finais do século XIX que estaban unidas polo ventre, relaxarse para gañar unha partida nun xogo que mide a actividade cerebral; entre moitas outras.

   

E para rematar visionamos o documental "Titáns da Idade do Xeo", que nos transportou ás belas paisaxes xeadas do hemisferio norte de hai 20.000 anos a través dos tigres dentes de sabre, os mamuts, e os seres humanos prehistóricos que loitaban por sobrevivir nun ambiente inhóspito.

                                  Foi un día ben aproveitado e para repetir!

 


story | by Dr. Radut