Skip to Content

VISITA A TUI E VALENÇA DO IES ÁLVARO CUNQUEIRO

 

     O 21 de febreiro o alumnado de Portugués de 1º ESO a e 2º ESO A, xunto con 2º ESO C, participou nunha visita organizada polos departamentos de Xeografía e Historia e o de Portugués. Pola mañá o grupo dividiuse en dous e mentres un asistía á visita guiada á catedral de Tui o outro participaba nunha xincana polas rúas desta vila. O alumnado de 2º de ESO demostrou os seus coñecementos sobre arte medieval (románico e gótico) respondendo atinadamente ás preguntas da nosa guía. Puidemos visitar non só o interior senón tamén o claustro, a torre, os tellados e a terraza.

    Ademais no museo catedralicio explicáronnos a orixe da expresión “colgarlle o sambenito a alguén”. O sambenito era unha prenda que incluía un capuchón co que a Inquisición sinalaba os condenados por este tribunal, entre eles, e logo da expulsión dos xudeus, os que eran acusados de manter esta relixión. Pero tamén designou unha especie de cartel que se colocaba nos muros exteriores da catedral para facer público o nome do condenado e que incluía á súa familia e descendentes. Este museo posúe algúns dos poucos sambenitos que se conservan.

    Simultaneamente outro grupo facía de Tui o escenario dunha espectacular xincana, dedicada á figura de dona Urraca. O percorrido desta actividade, levaba os nosos alumnos a descubrir os lugares máis misteriosos do casco vello de Tui, atendendo á lenda de Dona Urraca, que no medio da guerra contra a súa irmá Dona Tareixa de Portugal, tentaba fuxir a través de descoñecidos pasos agochados no marco urbano da vila tudense. Despois dunha hora de carreiras, descifrando os misterios medievais de Dona Urraca, os gañadores tiveron un merecido agasallo.

 

     A continuación percorremos o camiño que une Tui con Valença. Atravesamos o río Miño pola vella ponte de ferro para adentrarnos nas coñecidas murallas que defenderon a vila portuguesa. Logo do xantar, comezamos a visita guiada na que coñecemos non só a historia de Valença, senón algúns dos momentos máis destacados da historia de Portugal.

 

     A nosa entusiasta guía falounos de como, logo da guerra da Restauração (da independencia de Portugal) a muralla medieval fora substituída pola fortaleza que se conserva actualmente e que se construíu a finais do s. XVII. Tamén puxo de relevo as relacións comerciais, familiares, culturais e relixiosas que sempre mantiveron unidas as vilas a un e a outro lado do Miño.

No baluarte de Nosa Señora do Socorro (os baluartes reciben o nome dun santo/a para encomendalo á súa protección).

Na maqueta obsérvase un dos baluartes, de forma romboidal, da fortaleza de Valença.



page | by Dr. Radut