Skip to Content

Obradoiro con Antonio Rial Boubeta

TECNOLOXÍAS: Claves para educar

RESUMO

A loita contra as chamadas adiccións sen substancia constitúe un dos grandes desafíos da sociedade actual, non só a nivel educativo e sociosanitario, senón mesmo a nivel vital. Nas últimas décadas a sociedade tentou ir adaptándose progresivamente ao universo de oportunidades que o vertixinoso desenvolvemento tecnolóxico puxo ao seu alcance. Dotar tecnolóxicamente aos centros educativos e integrar a tecnoloxía na actividade docente supuxo un reto no que, en maior ou menor medida, fomos capaces de avanzar, pero integrar a tecnoloxía na vida cotiá de nenas e nenos é un obxectivo que está lonxe ainda de se acadar. Máis ben o uso das TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación), trouxo consigo serios problemas a nivel emocional e de convivencia, especialmente nun período vital tan crítico como é a adolescencia. Tal e como veñen advertindo organismos como a OMS, a UNESCO ou mesmo UNICEF, o uso intensivo e sen supervisión das redes sociais ou os videoxogos pode ter graves consecuencias, derivando en maiores taxas de ansiedade e depresión, hábitos de vida menos saudables, un aumento das taxas de acoso escolar e ciberacoso, ou mesmo de violencia filioparental. Desgraciadamente a evidencia científica disponible non leva a que sexamos neutrais. O uso da tecnoloxía non é inocuo na adolescencia. Cando implica novos patróns de interacción e novas formas de relacionarse (a miudo tóxicas e superficiais), novos modelos aspiracionais e novas formas de entender a vida, chega a converterse nun serio serio problema, un problema de saúde pública. A tiranía do selfie e o imperio de Instagram, o boom dos gamers, youtubers e influencers dificulta ser quen de inculcarlles aos nosos fillos a cultura do esforzo e unha serie de valores básicos para o seu desenvolvemento como persoas. Adquirir conciencia, tomar partido, empoderar e orientar a nais e pais é unha tarefa obrigada, ao igual que tamén o é sensibilizar e corresponsabilizar ás institucións. Na charla-coloquio do vindeiro día 9 de marzo o profesor Antonio Rial Boubeta (da Universidade de Santiago) exporá datos reveladores a este respecto e reflexionará cos asistentes sobre este non tan novo problema. Asemade, propondrá algunhas claves e ferramentas para poder afrontalo no día a día.

 ANTONIO RIAL BOUBETA

Nado en Cangas do Morrazo en 1970, é doutor en Psicoloxía dende o ano 1998 e Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela dende 2003. Director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e da saúde. Autor de mais de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional, director de 20 teses de doutoramento e responsable de numerosos proxectos de investigación do eido da mocidade, dende o Uso problemático de Internet, as redes sociais o ciberbullying, ao consumo de alcohol. En 2010 foi coordinador do primeiro estudo de “Adolescentes e Internet en Galicia”, realizado polo Valedor do Pobo e a Consellería de Educación, que continuou en 2014 co estudio “Mocidade On Line”, cuios resultados foron publicados en revistas de internacionais de máximo nivel, como Cyberpsychology ou Computers in Human Behavior. Dirixíu en 2019 un dos maiores estudios realizados en España sobre o problema do Xogo en menores, publicado no prestisioxo  Journal of Gambling Studies. É coautor do libro “Adolescentes y Nuevas Tecnologías: una responsabilidad compartida”, así como do libro “Entre selfies y whatsapps. Oportunidades y riesgos para la infancia y la adolescencia conectada”, elaborado xunto a expertos europeos do proxecto EU Kids Online. É colaborador habitual de diferentes medios de comunicación, tanto prensa, como radio e TV. Foi o encargado de elaborar o material docente do curso de formación que actualmente ten o Consejo General de la Psicología de España sobre o Uso Problemático de Internet na adolescencia; docente tamén no curso de Adiccións Tecnolóxicas, da Consellería de Sanidade, no que cada ano se forman psiquiatras, pediatras e psicólogos; no Curso de Prevención, Detección e tratamento do Acoso Escolar e o Ciberacoso, da Consellería de Educación, para mestres e orientadores de toda Galicia; así como de diferentes cursos que actualmente se imparten na Academia Galega de Seguridade Pública, para as Forzas e Corpos de Seguridade. É tamén investigador do Anti-Bullying Research and Resource Centre (da Dublin City University) e membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso. Ven de dirixir un proxecto de investigación do Plan Nacional sobre Drogas para a detección e intervención precoz nas adiccións con e sen substancia en adolescentes e, paralelamente, o Estudio sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia, levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de mais de 50.000 estudantes de secundaria, que é a día de hoxe un dos traballos científicos de maior envergadura feitos en Europa sobre o tema. O pasado ano foi galardoado coa Nécora de Ouro da Fundación Galega contra o Narcotráfico (polo seu labor e compromiso en favor da prevención das adiccións na mocidade) e fai só unhas semanas co Premio Iacobus da Educación.



page | by Dr. Radut