Skip to Content

Avisos e novas

Últimas novas

Quen dixo que os nenos e nenas non teñen dereito a participar en asuntos dos maiores?

Como ben sabedes, este fin de curso foi un pouco atípico. En lugar de estar enfrascados nunha festa de remate de ano académico, atopámonos buscando a maneira de plantarlle cara a Iberdrola para que non leve a cabo o seu proxecto de implantar un parque eólico na Pena do Corvo, en Monfero. 

 
Dende que algúns alumnos e alumnas de segundo e cuarto de primaria comunicaron os seus temores de que isto sucedera tratouse de que coñeceran o que é a enerxía eólica, os seus pros e contras e vimos que, de principio, o lugar onde os queren colocar non é o axeitado xa que actuaría negativamente nas Fragas do Eume, na conservación da súa fauna e flora; a outros niveles tamén, ao estar situados nunha zona poboada, crearían uns problemas que nos privarían do turismo e quizais influiría nun novo abandono do rural.
 
 Visto isto, o alumnado púxose mans á obra e apoiados polo colexio, recolléronse alegacións que se entregaron á plataforma MONFERO DI NON; fixeron carteis que permanecen pendurados na verxa do colexio..., mais estaban un pouco defraudados porque eles non podían asinar esos documentos que os adultos dicían que era tan importante presentar. Que máis poderían facer? Pois quizá enviar algunha carta? A quen? Pois afiando os lápices puxéronse a redactar unha carta para enviar a distintos ministerios pedindo que o ministro/a correspondente actuara no nome deles e defendera a súa petición.
 
 As cartas foron enviadas a varios ministerios. Sabemos xa que en casi todas as institucións ás que ían dirixidas as recibiron pero aínda non responderon. Quen sí o fixo foi María Teresa Ribera, a Ministra para a transición enerxética e reto demográfico... xusto a que ten nas súas mans a paralización ou non deste proxecto. 
 
No archivo adxunto podedes ler a resposta á carta do alumnado de 2º e 4º de EP.
 
 Quen di que os nenos e as nenas non poden facer nada polo seu pobo? Polo de pronto, a ministra xa sabe onde estamos, sabe canto mide o Parque Natural das Fragas do Eume e a súa importancia a nivel europeo... Esperemos que tome conciencia do paraíso que se pode estragar e sexa no consello de ministros a voz dos nenos e nenas que queren un futuro digno para as súas familias e os seus veciños.
 

Retratos con libro

Un ano máis a comunidade educativa sumouse á iniciativa de facerse un "retrato con libro". Aquí podedes ver todas as aportacións:

Axudas para libros de texto e material escolar

A Consellería de Educación convoca o fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2021/22.

1. No fondo solidario de libros de texto poderá participar o alumnado matriculado* en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2020/21.
2. Nas axudas para adquirir libros de texto poderá participar alumnado matriculado* en 1º e 2º de EP.
3. Nas axudas para adquirir material escolar poderá participar o alumnado matriculado* en EP, ESO e EE.

*Matriculado no ano académico 2021-2022

A asignación de libros farase:
a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.
b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.

Obrigas das persoas beneficiarias:
1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2020/21.
Está excluído desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar.
A falta de devolución dos libros de texto, sexan do curso inmediato anterior ou de calquera outro, será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2021/22 e devolvelos ao rematar este, en xuño ou setembro, segundo o caso.
3. Destinar o importe do vale para libros a adquirir os libros de texto que indique o centro en que estea matriculado o alumnado.
4. Destinar o importe do vale para material a adquirir o material escolar que necesite.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o día 22 de xuño de 2021.
As solicitudes poden taramitarse dende https://sede.xunta.es co procedemento ED330B.
Máis información no DOG do 20 de maio de 2021 e en https://www.edu.xunta.es/fondolibros

Descarga dos Anexos I e II

 

CARREIRA SOLIDARIA

O pasado xoves 8 de abril celebrouse, un ano máis, a carreira solidaria organizada por Save the Children. Este ano, o alumnado e o profesorado correu polos dereitos dos nenos e nenas da República Democrática do Congo.
Non vos perdades esta marabillosa experiencia, que sen dúbida, repetiremos o vindeiro curso escolar.
 

 Na carreira recadamos 875,52€, e Save the Children enviounos este diploma de agradecemento:

ENTROIDO 2021

Onte celebrouse no CPI Virxe da Cela o Entroido dedicado este ano aos Entroidos tradicionais galegos.
Aínda que este ano non puidemos celebralo con vós, as familias, non queremos que perdades a oportunidade de ver os marabillosos desfraces que levaron os cativos e cativas do noso colexio, así como os dos profes!
Por iso, deixámosvos este pequeno vídeo para que gocedes tanto coma nós o fixemos bailando e cantando.
Feliz entroido 2021!

 

CPI VIRXE DA CELA: GAÑADOR DO I PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL

    "Monferosolidario: abrindo a escola cara a transformación social desde a EPDCG", do CPIP Virxe da Cela (Monfero), é a experiencia gañadora na categoría B do I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.     

     A Coordinadora Galega de ONGD fai pública a resolución definitiva da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, un galardón co que se quere recoñecer experiencias educativas transfromadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto. Nesta primeira edición presentáronse 19 candidaturas (7 correspondentes á Categoría A: Educación Infantil e Primaria; e 12 correspondentes á Categoría B: ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas). Un xurado composto por seis persoas vinculadas ao mundo da educación, a cooperación e a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global en Galicia avaliou as candidaturas e aprobou por unanimidade a resolución provisional do Premio.

Moitos parabéns!  Por outra banda, realizarase a entrega do Premio aos dous centros gañadores, asistindo unha representación do equipo organizador do a ambos colexios. Este acto está previsto para o día 19 de febreiro de 2021 pola mañá. Consistirá na entrega do elemento distintivo e os diplomas, como se establece nas bases.

Resolucion DEFINIITVA Premio Galego ED 2020

Día Escolar pola Paz e a Non Violencia

O 30 de xaneiro conmemórase, como todos os anos, o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia.  E por iso no CPI Plurilingüe Virxe da Cela , onde convivimos e estudamos, onde nos divertimos e formámonos como persoas, quixemos celebrar este día facendo nas nosas aulas diversidade  de actividades para deixar constancia de que temos que seguir traballando para que na nosa sociedade poidamos vivir todxs xuntos e en paz.

No seguinte vídeo deixamos a nosa pegada e os nosos mellores desexos  berrando coas mans e o corazón abertos...QUE VIVA A PAZ!!!

Bo Nadal!

Estamos nun ano atípico pero non por iso queriamos perder a celebración do Nadal.

Tal vez non sexa a celebración á que estamos acostumados, pero non por iso vai ser menos especial.

Así que... dalle a play...e goza deste festival virtual tanto coma nós gozamos facéndoo:

 

 

 

 

 

Máscaras de protección para o alumnado

 

Orde do 6 de novembro de 2020 pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes públicos dependentes desta consellería e en centros privados concertados no curso 2020/21 (código de procedemento ED330E). Diario Oficial de Galicia nº 230, do 13.11.2020.

Informámos de que a Consellería de Educación repartirá máscaras de protección de forma gratuíta a todo o alumnado beneficiario da axuda de material escolar no curso 2020-2021 (vale de 50€ para material). Todo este alumnado recibirá ás súas máscaras en canto as teñamos no centro sen necesidade de facer unha solicitude.

 Aqueles alumnos ou alumnas de Educación Primaria e Secundaria que non fixeron a solicitude de axudas de fondo libros e material escolar, e que reúnen algún destes 4 requisitos deberá presentar a solicitude antes do dia 27 de novembro:

 • Que pertenza a unha familia cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 €.

 • Alumnado matriculado en educación especial.

 • Alumnado suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia.

 • Alumnado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.

 O modelo de solicitude o podedes descargar aquí: Anexo I e II

 

CAMBIO DE XORNADA DEBIDO AO COVID 19

 Informamos que a partires do luns 5 de outubro e ata o remate da situación sanitaria actual o horario lectivo será:

 

 Hora de entrada: 9:45

 Hora de saída:

      - Luns e martes: 16:30

      - Mércores, xoves e venres: 15:30

 

Isto non afecta ao número de horas de docencia nin ao servizo de comedor que seguirán funcionando como sempre.

Este horario adoptouse para poder levar acabo con seguridade as medidas marcadas polo protocolo do Covid e está autorizado exclusivamente mentres duren as medidas sanitarias marcadas polas Consellerías de Educación e Sanidade.
Co novo horario a etapa de Educación Infantil remata o seu horario lectivo todos os días ás 15:20. Esta etapa ten o xantar ás 13:40, e despois, todos os días, unha última clase de 14:20 a 15:20.
A etapa da Educación Primaria remata o seu horario lectivo ás 14:45, despois teñen o xantar ata as 15:25.
Ambas etapas os luns e os martes teñen un tempo de lecer acompañados do profesorado de garda ata a saída dos buses ás 16:30.
Os luns e martes saen a esta hora para que a etapa da ESO poida impartir todo o seu horario completo: 32 períodos lectivos.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut