VISITAMOS UNHA ZONA QUEIMADA DA NOSA LOCALIDADE

Dentro do Plan Proxecta "O monte vivo" e coa colaboración da USC organizamos unha saída pola localidade para observar e estudar unha zona queimada. Primeiro visitamos un piñeiral, no que puidemos observar como se queimaron os piñeiros silvestres (especie autóctona de Galicia, cousa que tamén aprendemos, ademais de coñecer o piñeiro radiata), observando que o lume non chegou as copas e, polo tanto, concluíndo que non foi un incendio de gran gravidade. A pesar de non estar moi afectados polo lume, parte dos piñeiros foron atacados (ao quedar máis debilitados igual ca nos pasaría a nós cando sufrimos un accidente) por gusanos que van consumindo por dentro o tronco que termina, pasado un tempo, por fracturarse. Chegamos á conclusión de que a mellor solución, ao tratarse dunha especie autóctona, era cortar as árbores afectadas para que por si mesma se rexenerase de forma sana sen necesidade de intervir a man humana.
Observamos as primeiras especies que empezan a saír unha vez que un inicendio afecta unha zona: os fentos. 

Os maiores de ESO cavaron un pouquiño e puidemos ulir a terra tras un incendio; non cheira a vida como normalmente. Tamén repasamos as medidas de prevención que debemos respectar, como manter os montes limpos para que no caso de que se produza un incendio a afectación sexa o menor posible. Así como cousas que podemos facer tras o incendio e que axudan a que o terreo non perda máis: muros de contención cos propios troncos das árbores, palla para reter ante a erosión e as inundacións. 

Tamén visitamos un bosque de bidueiros (máis resistentes ao lume que os piñeiros) e observamos outra plaga que afecta ás árbores queimadas, esta vez non de orixe animal, senón un fungo que as desgasta, como puidemos observar e tocar en zonas que pasan de ser lisas a rugosas. Tamén falamos das consecuencias dos incendios sobre o resto do ecosistema e cómo quedan afectados ata os ríos coa morte de peixes e cos lodos.

Por útimo, Secundaria visitou os bancais que se fan tras os incendios para evitar que a auga arrastre todo o solo. E non todo foi estar traballando ... ademais nos quedaron momentos para xogar na natureza, un recreo diferente aos demais pero moi divertido.