Skip to Content

Historia do centro

No ano 1974 a maioría das  escolas unitarias do Concello de Láncara e algunhas do Corgo e do Páramo,pecharon as súas portas e concentraron ao seu alumnado e profesorado na Pobra de S. Xiao nun novo edificio construido segundo a chamada “Lei Palasí”, pola que moreas de centros foron levantados en toda a comunidade.

Aínda que pareza que foi onte, polo centro xa pasaron xeracións e xeracións de alumnos. Varios xa remataron as súas carreiras universitarias e ocupan postos de responsabilidade nos distintos eidos da sociedade. Outros casaron e os seus fillos son alumnos do centro.

Pero, ó longo destes 50 anos, o noso centro  sufriu unha serie de remodelacións para adaptarse á lexislación vixente e aos cambios que a sociedade impoñía.

Nun principio, chamouse Colegio Nacional Comarcal Mixto Concepción Arenal. Logo, ó seren transferidas as competencias de Educación á Xunta de Galicia, pasou a chamarse Colexio Público de E.X.B. Concepción Arenal.

No ano 1983, fanse unha serie de reformas por importe duns 44 millóns de pesetas: empástanse as fachadas, ampliase o Comedor Escolar, fanse novas aulas, ponse dobre ventanal etc.

No ano 1991, por iniciativa do Claustro, Consello Escolar e Concello, proponse que pase a chamarse Colexio Público de E.X.B. Ramón Piñeiro,  en memoria do ilustre intelectual destas terras, concretamente da Armea de Abaixo. Ramón Piñeiro acababa de falecer en agosto de 1990. No ano 1989 fora o “pregoeiro” o día das Letras Galegas.

Mandara unha carta, xunto cun lote de libros, na que dicía que marchara emocionado ao ver que na súa terra se honraba con tanta brillantez as letras e a cultura galega.

Coa entrada en vigor da E.S.O., no centro fixéronse unha serie de obras  de ampliación e mellora por importe de 150 millóns de pesetas, para adaptalo ás esixencias da LOXSE.

O 26 de xaneiro de 1999 era inaugurado o novo centro que pasaba a chamarse Centro Público Integrado Ramón Piñeiro. No devandito centro poden cursar os seus estudios rapaces e rapazas dende Educación Infantil ata cuarto curso da ESO, é dicir, dende os 3 ata os 16 anos e nalgúns casos ata os 18.

A entrada en vigor da LOE, no ano 2006, trouxo unha dotación de material informático para o centro, pero non supuxo reformas na estructura do edificio.

 

colexio



page | by Dr. Radut