Skip to Content

Os Bolechas viven o Entroido cos escolares galegos

Como vén sendo habitual nos últimos anos, Os Bolechas veñen de pór en marcha unha nova iniciativa relacionada co Entroido, unha das datas máis divertidas e con maior tradición na nosa comunidade. Trátase dunha páxina web, osbolechas.gal/Entroidona que se inclúe diverso material para divertirse aprendendo todo sobre o Entroido.

Dirixido á cativada de educación infantil e primaria, o novo espazo web inclúe unha Unidade Didáctica sobre o carnaval galego: as súas diferentes manifestacións, máscaras, tradicións… Ademais está accesible na propia web ou pode descargarse en formato pdf no apartado Descargas e traballalo na aula ou na casa durante estas pequenas vacacións de Entroido, ao igual que o Caderno de Actividades, onde nenas e nenos poderán poñer a proba os seus coñecementos mediante divertidos xogos e actividades. 

Ademais da Unidade Didáctica e o Caderno de Actividades, no apartado “Descargas” inclúense recortables relacionados co carnaval para que cada nena ou neno personalice o seu disfrace ao tempo que promove a súa creatividade e o traballo manual. E mesmo pode atopar fichas con receitas de pratos típicos do Entroido galego para coñecer todos os aspectos relacionados con estas festas.

Outro dos apartados da nova web dos Bolechas é BraulioTuber, onde se pode acceder aos vídeos realizados por Braulio en diferentes colexios galegos explicando como viven estas festas, as tradicións de cada zona etc.

Concurso escolar con moitos premios

E para seguir coñecendo o Entroido galego, este ano os Bolechas propoñen unha iniciativa dirixida aos centros escolares. Cada mestra ou mestre debe contar brevemente o que fixo este ano na súa clase en relación ao Entroido. Tan só hai que ir ao apartado Participa do web e contar o traballo realizado na aula (proxectos, murais, traballos en grupo, actuacións, talleres, temática elixida para o disfrace etc.) explicando brevemente o obxectivo e a execución do traballo e achegar unha foto representativa do proxecto.

Entre todos os proxectos que se presenten cada día farase un sorteo do que sairán dous proxectos que se publicarán na web e recibirán unha chea de premios, tanto para a clase como para cada alumna e alumno.

Entrade xa en osbolechas.gal/Entroido e… 

FELIZ ENTROIDO! ! ! !

 

 

     

 

 

 

 



blog | by Dr. Radut