A nosa benvida ao CEIP Martagona                   

 

Proxecto de Vida Activa e Deportiva

Campo a través

O pasado venres día 2 de decembro o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desprazouse ata circuíto da área recreativa da MAGDALENA en CASTROFEITO - O PINO para participar na modalidade Xogade (campo a través), a cal se enmarca dentro do proxecto de vida activa e deportiva (PVAD).

Foi unha xornada lúdica e de convivencia na que compartimos experiencias con outros centros.

  

 

Día do Peón / Magosto

 

O pasado venres, celebramos no centro o Día do Peón e o xa tradicional Magosto.

 

A xornada comezou cos campionatos e exhibicións de peón realizadas polo alumnado de primaria, diante duns espectadores/as de luxo. Os grupos de 4º, 5º e 6º sacaron todos os seus trucos que con tanto agarimo ensaiaron durante a semana previa. Ademais disto, todos os cursos de primaria fixeron rodar o seu peón para ver cal era o que mellor “aguantaba o tipo”. O alumnado participante recibiu o seu diploma acreditativo desta nova edición.

 

Sempre que se practica deporte é importante recuperar enerxías, polo que tocou a quenda de comer as tradicionais castañas, acompañadas dun chocolate preparado pola ANPA. Grazas unha vez máis pola vosa colaboración.

 

Para rematar a xornada, o equipo de actividades complementarias preparou unha xornada de xogos tradicionais, os cales foron explicados polos alumnos de 6º con todo o seu bo facer.

 

As familias poderedes ver o vídeo da actividade, acompañado dun bo lote de fotografías que recibiredes de forma privada.

PROXECTO DE SAÚDE

Na seguinte entrada trátase de explicar o proxecto de saúde que levaremos a cabo no centro, o cal está vinculado á materia de Educación Física e que concorre ao abeiro do plan de vida activa e deportiva (resolución do 20 de maio de 2022; plan proxecta +), proxecto no que nos confirmaron a aceptación da nosa solicitude a pasada semana.

Tal e como recolle o artigo 35 do Decreto 155/2022, do 15 de setembro o centro ten a obriga de integrar o plan de saúde no marco do proxecto educativo de centro (artigo 121; LOMLOE). Dito plan terá como principal obxectivo a posta en marcha de mecanismos para introducir e consolidar hábitos de vida saudábeis. 

Nos meses de setembro e outubro levamos a cabo a avaliación inicial (orde do 20 de maio de 2022) a través de diferentes probas sociomotrices e tamén, de observación, as cales nos permitiron darlle forma e seleccionar as dinámicas que entendemos que son máis apropiadas segundo a situación deste centro en concreto.

 

As dinámicas que se levarán a cabo serán as seguintes:

  • Dinamización do proxecto “piEFcitos”: ambientarase a materia nun núcleo temático que está vinculado á área de ciencias sociais. Coñecerán de forma guiada as diferentes partes do territorio español a medida que avanzamos no traballo dos contidos psicomotores.
  • Participación no plan “Xogade”: esta modalidade está vinculada ao comunmente chamado “deporte escolar”. A proba na que se participará a día de hoxe é o campo a través que se celebrará o 2 de decembro en O Pino para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º.
  • Participación nas modalidades do PVAD: DAFIS, móvete + e, mais e mellor actividade física.
  • Gardas activas / descansos activos: as ausencias do profesorado que teña que cubrir o docente de Educación Física, alternaremos o traballo indicado polo docente ausente con breves descansos psicomotores (4 minutos) co obxectivo de activar cognitivamente ao alumnado, tratando de estimular o hipocampo cerebral para minimizar os momentos de desconcentración.
  • Xornadas de convivencia: están previstas xornadas nas que os centros de Melide desfruten de actividades lúdicas de forma conxunta. Ao ser a primeira vez que se tratan de pór en marcha, serán levadas a cabo cos cursos altos, coa intención de que nos vindeiros anos se poida ampliar a máis niveis.
  • Visitas inclusivas: concertaranse visitas ao centro por parte de persoas vinculadas a diferentes modalidades deportivas. Para comezar, o vindeiro 13 de decembro estará connosco Álex Ferradás, membro da asociación “Working Wheels” (asociación cultural que traballa pola integración social e a accesibilidade). Teremos unha xornada de deporte inclusivo na que o alumnado experimentará situacións propias de persoas con determinados graos de discapacidade.
  • Xogos de primavera: levaranse a cabo campionatos deportivos sempre que o tempo acompañe, tratando de fomentar a práctica de diferentes modalidades deportivas (dance revolution, twincon, fut-béisbol, campo a través, 3x3 basket, pickleball, etc.).
  • Cesión de material nos recreos: procederemos á cesión de diverso material nos períodos de ocio, tratando de aumentar as posibilidades lúdicas do alumnado. Cada ciclo disporá dunha caixa con material variado para empregar en función dos seus intereses. Ademais, na zona do “porche” habilitaranse actividades de rol (“dobble”, xogo de cartas “uno”, “twister”, “mikados”, “jenga”, etc. ). Un día á semana o alumnado de 5º e 6º poderá facer uso da sala de informática, tal e como veñen facendo dende inicio de curso.
  • Corpo en movemento: nesta caso trataranse de inculcar hábitos fóra do centro educativo, polo que promoveremos a práctica deportiva con accións ligadas ao proxecto “piEFcitos”.

 

Imaxe 1: Exemplo de alumnado realizando actividade deportiva fóra do centro.

(Ver imaxe adxunta 1)

  • Almorzos saudables / venres saudables: Unha das estratexias máis próxima a vostedes (no caso de querer participar, xa que é voluntaria), é a dinámica de almorzos saudables. Para que a implantación sexa coherente, dende o centro trataremos de instaurar unha guía de almorzo e hábitos beneficiosos para o noso organismo, elaborada por Carmen Piernas e Juanjo Pérez Soto, profesionais nos ámbitos de epidemioloxía, nutrición e actividade física. 

Dita guía propón un almorzo fundamentado en comida real e saudábel, e á vez, algunhas pautas beneficiosas para a saúde fóra do centro educativo. Esta dinámica do proxecto consiste en que un día á semana (os venres) o alumnado prepare o seu almorzo cumprindo unhas pautas básicas de selección e variedade de alimentos. A guía de referencia é a seguinte:

 

Imaxe 2: Guía de almorzo saudábel.

(Ver imaxe adxunta 2)

 

Dende a titoría, levarase a cabo un sistema de puntuación diario, o cal se poderá ver na cortizas de educación física colocadas no ximnasio. Finalmente, cada mes, elaboraranse unhas clasificacións por clases tratando de buscar a motivación no alumnado.

Na seguinte imaxe poden ver algún exemplo de alumnado doutros anos:

 

Imaxe 3: Exemplos de almorzos saudábeis.

(Ver imaxe adxunta 3)

Nos seguintes enlaces poden ver algún exemplo do que trataremos de levar a cabo, xa que esta iniciativa foi pioneira en centros de Murcia.

Enlaces: 

 

Independentemente do tratado aquí, o almorzo pode ser todo o sinxelo que vostedes consideren, baseándose en froita, por exemplo, sen necesidade de maior complicación. Vólvese a incidir en que é algo voluntario.

 

  • Outras dinámicas: calquera argumento terase en consideración para aumentar os momentos de actividade física.

 

Imaxe 4: Exemplos de outras propostas.

(Ver imaxe adxunta 4)

 

Recalcar que calquera iniciativa que se leve a cabo fóra do centro terán rango de actividade complementaria, polo que segundo o artigo 69 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, teñen carácter voluntario. Isto quere dicir que non son avaliables, aínda que obviamente sempre que beneficie ao alumnado formarán parte do apartado tipificado como “actitude/disposición á práctica física-deportiva”.

 

O único obxectivo deste plan de saúde será empregar a actividade física como fármaco preventivo.

 

Grazas pola súa colaboración.

 

DÍA DO PEÓN

Como é costume no Centro, celebrouse un ano máis o Día do Peón, coincidindo co Magosto. Ademáis de comer castañas, nenas e nenos participaron nunha serie de divertidos xogos espallados polo colexio, e lanzaron os seus peóns.

Como non podía ser doutra maneira, a actividade física estivo presente en todo momento.

 

Premendo na imaxe, podedes acceder a un vídeo cunha escolma dos mellores momentos do día

RECREOS ACTIVOS

En canto chegou o bo tempo, e respectando sempre os grupos burbulla e as medidas COVID, organizamos os recreos facilitando ás nenas e nenos balóns, cordas, aros, palas...

No seguinte vídeo podedes ver algunhas imaxes.

 

 

CARREIRA DE ORIENTACIÓN

O profesorado participante no Proxecto Deportivo de Centro artellou esta divertida actividade para o alumnado dos cursos 3º, 4º, 5º e 6º.

Cada un dos grupos participou de xeito individual.

Consistiu no seguinte:

1.- Creación de grupos de 4/5 nenas e nenos.

2.- Os grupos debían buscar 10 preguntas, espalladas e convenientemente sinaladas e identificadas por todo o noso patio (que, por certo, é inmenso).

3.- De xeito colaborativo, tiñan que ir respondendo e anotando nunha folla facilitada previamente.

4.- Unha vez respostadas as cuestións, debían dirixirse á aula de informática, acceder á aula virtual de Educación Física, cargar as respostas nunha ficha interactiva e entregala.

 

Deixámosvos un pequeno vídeo:

 

 

XOGOS COOPERATIVOS POLO DÍA DA PAZ

Co obxectivo de integrar eses obxectivos que perseguimos co noso Proxecto Deportivo de Centro no día a día do alumnado, pensamos en celebrar, co gallo do Día da Paz, uns xogos cooperativos, respectando as medidas contra a COVID.

 

 

CARREIRA SOLIDARIA 2020/2021

Un ano máis, o noso Centro participou na carreira solidaria chamada "VUELTA AL COLE CONTRA LA LEUCEMIA INFANTIL", co obxectivo de recadar diñeiro para loitar contra esta enfermidade e, ao mesmo tempo, promover hábitos de vida saudable e de práctica deportiva. As familias, polo tanto contribuíron coa aportación que consideraron oportuna.

 

Pero, neste contexto de pandemia no que estamos inmersos, non puidemos celebrar a carreira como de costume, polas rúas do arrerdor do Centro, e tampouco puidemos correr todos xuntos.

 

Polo tanto, organizamos unha carreira de relevos no patio, respectando os grupos burbulla. Esperamos que vos guste o vídeo.

 

GRAZAS ÁS FAMILIAS POLA APORTACIÓN 

Powered by Drupal - Design by artinet