02-03-2018

O alumnado de 5º e 6º continúa a participar en actividades enmarcadas no Programa Atrévete coa visita esta mañá ao Centro Integrado de Formación Profesional de Someso xunto ás súas titoras. Un ano máis, recibiunos e acompañounos en todo momento a responsable do Departamento de Orientación, Ángeles Piay, á que queremos agradecer a súa amabilidade e o trato tan cercano que nos amosou.

A xornada comezou na Aula Magna do centro coa visualización dunha presentación que nos invitaba a reflexionar acerca do que implica, entre outras cousas, ser unha persoa emprendedora, o traballo en equipo e a importacia da motivación. A continuación, gozamos con diversas mostras de proxectos desenvoltos por alumnos do centro na materia de Formación e Orientación Laboral coa súa profesora, Carmela López: “Bioconspa” (casas saudables), “Cuvegal” (cubertas verdes) e “Jalifornos” (fornos solares). Despois desta introdución, sumouse a Xerente da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón, Marta Marzoa, coa que o alumnado mantivo un interesante debate acerca das vantaxes e dificultades de ser empresario e as expectativas de futuro dos nosos nenos e nenas.

Despois dun pequeno descanso, Ángeles Piay levounos ata o “Viveiro de empresas”: un espazo onde desenvolver e poñer en marcha os proxectos empresariais do alumnado. A visita continuou co profesor de Edificación e Obra Civil, Juan Bello, que nos amosou o Módulo bioclimático experimental que se coñece como “A Vieira” e explicounos como e por que se levou a cabo esta construción en madeira, palla e arxila.

A xornada rematou coa interesante visita a varios obradoiros das familias profesionais que oferta o centro e nos que os docentes nos foron resumindo non só o que estaban a facer os alumnos nese momento, senon tamén outras prácticas que alí se desenvolven a diario: Soldadura, Trazado e Montaxe, Mecanizado, Perrucaría e Estética.

Finalmente, o persoal do CIFP de Someso agasallounos cunhas mochilas do Programa Atrévete que incluían, entre outras cousas, o convite a participar de novo no concurso de redacción “Atrévete a ter unha idea!”, do que sen dúbida formaremos parte.

Grazas de novo!

Mariña García San León

  

Powered by Drupal - Design by artinet