NOTA: Esta páxina irase actualizando a medida que vaian xurdindo novas preguntas para as que entendemos que se pode fixar un criterio común. Envíe as súas dúbidas ou suxerencias a: ceip.carnota@edu.xunta.gal
Cómo podo xustificar unha falta?
As faltas de asistencia e as de puntualidade deben sempre xustificarse, e de ser posible, notificalas ao centro con antelación. Para a xustificación empregarase un medio que permita que quede constancia desa xustificación: xustificante do centro de saúde, correo electrónico ao/á titor/a ou ao centro, anotación na axenda do/a alumno/a, ou envío do modelo de xustificante cumprimentado e asinado. No caso do correo electrónico, deberá figurar no "asunto" o nome do/a alumno/a e curso, e no corpo do correo o motivo, figurando tamén o nome completo de quen envía dito correo. Con chamar ao centro non se xustifican as faltas, somentes ten validez a chamada como notificación da falta pero non a xustifica.
Chamo por teléfono e non me colle ninguén, cal é o problema?
Os teléfonos do centro están nos despachos e son atendidos cando na xefatura de estudos, secretaría ou dirección hai alguén. Ás veces pode coller o teléfono o profesorado de garda. Moitas veces, aínda no horario do equipo directivo, pode acontecer que non se collan as chamadas por estar atendendo outras tarefas fora dos despachos. Moitas veces ata a conserxe non se atopa preto do teléfono. Lembramos que tamén se pode contactar co centro no correo electrónico: ceip.carnota@edu.xunta.gal.
É necesario ter o ABALAR MÓBIL?
Espazo abalar e ABALAR MÓBIL son ferramentas que a Consellería pon a disposición dos centros e das familias e que permiten a comunicación, especialmente do centro cara ás familias. Ademais, inclúen outras utilidades, xa que permiten consultar o horario do grupo, as faltas de asistencia, os datos de contacto e páxina web do centro.
Desde que se puxo en funcionamento vai incluíndo melloras, como é a posibilidade de mensaxería desde o profesorado ás familias con opción de resposta. Ademais xa permite solicitar titorías.
O centro raramente vai enviar notificacións por escrito, fora das que se fan directamente nas axendas do alumnado.
Ten a vantaxe de que a mensaxe ou notificación chega ao móbil sen molestar ou ser inoportuna como unha chamada telefónica. Estimamos que en todas as familias, alomenos un dos titores legais debería tela instalada.
En caso de non funcionar, facelo saber ao centro e buscaremos a solución.
Cómo se establecen as parellas nos usuarios do transporte escolar?
Dado que o alumnado este curso vai ter que empregar unha praza fixa no transporte escolar todo o curso, o máis oportuno é tentar manter os mesmos grupos de convivencia estable que son os grupos de clase, e ao mesmo tempo, ter en conta as unidades familiares. Faise somentes pensando na protección do alumnado evitando sempre, e dentro do posible, o contacto con outro alumnado que non forme parte de dito grupo estable ou sexa da súa mesma unidade familiar.
Non estou de acordo co compañeiro asignado, podo reclamar?
A organización dun curso tan atípico, con normas que nos son rectificadas continuamente, non permite que no centro poidamos facer previamente sondaxes. Estes agrupamentos están fixos e foron propostos ao persoal acompañante do transporte escolar. Non se van facer cambios, a menos que poida separarse si hai prazas suficientes, criterio que xa as acompañantes no transporte teñen previsto.
Realmente hai que enviar máscara de reposto?
Si. Así o establece no protocolo a Consellería e se fixa no protocolo propio do centro. Ademais debería vir co nome do alumno/a, a poder ser por fora da máscara (por exemplo, con rotulador indeleble e no lateral). Así mesmo deberán vir identificadas as bolsas ou similar enviado para gardar as máscaras cando non se empreguen. Procuremos entre todos un bó emprego da máscara.
Fálase dun positivo relacionado co alumnado ou coas familias, teño que mandar ao neno/a ao cole?
É normal que si oimos falar dun positivo relacionado coas familias ou co alumnado nos preguntemos si é seguro enviar ao alumnado ao centro. Compre salientar que desde o centro non se pode dar información sobre quén son os afectados e que tampouco temos autoridade para determinar que se confine a unha clase ou ao alumnado, xa que esta decisión a tomarán autoridades sanitarias.
Segundo o protocolo, cando nunha familia haxa contacto con positivos, será sanidade a través dos centros de saúde (médico de cabeceira ou pediatra) ou do servizo de rastrexo, os que informen as familias das medidas a tomar (normalmente confinamento no domicilio durante 10 días e citación para PCR). Nestes casos a reincorporación ao centro será sempre baixo a consulta co servizo de pediatría.
O centro, como é a obriga legal, manterá a absoluta confidencialidade dos datos sobre saúde do alumnado ou familias aos que teña acceso.