Skip to Content

Información

Obradoiros STEAM

Continuamos cos obradoiros STEAM. Nesta ocasión, as nosas pequenas arquitectas e arquitectos construiron o edificio Burj Al Arab e a ponte Tower Bridge.

Aquí o proceso e o resultado final. Espectaculares!

      

 

      

 

Día da Nena e a Muller Científicas: 11 de febreiro - 11 inventos

Aquí vos deixamos o resultado da nosa exposición para a iniciativa 11 de febreiro - 11 inventos. Pulsade sobre a imaxe.

 

 

 

Xiroscopio

Estes días estivemos a fedellar cun xiroscopio. Resulta que por moito que o xiremos, o anaco de madeira que puxemos no seu centro nunca cae.

Por se non o recordades, un xiroscopio é un trebello capaz de marter a horizontalidade dun obxecto aínda que o xiremos en tódolos eixes do espazo tridimensional. Todo un invento que permite manter un obxecto horizontal sen caer.

11 de febreiro: Día da Nena e a Muller Científicas

O mes de febreiro é o mes na Nena e a Muller Científicas. Para celebrar este acontecemento, e dar visibilidade a esas inventoras descoñecidas, queremos, desde o Club de Ciencia, levar a cabo un obradoiro de igualdade e deixar unha exposición chamada 11 de febreiro - 11 inventos e amosar así once grandes invencións que facilitan a nosa vida diaria e que foron creadas por científicas, nais, mestras, enxeñeiras ou inventoras totalmente descoñecidas. Elas tamén inventan pero permaneceron anónimas aos ollos da sociedade.

A exposición quedará aberta na segunda planta do cole a partires do 20 de febreiro despois do comedor. Estades invitadas!

Botade unha ollada:

 

Collede aire: Sistema respiratorio

Os movemenmtos respiratorios é algo que podemos sentir pero non observar. Non obstante, grazas a esta maqueta do sistema respiratorio puidemos aprender sobre o funcionamento dos pulmóns e diafragma, e comprender os procesos de inspiración e expiración.

     

Observamos como os nosos pulmóns feitos con globos enchíanse e baleirábanse de aire grazas á forza do diafragma, algo que non podemos ver a simple vista no noso corpo, aínda que podemos sentir o noso bandullo cheo de aire.

Suxeita a pelota: Sistema locomotor

O corpo humano segue a desvelar os seus segredos internos. Temos que admitir que para o alumnado de Infantil, xa case non quedan segredos neste ámbito.

Hoxe descubrimos un elemento novo do sistema locomotor, os tendóns, eses elementos que xunto con músculos, ósos e articulacións, colaboran no movemento do corpo humano. Grazas a esta maqueta dunha man, observamos o funcionamento destes elementos.

Mesmo era quen de coller obxectos, como unha man auténtica.

Vemos coas mans: Sentido do tacto

Seguimos a traballar o corpo humano. Esta vez tocou "ver coas mans". Aproveitando que xa coñecemos os sentidos, puxémolos a proba con este libro sensorial de texturas. Cada páxina tiña unha textura e un debuxo diferente. Tratábase de adiviñar, a través do tacto, de que imaxe se trataba.

Ciencia en 10 min. - Febreiro

Podemos cocer un ovo sen empregar calor? Acabamos de descubrir que si.

Resulta que se mergullamos un ovo en alcol este reacciona coa albúmina que é unha proteína que ten o ovo. Trátase dunha reacción química chamada "desnaturalización" que é similar á que ocorre coa calor e que fai que a clara pase de transparente a cor branca.

Xa sabemos o que se vos está a pasar pola cabeza... E non... O ovo non é comestible.

Pelexos e ósos: O corpo humano

Este trimestre o alumnado de Educación Infantil está desenvolvendo un proxecto centrado no coñecemento do corpo humano. Pouco e pouco van descubrindo que temos no noso interior.

O esqueleto é un dos grandes protagonistas.

Descubiron e montaron a súa estrutura en forma de cartón reciclado:

Tamén a través das radiografías que son como fotografías do interior do noso corpo:

E de forma espectacular a través da luz negra:

Nos vindeiros días haberá máis sorpresas: Pulmóns, tendóns e músculos!

O xogo da miñoca

Como desaparecen os restos orgánicos do lixo que producimos? Descompóñense? Por que non ulen mal? Por que está todo cheo de bechiños? Son preguntas ás que demos resposta hoxe grazas aos dous obradoiros enmarcados dentro do PLAN REVITALIZA.

O alumnado de 1º e 2º pasouno xenial no XOGO DA MIÑOCA. Grazas a un taboleiro xigante descubriron que residuos podemos botar ao compostador, como se transforman en compost e todo tipo de información relacionada co coidado do medio ambiente. Tratábase dun xogo a base de preguntas das que o alumnado soubo perfectamente responder xa que en Barrantes aprendemos desde ben pequenos a coidar o medio ambiente.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut