Skip to Content

Información

Colmeas

Algunha vez vistes de preto un panal dunha colmea de abellas?

Tivemos a grande sorte de que un compañeiro trouxo da casa uns anaquiños de panal para poder observalos. Son brandiños, como se fosen de cartón, e teñen celdas con formas xeométricas (hexagonais) que son utilizadas polas abellas para gardar alimentos, para criar e fabricar o mel. Unha chulada!

Terrario

Nas aulas de Infantil están moi concienciadas en descubrir todo tipo de aspectos interesantes do mundo dos invertebrados. Por iso acaban de traer ás aulas uns terrarios nos que poderán observar o modo de vida destes bechiños así como alimentalos.

A partires de hoxe convivirán con miñocas, grilos, saltóns, caracois, formigas e demais fauna que foron traendo do patio ou das casas. Prometeron coidalos con moito mimo e liberalos a final de curso.

Cubo de Rubik

Sabiades que o cubo de Rubik non foi inventado para ser un xoguete?

O enxeñeiro  profesor Erno Rubik inventou este cubo no ano 1974 como ferramenta para que os seus estudantes entendesen a rotación de obxectos tridimensionais. E non se decatou de que creara un crebacabezas ata que o mesturou e tivo que resolvelo por primeira vez. Pero... sabedes canto tardou en resolvelo? Tardou nada máis e nada menos que un mes.

A partires de hoxe e tódolos venres teremos un obradoiro de resolución de cubos de Rubik. Cuestión de enxeñería... Atréveste?

O trimestre dos bechos

A rapazada de Infantil está mergullada este trimestre no mundo dos invertebrados. E hoxe tiveron una visita moi especial pois unha compañeira de Primaria trouxo unha caixa chea de bechiños que puideron observar moi de preto.

Había de todo: bolboretas, escaravellos, cabaliños do demo e mesmo unha tartaruga.

Ciencia en 10 min. - Abril

Este mes toca fedellar co sistema nervioso e o sentido da vista. E é que, ás veces, as cousas non son como as vemos e o noso cerebro non é quen de procesar a información.

Queredes poñervos a proba? Premede aquí e... imos aló!

A resposta a tódalas preguntas é... que son iguais!

A explicación é que certas neuronas (as células do cerebro) adáptanse ao movemento ou á posición e tamaño e, cando cambias eses factores, outras neuronas compensan esa adaptación e crean unha distorsión. 

 
 

Viaxe científica

Rematou o trimestre e dicidimos realizar unha viaxe a través da Ciencia.

Visitamos Coruña e a nosa primeira parada foi a Casa das Ciencias, onde tivemos a oportunidade de aprender da manipulación de diversos instrunentos científicos, especialmente relacionados coa física.

Xa dentro do Planetario tivemos a ocasión de aprender cousas relacionadas co Sistema Solar:

A seguinte parada foi unhas das máis agardadas pola rapazada: A Casa dos Peixes. Este acuario ofreceunos a posibilidade de observar diversas especies mariñas no seu medio. Unha das estrelas era o tiburón Gastón:

Pero o prato forte foi observar como alimentaban as focas:

Moi interesante e unha chulada! Chegamos cansos pero moi felices e con moitas aprendizaxes.

Tarefas STEAM

Este mes que remata tivemos moitísimas actividades de ciencias.

O alumnado de 5º estivo a rematar a montaxe dos edificios 3D. Estas persoas arquitectas finalizaron o edificio do teatro da Ópera de Sidney (australia) e o Castelo Neuschwanstein (Alemaña). Aquí tendes o resultado:

      

      

 

Por outro lado aproveitamos para realizar valoracións ácido-base, é dicir, medir a acidez de diferentes tipos de materia:

Tomate  Amoníaco  Vinagre  Deterxente  Lixivia  Bicarbonato  Auga  Refresco  Café  Leite  Laranxa  Limón

Utilizamos papel de tornasol para averiguar, comparando as cores, o pH (grao de acidez) de cada produto. O resultado foi unha escala de valoración do seguinte tipo.

Programación de videoxogos

Seguido as bases da competencia STEAM, estes días puxémonos na pel das persoas programadoras informáticas e creamos os nosos propios videoxogos retro.

Grazas a un sinxelo programa cunhas secuencias similares ás do Scratch puidemos crear videoxogos cun aspecto moi divertido e aos que podemos xogar cando queiramos.

 https://youtube.com/shorts/yaqQOx1HLM8?si=9X03t0AYuBfdqKWg

Cremos que non van esquecer esta actividade.

 

Microcompostaxe na aula

Esta semana continuamos cun novo obradoiro dentro do PLAN REVITALIZA da Deputación.

Nesta ocasión construimos un pequeno composteiro que servirá para observar o funcionamento e a evolución do mesmo, así como para realizar a medición de diferentes parámetros como volume, masa ou temperatura.

Todo quedará na aula durante varias semanas e así poderemos observar o proceso nas seguintes semanas.

 
 

Ciencia en 10 min. - Marzo

Este mes celebramos o MES DA AUGA. Entón, imos experimentar con ela.

O primeiro dos experimentos consistiu en atravesar unha bolsa de auga con dous lapis. O resultado é que non se baleira polo ocos debido a que o lapis ocupa o espazo furado e non permite o acceso de aire ao interior nin unha perda de presión.

     

No caso do segundo, estudamos a propiedade de refracción da luz na auga. Fixemos pasar un debuxo dunha frecha detrás dun bote cheo de auga. O resultado é que a frecha cambia a súa dirección do mesmo xeito que a luz cambia de dirección ao atravesar a auga debido á refracción.

     

Por último quixemos observar o proceso de filtración da auga e, á vez, facer visible a importancia da auga e os efectos negativos da contaminación. Deste xeito, preparamos un sistema de filtración cun filtro de café, algodón, area e pedras de diferentes tamaños. O resultado é que a auga turbia que botamos no filtro sae perfectamente transparente.

     

Distribuir contido


by Dr. Radut