Un chisco á Galicia tradicional

Con motivo da celebración do Día Das Letras Galegas e co fin de introducir aos nenos e nenas na nosa cultura, estase a realizar no centro unha exposición de traxes galegos e instrumentos musicais tradicionais.

Contamos coa colaboración da artesá vilalbesa Carmen López e do grupo Alxibeira do Padroado de Cultura do Concello de Narón, segundo o programa Traballando pola recuperación das nosas tradicións. A artesá Carmen López elabora tanto traxes tradicionais como complementos para todas as idades. Tamén se expón un repertorio de fotografías da colección de traxes de Alberto Golpe Beceiro. Estas fotografías espellan os diferentes xeitos de vestir das diversas zonas de Galicia.

Dita exposición poderá ser visitada ata o mércores 1 de xuño en horario de mañá e tarde.

O venres, como culminación desta semana na que se lembra a figura de Lois Pereiro, celebrarase no centro o tradicional festival das Letras Galegas onde, ademais de diversas actuacións por parte do alumnado, contaremos coa especial intervención do citado grupo.

A comunidade educativa da Solaina agradece a colaboración nesta iniciativa aos membros do Padroado da Cultura, a Alberto Golpe, e, de xeito moi especial e agarimoso, a Carmen López.

No festival do Día das letras galegas ademais de actuar case todos os cursos contamos coa colaboración de Alxibeira, o grupo do Padroado da cultura de Narón. A continuación podedes ver un vídeo cuns segundos de cada actuación.