Vídeo visita escola

Despois da sesión de videoconferencia deste martes e tras coñecer o interese das familias que asististes por poder visitar o noso centro e, despois de ter decidido que este ano non fariamos sesións de portas abertas, consideramos atender a vosa petición realizando este vídeo- visita para que vos podades facer unha idea de como é o noso centro. Non saen todas as dependencias, porque senón o vídeo extendíase moito.

Gustaríanos anotar que o vídeo foi gravado en grande parte ao finalizar a xornada e por iso veredes algúns espazos non de todo recollidos, pero pareceunos tamén importante que virades os espazos tal e como son, sen preparación a maiores.

Estrañaravos ver na biblioteca tanta mesa e as tablas de pranchar e as mesas con louza, pero é que estamos a realizar uns obradoiros de corresponsabilidade e temos as cousas preparadas alí. Seguro que, con preparación os espazos podían saír máis bonitos, pero este é o noso cole ao remate dunha xornada escolar.

Esperamos que vos guste e esperamos vervos como parte da nosa comunidade educativa neste vindeiro curso 2021- 2022.

Semana da muller

Esta semana, como sabedes conmemorábase o DÍA DA MULLER, o pasado luns 8 de marzo.

No cole preparamos varias actividades, algunhas delas aínda se están levando a cabo e xa vos mostraremos imaxes e outras xa se realizaron.

Na biblio, dende o luns estamos a realizar obradoiros de corresponsabilidade no fogar. O alumnado, no día que lles toca biblioteca realizan, nese mesmo espazo, obradoiros de: costura de botóns, ganchillo, cociña: cociñan unha tortilla francesa, planchado e fregado de pratos. As nenas e nenos pasan dun recanto a outra realizando todos estas tarefas. Con este obradoiro pretendemos concienciar ao noso alumnado que a responsabilidade das tarefas da casa é cousa de homes e de mulleres.

O mesmo luns colocamos uns carteis identificativos nas aulas, que renomeamos con nomes de mulleres, principalmente galegas. Así, a partir de agora as aulas nomearanse do seguinte xeito:

3 anos- María Montessori

4 anos- Antía Cal

5 anos- María Victoria Moreno

1º- Lola Diz

2º e 3º- Ángeles Albariño

4º- Heroínas de Sálvora

5º- Ana Peleteiro

6º- Luz Fandiño

Música- Eugenia Osterberger

PT- Juliana Fariña

AL- Adiaratou Iglesias

Orientación- Clara Wieck

EF- Vero Boquete

Relixión Católica- Malala Yousafzai

Biblioteca- Ledicia Costas

e deixamos para o final o nome que máis ilusión nos fai incluir nesta lista e da que nos sentimos orgullos@s de ter nas paredes do noso centro. A aula de inglés a partir de agora será a aula ELISA de la PEÑA. Sentímonos realmente orgullosos de que no noso cole figure para sempre o nome da que foi a primeira directora do centro e que o dirixiu durante moitos anos. O papel de Elisa como defensora dos dereitos das mulleres non precisa explicación pois é de sobra coñecido. A partir de agora esta aula levará o seu nome, pero a súa pegada está en cada recanto do centro.

Por último, o alumnado de infantil preparou un pequeno mural ese día cos debuxos das nenas e nenos da muller máis importante nas súas vidas: nais, avoas, madriñas...

Esta semana continuaremos cos obradoiros co alumnado de infantil e cando todas e todos teñamos pasado por eles, ensinarémosvos as fotografías.

 

RESULTADO DAS VOTACIÓNS PARA ESCOLLER O LOGO

Queridas familias!

Despois de toda esta semana recibindo votos, xa temos resultado.

Votastes as familias, votamos o profesorado e votou o persoal non docente. Despois de ter recontado todas "as papeletas" o deseño gañador foi:

Agora, o seguinte paso será levalo a que o dixitalicen e que lle dean forma. Xa vos amosaremos o resultado final.

Queremos dar as grazas a todas e todos os participantes por aportar ideas e amosar a súa creatividade nos seus deseños.

Este deseño en particular inclúe o mar, que é algo moi característico do noso pobo e, que identifica ao noso cole xa que as vistas da cara sur do cole á ría de Vigo son incomparables. Inclúe un arcoiris deseñado coas cores das portas do noso centro, máis que un arcoiris é un amencer, como o que se ve nas mañás soleadas dende a entrada do noso cole. Inclúe tamén os chopos que rodean o noso cole e que son totalmente característicos del. Vexamos dende donde vexamos o cole, aparece rodeado desas imponentes árbores e, ademái, simbolizaría o crecemento, o crecemento que todas as persoas que convivimos no cole facemos, aprendendo xuntas. E, en xeral, a idea dun cole inmerso na natureza, e que ten a natureza como base, que tenta coidala e aprender dela.

Esperamos que esta idea de cole recollida no logo sexa unha idea que compartades como familias.

Moitísimas grazas pola participación!!

SESIÓN DE ESCOLA DE FAMILIAS CON ALBA ALONSO

Para unirvos á reunión pinchade AQUÍ

ADMISIÓN ALUMNADO 2021

Tal e como se recolle na ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (código de procedemento ED550A e ED550B) debemos publicar as vacantes dispoñibles antes do 1 de marzo.

No noso centro quedaría como segue:

CURSO PERMANENCIAS VACANTES
4º INFANTIL 0 22+ 3 NEAE
5º INFANTIL 11 14
6º INFANTIL 9 16
1º PRIMARIA 9 13+ 3 NEAE
2º PRIMARIA 20 5
3º PRIMARIA 11 14
4º PRIMARIA 1 24
5º PRIMARIA 14 11
6º PRIMARIA 9 16

Lembramos as datas máis relevantes:

O prazo de presentación de solicitudes abranguerá do 1 ao 22 de marzo.

Publicación listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, antes do 25 de abril.

Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, antes do 15 de maio.

Formalización de matrícula para Infantil e Primaria, do 20 ao 30 de xuño.

 

 

NOTA: Só se poderá entregar unha solicitude de admisión, na que se poderán facer constar por orde de preferencia ata 6 centros.

Distribuir contido

Back to top