AS ALUMNAS RAQUEL MIRANDA SIEIRO E AINHOA ESTEBAN MOLDES DE 1º DE BACHARELATO, A PROFESORA CONSUELO BLANCO BLANCO E O DEPARTAMENTO DE DEBUXO GAÑAN UN PREMIO DE MODELADO 3D A PARTIR DE FOTOGRAFÍAS ORGANIZADO POLO CONCELLO DE SANTIAGO

As alumnas de 1º de Bacharelato B Raquel Miranda Sieiro e Ainhoa Esteban Moldes xunto coa profesora Consuelo Blanco Blanco e o departamento de Debuxo acaban de obter os premios do concurso organizado polo Concello de Santiago, Ferrovial e a Universidade de Santiago de modelado 3D a partir de fotografías con tema o medio ambiente. Parabéns para todos eles. Aquí tedes a ligazón aos traballos das alumnas premiadas.

RAQUEL MIRANDA- C.BLANCO-PONTEVEDRA by Grupo de Investigación USCAN3D on Sketchfab

 

O concurso de modelado 3D fomenta entre o estudantado galego a educación en valores ambientais. Aquí tedes a información do mesmo.

O Concello de Santiago, en colaboración coa USC e a empresa Ferrovial, vén de poñer en marcha o concurso COMPOS3D de modelado 3D a partir de fotografías, co obxectivo de fomentar a educación en valores medioambientais. O certame enmárcase nas actividades de celebración na cidade do Día Mundial do Medio Ambiente, e está dirixido a estudantes de entre 14 e 17 anos. 

No concurso, promovido na USC polo seu Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o grupo de investigación D3MOBILE, poden participar equipos formados por un alumno e o seu profesor, de calquera centro de ensino regrado de Galicia. Os profesores poderán formar parte de distintos equipos, tutelando a cantos estudantes desexen. 

Botando man de instrumentos tan familiares para os mozos como un teléfono móbil, unha tablet ou un ordenador, os participantes realizarán un modelo 3D virtual a partir dun obxecto da súa contorna. Tamén terán que elaborar un vídeo do modelo, que poderá ser editado. O 2 de maio remata o prazo para presentar os traballos, que serán valorados pola súa creatividade, orixinalidade, calidade e beleza, así como polo grao de vinculación coa temática do medio ambiente.

Premios
O concurso COMPOS3D establece catro premios, dous para os mellores equipos de centros de Santiago e outros dous para os de Galicia, consistentes en dúas tablets (unha para o alumno e outra para o profesor). Ademais, para os dous centros educativos –de Santiago e Galicia- que acaden en conxunto unha maior puntuación sumando as dos seus equipos adscritos haberá unha impresora 3D. 

Compostela, pioneira
Coa organización deste evento, Compostela convértese na primeira cidade en utilizar o modelado 3D a partir de fotografías como ferramenta para o fomento da educación en valores ambientais. Trataríase da mesma formulación que ten calquera concurso de fotografía, vídeo, pintura, narración, etc., pero en lugar de utilizar eses soportes os participantes utilizarán o modelado 3D, unha técnica que está a converterse nunha potente ferramenta de rexistro de información que xa utilizan diariamente moitos escolares, universitarios e profesionais en todo o mundo.