Conferencia de Ángel Carracedo

 O Departamento de Bioloxía e Xeoloxía organizou o mércores, día 11 de febreiro, unha conferencia na que o prestixioso catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, impartiu unha charla ao alumnado de 1º e 2º de bacharelato que levou por título: “Aplicacións da tecnoloxía no ADN”.

 Alén da súa cátedra, Ángel Carracedo dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro Nacional de Xenotipado. É, quizais, o científico galego con máis proxección internacional e líder mundial na xenética forense. A súa brillante traxectoria profesional foi e é recoñecida con innumerables premios, tanto a nivel nacional coma internacional.

 Esta charla enmárcase nunha serie de actividades culturais que organizan os diferentes departamentos e a vicedirección do instituto, co obxectivo de completar e ampliar a formación do seu alumnado.