Medalla de bronce na L Olimpíada de Matemáticas


Actualización do 02/04/2014:

Entre os días 27 e 30 de marzo celebrouse a fase final da L Olimpíada Matemática en Requena (Valencia), na que participaron 77 alumnos/as de todas as comunidades española. Entregáronse 36 medallas: 6 de ouro, 12 de prata e 18 de bronce, e unha destas últimas foi para o noso alumno Miguel Cidrás Senra, un dos tres representantes galegos. Unha vez máis as nosas felicitacións convencidos de que o seu futuro será igualmente brillante.

Constou de dúas probas escritas de tres horas e media cada unha. A primeira desenvolveuse na mañá do día 28 e a segunda na do día 29. Nelas resolveron un total de seis problemas que non requiren coñecementos específicos, senón capacidade de raciocinio e certa dose do que se coñece como "idea feliz". O resto do tempo estivo dedicado a unha convivencia entre participantes.

O obxectivo destes concursos é estimular o estudo das matemáticas e desenvolver novos talentos nesta ciencia.

Entrevista en La Voz de Galicia, 03/04/2014

Tamén Diario de Pontevedra se fixo eco da nova.

O pasado día 17 de xaneiro celebrouse na Facultade de Matemáticas de Santiago a fase galega da Olimpíada de Matemáticas na que resultou clasificado en 3º lugar, e polo tanto representará a Galicia na fase estatal que se celebrará en Requena a finais de marzo, o noso alumno Miguel Cidrás Senra de 1º Bach. A. Os nosos parabéns polo éxito acadado e os mellores desexos para o reto que o agarda. E non nos esquecemos do segundo participante, Gibrann Molho López. (Máis fotos)