Monte vivo

 

Un ano máis o alumnado de 2º A da ESO participou en actividades de concienciación e loita contra os incendios forestais grazas á colaboración do Concello de Pontevedra, que vén facendo posíbeis estas actividades dende hai anos. Este curso, ademais, o instituto asinou un acordo de cooperación coa Mancomunidade de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra (como xa informamos máis abaixo), polo que o Instituto se compromete no coñecemento e na defensa dos montes comunais do entorno de Pontevedra e as comunidades proporcionan os montes para que este obxectivo sexa posíbel.

A actividade consistiu na visita a un monte queimado este mes de agosto en Berducido, no que puideron comprobar os fenómenos erosivos que se tiñan producido e onde se sementaron gramí­neas coa intención de restaurar de forma rápida a cuberta vexetal protectora e frear a erosión e perda de solo fértil. Logo, no monte da Fracha, plantáronse árbores de especies autóctonas (carballos, bidueiros e castiñeiros, todos micorrizados con fungos produtores de setas) nunha zona aínda degradada polos incendios do ano 2006. Cando crezan, estas árbores non só protexerán o solo e os ecosistemas, tamén proporcionarán outros recursos como os micolóxicos. (Máis fotos)