Pais/Nais
O 27 de febreiro ás 9 da mañá o alumnado e a profesora de TIC reunímonos no vestíbulo do Instituto, formamos grupos e saímos coas nosas cámaras dispostas a captar as árbores, as nubes, as caras dos nosos compañeiros e compañeiras, as cores, os espazos baleiros... Redescubrir o noso ámbito a través dos nosos obxectivos.
Chegamos á Fundación Laxeiro onde puidemos apreciar a exposición "Corinta" de Elena Lapeña.
As explicacións dadas por Javier Pérez Buján achegáronnos ao traballo da artista e descubríronnos a dificultade que pode entrañar a montaxe dunha exposición; nesta a busca da sinxeleza, nada de marcos nin cristais que cubrisen as fotografías foi o obxectivo.
As fotografías, analóxicas e sen utilización de ningún programa de edición de imaxes, móstrannos unha realidade que todos coñecemos dende unha perspectiva totalmente distinta, a maior parte das flores e plantas fotografadas encóntranse no noso ámbito, a maioría de nós e de nós pensou que estabamos a ver fotografías dunha flora exótica. Gustáronnos moito.
Despois perdémonos no ámbito da Alameda e zona antiga coas nosas cámaras.
Xuntámonos de novo e puxemos rumbo cara ao Marco dispostos a gozar da exposición "Veraneantes".
Percorremos todas as salas, sempre acompañados polo persoal do museo os que coas súas explicacións nos permitiron comprender e apreciar mellor o exposto.
Divertímonos representando escenas importantes da Historia.
Todo trascurrió relaxadamente, mostrando interese e respecto, puidemos gozar da compañía dos nosos compañeiros e compañeiras, do noso ámbito, das exposicións e da realización de fotos. A profesora sentiuse moi orgullosa dos seus alumnos e alumnas.
O Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pronunciou unha conferencia o 25 de febreiro, conmemorando o 177 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. O brillante estudoso rosalián, autor de numerosas obras arredor da figura da escritora, realizou un percorrido pola súa biografía, situándoa en paralelo coa do seu esposo, Murguía, desde o casamento de ambos, acontecido en 1858. Da man de Don Xesús percorremos as relacións persoais da autora, asistimos ao nacemento dos sete fillos, contemplamos a saudade sentida ao deixar a terra por causa do traballo de Manuel Murguía, sen esquecer o trasfondo dos graves problemas económicos que acuciaban á parella, o que unido á fráxil saúde de Rosalía incidiu sen dúbida na súa obra. O noso Instituto tivo, pois, a honra, de lembrar a través da voz do Presidente da nosa Academia, que foi Vigo, na imprenta de Compañel, a cidade que viu saír á luz a obra de Cantares Gallegos, coa que se deu por inaugurado o Rexurdimento, unha etapa esperanzadora tras 300 escuros anos de silencio.
O luns, 10 de febreiro, próximas xa as datas de remate do noso Ciclo de Orientación Académica e Profesional, recibimos a D. David Parada Leirós, co motivo de manter unha reunión informativa co alumnado de 2º de Bacharelato acerca dunha titulación ben demandada: Fisioterapia. D. David Parada demostrou amplamente a súa cualificación académica, pois non en van, ademais da titulación de Fisioterapeuta Deportivo, está especializado en Osteopatía e ten ademais a especialidade de Nutrición.
A primeira parte da charla consistiu na información acerca de conceptos prácticos, como é o caso das materias que se cursan e os obxectivos que conlevan, ademais das recomendacións do noso especialista cara ao alumnado, no sentido de que a opción de Fisioterapia debe contar co ánimo, entre os que desexen cursala, de buscar sempre máis aló do simple desenvolvemento profesional. Na segunda parte da charla, xa aberta a quenda de preguntas, foron moitas as cuestións que se lle formularon, mesmo aquelas que tiñan relación coa faceta de nutricionista que desenvolve, deixando desde logo en evidencia que a relación entre estilo de vida, saúde, movemento e nutrición están intimamente relacionados.
Xulio Fernández, profesor e investigador da ETS de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo, a instancias do departamento de Tecnoloxía impartiu unha charla ao alumnado de TIC o venres 24 de xaneiro.
Xulio Fernández quen é autor de numerosos proxectos e coñecedor de cantidade de temas relacionados co campo da tecnoloxía da información e da comunicación tivo a amabilidade de aceptar impartir a charla sobre o seu libro "Consellos de amigo para alumnos universitaros".
Aínda que o noso alumnado se encontra cursando estudos non universitarios considerabamos que sería estupendo que Xulio Fernández fose ese "amigo" que che pode servir de axuda en momentos difíciles na vida estudantil.
Alguén que ten a capacidade de dar o seu tempo para facilitar a vida dos estudantes sería todo un regalo que estivese connosco a falarnos como "amigo". De aí o título da charla "Consellos de amigo".
Xulio Fernández abordou o cambio social esperable, a transición entre esta sociedade e unha nova sociedade, a indefensión aprendida, o test de intelixencia, a etiqueta do que nos sucede poñémola nós e a relación entre materia, enerxía, información e conciencia.
"Imaxinemos que somos unha praia con conciencia de praia" con estas palabras comezou Xulio Fernández a charla.
Visionouse o curto " Indefensión aprendida" tras o cal Xulio Fernandez comentou: "Vemos como, en cinco minutos, se pode danar a autoestima duns mozos e iso inflúe drasticamente no que eses mozos son capaces de facer" deste xeito abordou o tema da autoconciencia, ou o autocoñecemento, "trátase de facer o esforzo de ser conscientes de como nos afectan as cousas que nos pasan".
Xulio Fernández dixo "O mellor consello que vos dou é que tedes que ser conscientes".
Referiuse á revolución social que estamos a vivir "Estamos na revolución da información que difire das anteriores revolucións en que durará tan só 20 anos, todos os que estamos na charla morreremos na sociedade post información"
Mencionou "as cousas que nos pasan non son boas nin malas, somos nós os que as etiquetamos. Así ao responder á pregunta de que facer cando nos esforzamos moito para un exame e o resultado obtido é baixo comentou: "Tras unha experiencia dura, podemos quedar co malo da experiencia, e aferrarnos a iso malo que nos pasou. Tamén podemos aceptar que foi unha experiencia dura, que buscaremos non repetir, e gardalo na memoria como esa pasaxe da miña vida sen máis".
Ao ser preguntado sobre que consello daría a alguén que inicia os seus estudos universitarios respondeu: "Cando cheguedes á Universidade gozar"
O día 21 de xaneiro celebrouse no salón de actos unha charla informativa sobre o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, impartida por Dña. Mª José Agrafojo, do Departamento de Mercadotecnia do devandito centro.
Á charla asistiron numerosos alumnos de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato, que seguiron con grande interese as explicacións sobre os estudos que se imparten no CSHG, requisitos de acceso, perfil profesional de cada un dos estudos, organización dos cursos, etc., así como reflexións e indicacións sobre o mundo laboral.
Ao final da charla os alumnos fixeron numerosas preguntas, o que corrobora que son estudos que espertan curiosidade e son bastante descoñecidos.
O pasado día 20 de xaneiro os alumnos de 1º de Bacharelato A e B que cursan a materia de Bioloxía, desprazáronse ata a cidade da Coruña acompañados polas súas profesoras Rosario Lucas e Victoria Cobas. A finalidade da visita era dobre: por unha parte, visitar o museo para realizar unha viaxe interactiva polo corpo humano e, por outra parte, participar nun taller para familiarizarse coa investigación que se leva a cabo nun laboratorio de química baseado na busca de novos medicamentos. Os alumnos puideron comprobar a importancia do traballo en equipo compartindo os resultados para alcanzar o obxectivo: a síntese dunha molécula que actúe como fármaco para a enfermidade de Parkinson.
O día 15 de xaneiro de 2014, os alumnos de 3º da ESO do IES Rosais 2, visitaron a Domus e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología na Coruña, acompañados dos seus profesores Maite Freijido Román, profesora de Bioloxía- Xeoloxía e Carlos García Movilla, profesor de Educación Plástica e Visual.
Na Domus, os alumnos fixeron unha visita libre por todo o museo. Alí, puideron realizar actividades relacionadas co corpo humano, cos sentidos, co sistema nervioso, e coa evolución do ser humano.
Despois de comer no miradoiro, trasladáronse en autobúa ata o MUNCYT para facer unha visita guiada por distintas salas: a sala RENFE, a sala da evolución de inventos...
Nesta saída os alumnos puideron completar a materia estudada e ampliar os seus coñecementos coas actividades, ademais de vivir unha boa experiencia xunto aos seus compañeiros.
O pasado día 15 de xaneiro, D. Gonzalo Garre Rodas, profesor de Grao en ADE da escola de Negocios Novacaixagalicia presentou ó alumnado de 2º de Bacharelato, opción Ciencias Sociais, as características do único Grao en Administración e Dirección de Empresas de Galicia, con dobre titulación Internacional.Na charla-coloquio o relator destacou que neste Centro os estudantes son os verdadeiros protagonistas do proceso formativo e dese xeito conseguen gran capacitación para poder integrarse nos seus futuros equipos de traballo nas empresas.
O Departamento de Tecnoloxía organizou unha saída a Coruña para os alumnos da materia de TIC de 1º Bacharelato.
O 22 de decembro ás nove da mañá os 40 alumnos e alumnas participantes subiron ao autobús que os levaría a Coruña.
Ás 11 da mañá encontrábanse no vestíbulo das instalacións da Fundación Novacaixagalicia onde, grazas á amabilidade dos responsables da Fundación, se lles mostrou as instalacións desta; guiados polas distintas dependencias gozaron dunha explicación detallada e amena de como o arquitecto concibiu o edificio.Posteriormente, participarían na visita obradoiro "Ron Galella, paparazzo extraordinaire,".
Finalizada a visita percorreron a píe coa cámara en man o traxecto que separa a Fundación e o Domus, o cal permitiu realizar fotos en enclaves como a praia de Riazor ou retratos a compañeiros.
Tras interactuar cos diferentes obxectos expostos no Domus comeron de pícnic na zona reservada a tal obxecto.
Despois dirixíronse ao parque de Santa Margarita onde sacarían de novo fotos, entrando posteriormente na casa das ciencias onde interactuar coas diferentes instalacións para finalizar no Planetario.
Debemos sinalar que o comportamento do alumnado foi correcto en todo momento, tal é así que a profesora acompañante Marta Estrada, recibiu felicitacións do bo comportamento mostrado polo alumnado, o cal resulta moi gratificante.
O pasado día 16 de decembro o alumnado matriculado en 2º de Bacharelato de Ciencias Sociais tivo a oportunidade de coñecer todos os estudos, tanto de Grao como Másteres que poden cursarse na Universidade de Vigo, grazas á visita ao noso Centro de D. Ricardo Corderí, Xefe do Servizo de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Tamén os informou de bolsas, residencias e outros datos que necesitarán coñecer os futuros universitarios.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 39
- 40
- 41
- 42
- 43
- 44
- 45
- 46
- 47
- seguinte ›
- última »
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+