Pais/Nais
Igualdade
CONCURSO DIVERSIDADE.
admin — Ven, 11/06/2021 - 18:51
O grupo de Igualdade do instituto organizou un concurso de temática LGBTI, que formou parte dos días dedicados á Diversidade. Velaquí as fotos gañadoras e os artistas tras das cámaras cos seus premios.
CONCURSO 8M
admin — Dom, 25/04/2021 - 22:06
ENTREGA DE PREMIOS
Os equipos de Igualdade e de Dinamización Lingüística do instituto fixeron a entrega do premio que convocaron con motivo do Día Internacional da Muller. O concurso consistía na decoración das portas das aulas da ESO en homenaxe a distintas mulleres galegas pioneiras en distintos ámbitos. O primeiro premio foi para 3º ESO A polo seu traballo sobre a doutora Olimpia Valencia e concederon un accésit a 1º ESO C pola decoración que fixeron sobre a astrónoma Antonia Ferrín.
ENCONTRO CON INMA LÓPEZ E MARÍA REIMÓNDEZ.
admin — Dom, 25/04/2021 - 21:41
CICLO DE ENCONTROS VIRTUAIS CON ESCRITORAS GALEGAS
No instituto continuamos co ciclo de encontros con escritoras galegas. O alumnado de 4º ESO participou nunha charla en liña con Inma López Silva o día 26 de marzo e o alumnado de 1º BAC con María Reimóndez o día 16 de abril. As autoras falaron das súas obras e de porque escriben sobre temas como a igualdade e o feminismo. Durante o mes de maio o alumnado de 3º ESO tamén poderá participar neste ciclo.
ENCONTRO CON YOLANDA CASTAÑO
admin — Xov, 18/03/2021 - 19:31
CICLO DE ENCONTROS VIRTUAIS CON ESCRITORAS GALEGAS
O 12 de marzo, o alumnado de 2º BAC participou nun encontro en liña con Yolanda Castaño. Esta actividade está dentro do ciclo de encontros con escritoras galegas que comezamos o mes pasado. A autora falou da súa obra e contestou a preguntas do alumnado de distintos centros educativos de Vigo. Con esta actividade, ademais de dar a coñecer a obra das escritoras participantes, promóvese entre o alumnado a análise da literatura desde unha perspectiva de xénero.
8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
admin — Mér, 10/03/2021 - 20:51
8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
A semana pasada Carlos García Movilla, profesor do Departamento de Plástica, organizou un taller de estampado de camisetas con deseños feitos por alumnado do centro para o día 8 de marzo. Ademais, o grupo de Igualdade e o de Dinamización Lingüística do instituto, organizou unha actividade para dar visibilidade a mulleres galegas pioneiras en diversos ámbitos. O alumnado buscou información sobre elas, fixeron vídeos sobre as súas vidas e cada un dos grupos da ESO decorou as portas da súa aula inspirándose nunha desas mulleres.
ENCONTRO CON LEDICIA COSTAS
admin — Sáb, 20/02/2021 - 02:33
CICLO DE ENCONTROS VIRTUAIS CON ESCRITORAS GALEGAS
O 19 de febreiro, o alumnado de 4º ESO participou nun encontro en liña con Ledicia Costas. Esta actividade está dentro dun ciclo de encontros con varias escritoras galegas, no que cada unha das autoras falará da súa obra e o seu proceso creativo. Ademais promoverase entre o alumnado a análise da literatura desde unha perspectiva de xénero.
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
admin — Xov, 18/02/2021 - 02:55
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
O 11 de febreiro, con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, as alumnas de 4º ESO B, C e D participaron nos obradoiros en liña organizados pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, “Elas Fan Cien Tec”. Na actividade programaron un xogo con Scratch, unha páxina web en linguaxe HTML, e utilizaron nun xogo a linguaxe Python, con investigadoras e docentes da Escola de Enxeñería de Teleco como monitoras. Segundo datos da UNESCO, menos do 30 % dos investigadores en todo o mundo son mulleres e so o 30 % das estudantes escollen estudos superiores dentro do campo das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas (STEM). Esta iniciativa da Universidade está destinada a dar a coñecer todo o que abranguen as áreas de coñecemento científico-tecnolóxico ás alumnas de distintos centros educativos.
25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.
admin — Xov, 03/12/2020 - 22:26
25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.
O día 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o centro participou na actividade asociada ao programa EnlazaVigo 2020 do Concello de Vigo. O alumnado elaborou slogans contra a violencia de xénero co que despois decoraron as escaleiras e paredes do centro. Un deles tamén foi escollido para a exposición da Rúa Peonil do Calvario.
Ademais, o alumnado de 3º ESO en adiante viu a obra de teatro online “O último romántico”, na que se trata a violencia de xénero, e participou nun coloquio coa autora da obra e a produtora.
DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA
O día 14 de febreiro o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo celebrou as Xornadas da muller e a nena na ciencia. O alumnado do IES Rosais 2 acompañado polo profesor Xenxo Pérez e Laura Montes quixo manifestar o seu apoio á investigación e á sociedade baseada na igualdade de oportunidades independentemente do sexo. Nestas xornadas investigadoras do Oceanográfico e do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo mostraron ao noso alumnado como é o día a día nun laboratorio e puideron observan in situ como se alimenta un mexillón, como se extrae ADN ou como se poden separar os pigmentos das plantas, entre outros experimentos. Tamén cómpre felicitar a oito alumnas do noso centro, pois actuaron como monitoras ese día a carón de científicas. O seu labor centrouse en ensinar o alumnado doutros centros vigueses, con rigurosidade e amenidade, como se traballa nun laboratorio. Moitos parabéns polo voso traballo! Foi un día onde a ciencia e a igualdade foron unha festa.
CONMMEMORACIÓN DO 11 F DÍA DA MULLER E DA CIENCIA EN GALEGO
O 11 de febreiro conmemorando o Día da Muller e da Nena na Ciencia invitamos a D.ª Natalia Caparrini, Vicerrectora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, que impartiu unha charla ao alumnado de ciencias de 1º de Bacharelato. A Doutora en Ciencias Xeolóxicas e Profesora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, realizou un percorrido explicando a súa formación científica, o grupo de investigación o que pertence, proxectos realizados e postos de responsabilidade desempeñados ao longo da súa carreira profesional e toda unha serie de datos que resultaron reveladores para o alumnado. Grazas pola participación e colaboración!
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+