Skip to Content

INFORMACIÓN SOBRE A ATENCIÓN Ó ALUMNADO DO IES RAMÓN CABANILLAS PERANTE A SITUACIÓN DE ALARMA

Tendo en conta as instrucións elaboradas e enviadas pola Consellería de Educación para os 14 días naturais nos que en principio o alumnado non poderá asistir ao Instituto, o Equipo Directivo xunto co Claustro de Profesorado do noso centro elaboramos unhas directrices, co obxecto de que pese á extraordinaria situación pola que estamos a pasar o noso alumnado poida continuar a súa aprendizaxe.
Moito profesorado do centro xa mantén ao longo do curso canles de comunicación (correo electrónico etc.) co seu alumnado, pero dadas as circunstancias queremos sinalar algunhas cuestións que consideramos útiles e importantes:

  • O profesorado manterá o seu traballo de programación, elaboración de material e atención ao alumnado, coa diferenza de que non vai ser unha relación presencial. Por tanto todo o alumnado vai estar atendido.
  • É fundamental que o alumnado manteña o ritmo de estudo, tentando establecer na casa un horario semellante ao que teñen no centro, de xeito que non perdan capacidade de concentración nin hábitos de traballo e que cando volvamos a unha situación de normalidade poida adaptarse aos ritmos normais de estudo do xeito máis rápido posíbel.
  • O instituto conta cunha Aula Virtual que é coñecida polo noso alumnado, dado que moito emprégaa durante o curso; na mesma teñen que buscar a materia e o curso correspondente para comprobar se o profesorado ten subido á mesma material de estudo ou traballo. O enderezo da Aula Virtual é o seguinte http://www.edu.xunta.gal/centros/iesramoncabanillas/aulavirtual/ e na cabeceira desta páxina figura un acceso directo a ela.
  • Nestes últimos días houbo profesorado que xa lle indicou ao seu alumnado o traballo a facer, entregándolle ademais o material (fichas, indicacións, exercicios...) así que nalgúns casos non precisarán a Aula Virtual.
  • Con estas directrices publicamos un documento anexo no que aparecen os enderezos de correo electrónico do profesorado, para que o alumnado diante de dúbidas, consultas etc. poida ter un contacto directo co profesor ou profesora correspondente. Eses enderezos de correo son exclusivamente para esa función.
  • Ao respecto de avaliacións, exames, probas de ABAU, probas de acceso a Ciclos Formativos, ou outro tipo de dúbidas relacionadas co desenvolvemento do presente curso escolar non podemos proporcionar máis información neste momento, dado que non a temos. Deberemos seguir as instrucións que nos vaia enviando a Consellería de Educación, e toda a información que poidamos aportar a partir de hoxe porase nesta mesma páxina web.
  • Para consultas que non teñan relación co traballo diario dos seus fillos e fillas nestes días, pregamos que non se dirixan aos correos do profesorado senón ao correo do centro ies.ramon.cabanillas@edu.xunta.gal

PROCESO DE ADMISIÓN

Por outra banda, tendo en conta que os centros van estar pechados ata novo aviso, a Consellería de Educación amplía o prazo de presentación presencial e telemática das solicitudes de admisión, que finalizará unha semana despois do reinicio das clases.


Somos conscientes da intranquilidade que hai nas familias neste momento, pois tamén nós a padecemos, pero temos toda a confianza en que superaremos esta complexa situación, e en que o noso alumnado rematará con éxito a súa etapa escolar.


A Dirección

INSTRUCIÓNS ATENCIÓN A DISTANCIA DO ALUMNADO

ENDEREZOS DE CORREO ELECTRÓNICO DO PROFESORADO (Nova actualización 7 de maio)



story | by Dr. Radut