Skip to Content

VISITA AO MUNCYT DE 1º DE ESO

 

 O alumnado de 1º de ESO do noso centro visitou nos meses de decembro e xaneiro en dúas quendas as instalacións do MUNCYT  nunha actividade organizada polo Departamento de Tecnoloxía.

Os monitores do MUNCYT dirixiron a visita ás diferentes salas do museo nas que o alumnado puido observar diferentes obxectos, aparellos e máquinas. Na sala Maiúscula, observaon o derradeiro proxector que funcionou no cine París da Coruña, o primeiro acelerador de partículas de España, unha lente que estivo na Torre de Hércules, os primeiros ordenadores de IBM, un alambique e unha locomotora, entre outros. 

Na sala Patrimonio puideron ver obxectos tan curiososos coma os biberóns romanos. Na sala Miscelánea, leváronos a ver os robots e instrumentos físicos e químicos moi curiosos coma un parafuso de Arquímedes ou mecheiros bunsen. Na sala de Innovación española, puideron ver as caricaturas dos inventores/as españoles/as e investigar sobre algúns deles nas pantallas informativas. Alí tamén aprezaron algún dos seus inventos como o motor de diésel de Eduardo Barreiros ou unha maqueta do submarino de Isaac Peral.

O alumnado puido acceder á cabina do avión Lope de Vega, o boeing 747 que no ano 1981 fixo o seu primeiro voo e transladou o Guernica dende Nova York a Madrid. Previamente os monitores explicaron as características e equipamentos que tiña e os materiais dos que estaba construído.

As derradeiras salas que se visitaron  foron exploradas dunha forma máis lúdica, xa que na sala do século XX xogaron a unha especie de xincana na que, grazas a unha serie de pistas, tiñan que ir atopando os obxectos que se describían (antigas lavadoras, sistemas de fichaxe no traballo, motos, ambientadores de cine, etc.).

A última sala, dedicada aos elementos da táboa periódica, era a máis interactiva de todas, con diversos videoxogos que puxeron a proba tanto as destrezas como os coñecementos químicos do alumnado.

 

 

 

 

 



page | by Dr. Radut