A finais do mes de marzo unha delegación do noso instituto, encabezada polos profesores Violeta Bellas e Manuel Rodríguez, viaxou a Illa Reunión dentro do programa Erasmus desenvolvido con participantes doutros países: Portugal, Noruega e Austria.
Unha experiencia moi gratificante, para profes e alumnado, que Violeta nos resume nas seguintes liñas, e da que podedes facervos idea a través do seguinte vídeo:
![](/centros/iesmenendezpidal/system/files/u2/1650048099068.jpg)
- Luns, 28 marzo, no auditorio, tremendas instalacións, do IES Mémouna Hintermann Aelée. Cada país fixo unha presentación en inglés (lingua franca do Erasmus) sobre os seus países e as súas cidades. Previamente fomos recibidos polo equipo directivo. Os alumnos de Hostelería servíronnos o café e a comida. Pola tarde fomos recibidos no concello de Saint-Denis e déronnos unha visita guiada ao centro histórico: unha mestura de cinco pobos diferentes(franceses, hindúes, chinos, árabes e malgaches) fixo que a illa adoutase o nome Réunion, despois de ser chamada Bourbon (xa que a nosa familia real era dona do territorio)
- Martes 29 de marzo. Rumbo ao volcán Piton de la Fournaise. Sendeirismo polo Pas de Bellecombe e ata o cráter coñecido como Formica Leo. Despois visitamos o Centro de Interpretación do Volcán.
- Mércores 30 de marzo. Traballamos no centro sobre o "Melting pot", un obxecto que representa algo do noso país e que os demais tentaban de adiviñar cos ollos tapados. (Levamos abanos para todos e unhas cunchas que ninguén adiviñou o que eran. Hai dúas xa en Noruega, na casa do profesor de Música Per Audun). Visitamos o Lazaret, punto de chegada á illa onde os inmigrantes debían gardar corentena. Lugar que espertou emocións, xa que moitos dos antepasados dos alumnos viñan de permanecer illados e separados antes de comezar unha vida nova na illa da Réunion. Os alumnos fixeron unha intervención sobre as impresións que lles causou o lugar.
- Xoves 31 de marzo: á praia, para ver os corais, a barreira de coral, a fauna mariña. Visitamos despois de xantar o centro de recuperación de tartarugas mariñas Kelonia Museum, Tamén o Xardín Botánico. Na praia de L`Hermitage estivemos ata a noite, os pais trouxeron a comida e fixemos unha boa xornada no mar baixo as cores do solpor. Incrible.
- Venres 1 abril. Día dos Inocentes. Houbo a representación teatral relacionada coas migracións que ao longo da semana aprenderon a profundizar. Comida de todos xuntos no centro de Saint-Denis.
- Sábado 2 de abril. Volta a casa.