PAPIROMATES E VISITA AO MUSEO DE HISTORIA NATURAL

Tagged:

   O luns 20 e o martes 21 de xaneiro o noso alumnado da ESO realizou unha saída a Ferrol para visitar a exposición “Papiromates” e o “Museo de Historia Natural”.

   En “Papiromates” vimos a relación entre a papiroflexia e as matemáticas mediante unha xincana, gozando a maiores da coidada elaboración (sen emprego de pegamentos nin tesoiras) das figuras alí expostas e traídas do Museo de “Origami de Zaragoza”. 

   No Museo de Historia Natural a Sociedade Galega  de Historia Natural, entidade que xestiona o museo, recordounos  a necesidade vital do respecto e defensa da natureza.  

   Entre os seus fondos, achegados por particulares, destaca a maior colección de ósos de cetáceos de España e unha das mellores do mundo, con exemplares de até 15 millóns de anos. 

   O espazo expositivo alberga coleccións de peles e aves, fósiles de especies terrestres e mariñas, así como exemplares de insectos, baleas, serpes... 

   Tamén conta cunha das maiores coleccións de cunchas mariñas do mundo. Sobresae ademais a sección de botánica, cunhas 200 pezas, con seis das mesmas incluídas no “Catálogo de árbores senlleiras” da Xunta de Galicia.

   Sen dúbida, dúas visitas totalmente recomendables!